“La crónica periodística es la prosa narrativa de más apasionante lectura y mejor escrita hoy en día en Latinoamérica”, así presenta Darío Jaramillo a heteroxénea colección de materiais agrupados baixo este título de Alfagura: Antología de la Crónica Latinoamericana. Espantadas as reportaxes grandes e as crónicas das decadentes poutas duns medios de comunicación de calidade cada vez máis ínfima, como nun Século de Ouro brillan estes fascinantes materiais en revistas independentes ao longo de todo o continente. A disputa, nunca acabada, nunca resolta, que xamais se resolverá sobre a relación entre literatura e xornalismo volve aquí. Non creo que estes xornalistas teñan tentación de literatura, estando a realidade tan viva, tan brava e tan incrible ao seu redor. Pero os textos que escolmou Jaramillo permiten descubrir que o estilo non é só vontade estética, senón que pode ser unha útil e precisa ferramenta narrativa.
Ao ler esta fascinante antoloxía da realidade, con todo, a miña percepción foi outra: un inmenso alivio. Atrapados como estamos entre prosa de ínfima calidade e estilo ramplón e misérrimo, descubrir prosa xornalística ben escrita é unha auténtica reconciliación do oficio, pero tamén un motivo de reflexión. Se cadra, unha das vías máis gloriosas, interesantes, rendibles e populares do xornalismo estará aquí, nestas pezas longas, impecables, certeiras, que non perderon a capacidade de narrar o humano. Coa crecente infoxicación, co consumo continuado de información mecanizada, o traballo destes artesáns do xornalismo convírtese nun tesouro profundamente rendible. Levo un ano percibindo como os tempos de lectura se incrementan (e tamén os de escritura). Conforme van medrando os microformatos, medran tamén os antigos macroformatos dos 10.000 caracteres ou máis alá. A crise está no punto intermedio. Ou moito me engano, ou a xente quere ler grandes historias de novo. Historias honestas, cun tipo ou tipa detrás, que coñecen doutras anteriores, e do que se fían -que ven no bar.
Esta Antología de la crónica latinoamericana debera ser lectura obrigada nas Facultades de Comunicación. Está chea de inspiración. De como podemos crebar o monopolio da realidade e descubrir outras realidades, alterando e transformando o tempo.

Be First to Comment