
Nolwenn Leroy é de Fisterra (perdón, de Finistère), unha cantante bretona que triunfou nun símil francés de Operación Triunfo. O seu último disco, Bretonne, editado o ano pasado, estivo no máis alto das listas pop francesas durante sete semanas, e nel Nolwenn homenaxea á súa Bretaña, canta en bretón e recupera vellas cancións tradicionais da Armórica pero tamén greatest hits doutros países celtas. E isto é curioso. Bretonne é un disco folkie, de certo estilo conservador que un compañeiro meu definiu acertadamente como “folk galego dos 80”, pero que todo el soa tremendamente próximo. De algunha forma, Bretonne (ligazón a Spotify) e o seu disco anterior, Histoires Naturelles (ligazón a Spotify), parecéronme discos fermosos para estas festas. Aquí vos van dous temas: “Brest”, con Miossec e outro máis tradicional, con Alan Stivell, “Tri martolod”.

Descubrina por casualidade haberá dous meses, e fíxenme co disco en Saint-Malo en novembro. Ora que a min paréceme, en xeral, máis pop ca folk, con todo e que o aquel celta tira para estoutro lado.
É curioso: precisamente a partir do seu caso, falabamos estes días no facebook de como a anglomanía que desde hai décadas nos invade fai invisible a música francófona, bretonante, etc. Disco de diamante, nada menos, a Nolwenn. E aquí, unha case perfecta descoñecida.