Deuses e deusas na raia (I): a Moura do Muro da Cidade de Medeiros


A muralla do Muro da Cidade. Fotos: Sole

Durante tres días, imos facer un pequeno pero fascinante percorrido por un mundo que é subterráneo, volátil, fermoso e ambiguo: o mundo dunha mitoloxía antiga, alén do cristianismo; perdimos os nomes e as angueiras desas xentes, pero algo deles pervive nos seus soños; relatos de deuses e deusas que ás veces parecen resistir nas palabras, e noutras veces só son mensaxes pétreas. Dos soños dos homes, os profundos imaxinares de deuses son os máis fermosos, os máis reveladores, os que máis acochan a verdade.

Viaxaremos ao longo de tres historias cabo da raia entre Galicia e Portugal, viaxaremos no presente pero os pés, por veces, parecerán mergullarse na Idade do Ferro. Nalgúns casos, as historias, como hoxe, foron recollendo sedimentos de épocas e xentes e, aínda que o convencionalismo da fronteira moderna sexa só iso, creo que algo hai na propia noción de fronteira; se cadra o abandono, a terra de ninguén, preservou mellor algunhas cousas. Noutros, revélansenos violentamente desde o pasado. Escoitamos a Deusas Voraces, sentirémonos paxaros pero asegúrolles, o domingo, seremos quen de mirarlle á cara a un auténtico deus galaico, e porasenos a pel de galiña.

A primeira destas historias é atípica de vez. As historias das mouras están espalladas por todo o país, e seguen máis ou menos o mesmo patrón. Esta historia hai que contala onde van ver neste vídeo. Nos viñedos destas terras pobres de Medeiros, ao pé do impresionante castro do Muro da Cidá, onde hai poucos anos atoparon unha ara romana. Para chegar aquí, hai que atravesar antigos lagares romanos, esparexidos polas ladeiras. Estas terras ermas daban, esencialmente, iso: viño. Escoitemos a Miguel Losada:


A cadeira da moura (centro) co sitio para o prato e o vaso (dereita)

Se coñecen algo as lendas de mouras, saberán que nesta historia hai moitas cousas que soan raro. Máis alá do transo do desencantamento coa transformación en serpe, que si é común a moitas destas figuras, aquí acontecen cousas moi interesantes. O home é guerreiro / militar e vén da guerra, pero é ela a que o pretende a el, e non ao revés. A moura ten unha fame descomunal e, de feito, na croa do castro están as pedras do seu asente e ollo, o seu espazo para o prato e o vaso de viño, o cal remarca o carácter voraz da moura na lenda.


A cadeira da moura, o lugar para o prato e para o vaso.

Aquela muller que papa un boi por día, cunha voracidade estrema, non deixou de recordarme a Orca Vella de Fisterra, pero tamén a outras figuras da mitoloxía da Idade do Ferro. Mulleres cunha autonomía tremenda, como a raíña Mebd, que se vinculan a guerreiros. O interesante é aquí este relato das orixes, rarísimo en Galicia, que explica como un pobo obtivo unha pranta: en Galicia, o alimento está ‘desde sempre’, pero estes relatos, como en todas as culturas, deberon ser moi abundantes antes de que un único Deus se convertera no dador de todas as cousas. A cousa non deixa de ser fermosa, ao coñecermos a abundancia de lagares rupestres na zona, de posible orixe romana, e se cadra algúns dos primeiros de Galicia. Un último detalle que tamén nos dá a clave para coñecer a xenea aristocrática desta moura é o feito que marchen á Quinta do Perú, o pazo máis rico da zona. Ao ir para aló, a moura reinvindica, nesta historia, unha xenea aristocrática e nobre.

A lenda parece volverse máis vívida aquí: a noitiña envolve as pedras do castro. O Muro da Cidade de Medeiros é unha denominación moi precisa. Bastante distante da aldea, o Muro consérvase tal cal. As pedras caeron, as casas fenderon os muros e repousarom entre as xestas. Todo está aquí directamente preservado, con tramos da muralla en pé e elevadas. Os castros do sur de Ourense son talmente cápsulas do tempo envoltas en xestas. As mencías retortas nas poucas fincas aínda vivas nesta paisaxe dura e difícil de cómaros pétreos e dun verde pastoso e gris parecen aínda lembrar, como Miguel Losada, o mito da Raíña destas terras.

4 Comments

  1. Pancho-Lapatianco
    20 / Xaneiro/ 2012

    Como din na miña familia: “non tes paraxe” (afortunadamente). Esas terras “de transición” danche moitas sorpresas. Coñecín hai xa bastantes anos a necrópole tardorromana-altomedieval de Medeiros da man de Suso Baños, que supoño haberá que por en relación, dalgunha maneira, con todos estos asentamentos para facernos unha idea de conxunto. Tempos complexos nos que terían que darse moitas situacións sociais diferentes simultaneamente: castros romanizados, illados ou sen romanizar, castros que aparecen “ex novo”, asentamentos romanos, galaico-romanos, “xuntosperononrevoltos” como Santomé, etc.. Claro que eso se deu ó longo de varios séculos e todo haberá que relativizalo. ¿Cantos aconteceron realmente “ó mesmo tempo”?. Novamente hai que tomarse un momento para parar e pensar en “varios séculos” daqueles tempos.
    Lieime, pero agardo se entendan estas reflexión rápidas.

  2. 21 / Xaneiro/ 2012

    Absolutamente. Esa zona da provincia de Ourense é un cruce de camiños, xa que logo, unha caixa de sorpresas. :-)

  3. Mary
    27 / Abril/ 2013

    G
    racias por enseñarme esas lendas da terra donde nacin. cousa curiosa ahora sigo con moito interés todo o referente a cidade de Armea xa que vivo na parroquia, excelentes traballos, felicito

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *