
O meu primeiro contacto coa manda de lobo ibérico máis occidental de Europa foi hai moitos anos, unha noite na que baixabamos camiñando dos chans da Serra do Barbanza; cruzabamos entre un grupo de cabalos bravos que durmiñaban nun abrigo dos ventos ao abeiro dun regato, sobre as ruínas dun deses enigmáticos poboados de cabanas circulares que se atopan nos abrigos da penichaira barbanzona. Os lobos ouveaban, se cadra sobre as alturas do Outeiro dos Corvos, e chegamos a sentir o latigazo de adrenalina que naquel momento sacudiu o grupiño de cimarróns que se protexía naquel prado. Aquel ouveo era como un ciclo, un resumo da vida salvaxe na Serra do Barbanza durante milenios, unha espada que corta a noite dos séculos e nos devolve ás nosas sensacións primarias de medos, fames, refuxios e lumes protectores.
“Volveron os lobos”, dixérame entre susurros un amigo que me acompañaba, fascinado. Nunca chegamos a saber -faltábannos os datos- se a Última Manda do Oeste, exterminadas no XVIII as derradeiras poboacións dos montes de Cambria, das Highlands e do bosque de Nephin, marchara momentaneamente dos montes do Barbanza que antes habitara en combate cos homes. Pero nos últimos anos, a súa sombra, o seu paso, fixérase outra vez forte no monte. O proceso, desde un punto de vista poético, parecíase moito a unha auténtica rebelión do Salvaxe: mentres o goberno autonómico e os municipais consentían aos gandeiros a minifundización e parcelación dunha serra que nunca soubo de valados nin minifundios nin arames, a Última Manda do Oeste pareceu intensificar a súa actividade. As novas fronteiras artificiais para estes animais sen límites nin cansazo parecían ridículas diante do seu proceder noturno e implacable.
Este verán teño escrito sobre unha lenda que se me escapou das mans como un puñado de area: a historia da Loba Branca, contada por unhas mans que debullaban millo entre as aldeas de Montaña e Montañó. A lenda daquela loba-muller, que coidaba pola noite aos seus nenos da aldea e polo día perdíase entre as penedías barbanzónicas, se cadra estivese contando, de xeito inconsciente, a crónica desta Última Manda do Oeste: o miragre da pervivencia de poderosos animais ceibos nunha serra rodeada dunha fortísima presión demográfica humana. Se cadra a Loba Branca fose a expresión mitolóxica desa presión e tensión. E se cadra os rarísimos fenómenos de hibridación que están a formar grupos de lubicáns no Barbanza sexan as súas plasmacións reais.
Hoxe o meu irmán publica este artigo na Voz, tras os procesos de denuncia e colaboración coas autoridades para localizar as trampas ilegais que pretenden rematar coa Última Manda do Oeste.
Amnistía para o lobo barbanzón
Xurxo Gago
Corneille dixo: “Os mortos que vós matades/ gozan de boa saúde” Esta frase véuseme repetidas veces á cabeza mentras atopabamos lazos e lobos mortos entre os arames da nosa querida Serra do Barbanza. Explícome: a Xunta autorizou batidas e “esperas” ao lobo nunca antes coñecidas na nosa comarca, que se suman á caza ilegal con veneno e lazos.A manda de lobos do Barbanza é unha das máis occidentais de Europa. Isto confírelle un valor especial, de exclusividade. Pero tamén leva consigo un perigo asociado ao illamento da poboación, xa que impide o aporte de novos xenes de individuos foráneos. Na reproducción a parella de lobos “alfa” inhiben o celo do resto de membros, só se reproducen eles. Os outros lobos amósanse sumisos ante o poderío dos alfas e incluso colaboran na cría dos lobatos.
Os cans son unha das presas habituais dos lobos. Como pode ser entón que haxa lubicáns no Barbanza? Unha das explicacións máis aceptadas pola comunidade científica é que estas estranas hibridacións só ocorren en situacións excepcionais: por exemplo, que as mandas estean desestruturadas pola morte de varios membros alfa ou que a zona estea moi habitada por humanos e, xa que logo, haxa moitos cans abandonados. Ambos factores encaixan ben co Barbanza. Así, unha loba sen a inhibición dos alfas podería aparearse cun can, e logo ser capaz de criar soa a camada de lubicáns. Así que agora a caza de carácter non selectivo, sen a asistencia de técnicos, canda os lazos e o veneno, agravou a situación.
Hai anos un gardabosques díxolle a un rapaz: “Na natureza… mellor non tocar”. Penso que non estudou xenética, pero tiña razón: os organismos domesticados sen a presión selectiva do home poden volver á súa orixe silvestre, e máis aínda no caso do lobo, onde a xerarquización dunha manda ben estruturada impide apareamentos con cans.
O maior enemigo do lobo non está no monte. O maior enemigo do lobo é a ignorancia. Aínda estamos a tempo de salvar ao noso lobo barbanzón, e dicir como na comedia de Corneille: “os lobos que vós matabades / agora si gozan de boa saúde”.

Para interesados: http://www.iiicongresolobo.org/gl/gl_programa_congreso