Última actualización o 11 / Decembro/ 2011

Xantamos nun dos restaurantes máis bonitos do Quito colonial. Estamos no Teatro Nacional Sucre; a sala ten pesadas cortinas vermellas baixo as que entran o son dos tranvías e as voces dos teatreiros improvisados que ateigan a praza. Mentres se fai teatro dentro, faise tamén teatro fóra.
-Eu entrei algunha vez na cervexaría do convento -dixo alguén.
-O mosteiro de San Francisco ten unha cervexaría -inquiro intrigado.
Coñezo ese lugar. No corazón do Quito colonial, é un dos mosteiros máis fascinantes que coñezo. Enorme, impoñente, construído coas pedras dos antigos templos incas, foi a primeira fundación monástica de Quito. É un lugar cheo de lendas, cunha impoñente colección de arte sacro -das mellores de América Latina-, unha labiríntica estrutura de claustros nos que se observan as lápidas dos primeiros emigrantes a este novo vello mundo; alí entran todas as tardes as xentes de Quito a coller auga bendita para curar e sandar. Máis alá da súa posición xeográfica, camiñar pola Praza de San Francisco que preside o mosteiro é ter a sensación de estar no centro dun mundo.
-É que os primeiros Pais que chegaron eran alemáns ou de por aí -apuntou alguén- no século XVI, viñan con morriña da súa cervexa e lle ensinaron aos indios a cebada e o lúpulo. (abrín os ollos)
-Seica a Cervexa Nacional quería facer algo cos frades! -dixo outra persoa desde o outro lado da mesa.
-Pero a cervexaría está desde o século XVI? -preguntei.
-Desde logo! -afirmaron os amigos quiteños.
-O problema -dixo Stalin (si, Stalin, non é alcume, é nome oficial)- é que está na zona de clausura dos pais. Por iso non se pode ver.
-Que pasada! -exclamei abraiado- Logo debe ser a cervexaría máis antiga de América.
Os amigos do Teatro miráronse entre eles pícaros.
-Pois haberá que solucionalo.
-Señores, só teño unha hora -contesteilles, apurado de axenda.
-Abondará.
Por alá no vestíbulo do hotel sentimos os tintineos do bedel do Teatro Nacional, un home pequeneiro e simpático con pintas de arreglador de todo tipo de problemas. Foi velo e decatarme de que non habería problema.
Un grupo de catro marchamos Quito antigo enriba, a todo meter, facendo equilibrios polas pequenas aceiras, evitando as cholas que carregan os meniños nas costas e levan coquetas os sombreiros ladeados e con flores bordadas. Evitabamos as oficinistas bancarias, que levan como todas as oficinistas de Quito, un chalequiño coma o que se ve nas telenovelas. Evitabamos os soldadiños que facían garda diante dos edificios oficiais. Os grandes edificios quiteños resprandecían de branco, grandes saledizos de tellados sobre as rúas que lembraban a Extremadura.
Os meus amigos estaban orgullosos do Quito colonial, pero me falaban do Quito que xa non existía. É ben curioso. Velaí tiñamos todos os grandes edificios eclesiásticos e pacegos, pero eles amosábanme o que xa non está. O Templo do Sol. O Templo da Lúa. E cando me amosaban as igrexas, marcábanme nelas aquelo que pertencía máis ben á súa propia cultura.
-Os curas querían atraer os indios á súa relixión, así que lles puñan o sol na porta para que pensaran que era a súa mesma relixión. Ves aí, ves aí? -sinalábanme entusiasmados.

Camiñabamos a paso rápido, moi rápido, subindo as costas despois de comer. Pregunteilles por Rumiñahui.
-Hai unha cousa que non entendo de Rumiñahui -díxenlles- se en teoría estaba servindo á familia dos incas ao combater aos españois, por que mata aquí en Quito aos dous fillos de Atahualpa e se carga ao resto da familia?
-Porque o español aquí en América -contestoume Stalin- tentaba ter o poder a través de casamentos, tentaban casar coas familias dos incas para ter a soberanía. Así, se mataba os fillos de Atahualpa, deixaba aos españois sen argumentos lexítimos.
Pareceume unha razón convincente e mesmo lóxica por parte dun capitán ao que non lle tremía o pulso en tempo de guerrilla.
-E ten en conta unha cousa -engadiu Leonardo- Rumiñahui non era deles, non era inca. Era dunha tribu non inca, ou sexa que era considerado inferior.
-E iso non é menor. Aquí en Quito as tribus inferiores, os quitu caras, eran as que estaban a cargo, durante o goberno inca, da limpeza da cidade. Facían os peores traballos. Pois ben, aínda hoxe, no 2010, son os membros desas tribus os que desempeñan os traballos da compañía do lixo aquí en Quito.
-Aínda hoxe? Impresionante.
-Pois podes crelo -asegurou Stalin- Leonardo, ti es quitu ou cara?
-Eu son cara.
-Eu son quitu. Pois Rumiñahui era destes. Por iso era un tipo moi controvertido.

Subiamos por Gabriel García Moreno ata chegarmos diante desa exhuberancia barroca que é a Igrexa da Compañía de Xesús: un espazo de arquitectura excesiva. Aínda que xa o coñeciamos, teimaron en que entraramos dentro. O interior, de luz apousada, refulxía polos kilos de pan de ouro que revestían todo. Todo. Un universo enteiro de imaxes, viravoltas, arquitrabes, remaches, damasquinados, artesonados: un exceso destinado á sorpresa, como moito no Barroco, a abraiar a indíxenas demasiado escépticos. Leváronme diante dun dos cadros máis pintorescos da igrexa. El infierno, de Hernando de la Cruz.

-Que animalada -dixen eu. Era como unha pintura de Brueghel o Vello, con algúns fallos técnicos e un par de séculos posterior. Pero entre estes xesuitas seguía existindo a mesma mentalidade da época de Brueghel.
-Tremendo, verdade? -díxome Leonardo- O día da primeira comuñón, despois de facela, traíannos aquí e ensinábannos o que nos pasaría se pecaramos.
Como para non ser un santo.

Estamos chegando á Praza de San Francisco. Sábese polo rebumbio tremendo que enche o ar. Estamos comezando as festas de Quito e esta praza, que garda o alento máis indíxena da cidade, como antigo mercado que foi, convértese nun gran retablo das marabillas. Un espazo de pedigüñeños, cholas, condutores de autobús en día libre, soldados no alto das barandas, canda paseantes ociosos que escoitan os grupos de música. Sempre que chego aquí sinto un estraño bater no corazón, unha curiosa emoción que me resulta difícil controlar; camúfloa entre os decibelios de pasillos, sanjuanitos e pasacalles, así como vexo aos meniños coa cariña encarnada do frío, as roupas suxas e gastadas, vestidas cunha dignidade inmensa, as empregadas de fogar vestidas con roupas de domingo mercadas no mercadillo, os chulos fumando pitos nas estremas, os grupos de indíxenas baixados dos volcáns vendendo millo e hervellas. Esta praza de San Francisco é unha das miñas prazas do mundo.
No interior do convento hai frescor e paz. O bater da pachanga chega moi amortiguado, se cada pola altura dos muros. Estamos nun núcleo evanxelizador; se as ideas e a súa circulación e dominio se pode expresar, están aquí, nesta fundación creada por dous frades belgas (de aquela lembrade que os Países Baixos eran parte do Imperio español). Chamábanse frai Jodoco Ricke e Peter Gosseal. A impoñente mole de San Francisco edificouse sobre o Pazo de Atahualpa e a gran praza do mercado indíxena. Aquí tamén estaban os cuarteis do exército imperial e os seus dous xenerais: Calicuchima e Quisquís.
Rumiñahui acompañara ao inca Atahualpa á reunión que mantivera con Pizarro. Cheirouse durante a reunión o que ía acontecer, e marchou co seu exército. Efectivamente, os españois prenderon o día anterior a Atahualpa, mentres el tomaba o poder e o control de Quito, eliminando a autoridade dos familiares de Atahualpa que permanecían no pazo este no que agora estamos. Tamén mantivo o poder sobre o tesouro real, que retivo cando chegou a petición de rescate por parte dos españois. Despois de que os españois mataran a Atahualpa, a momia real volveu a Quito para ser gardada nas tumbas dos seus ancestros. Neses momentos, en posesión da momia de Atahualpa, Rumiñahui exterminou durante un banquete a case toda a familia real e asumiu todo o poder do Estado, organizando a resistencia fronte os españois e chamando ao resto dos xefes e xenerais á causa.
Traidor ou soldado decidido ata as últimas consecuencias? A familia real de Atahualpa revelárase indolente, incapaz de manter resistencia contra os invasores. Se cadra, para Rumiñahui, eliminar á familia do inca fose un mal menor e unha oportunidade para construír algo novo. Se cadra, simplemente foi unha operación para a captura do poder dun Imperio en descomposición, unha traición das habituais ao final do Imperio Romano, cando un guerreiro de humilde condición conquistaba o poder a sangue e lume.
Aquí cóntase unha versión moi amena, que ve a Rumiñahui como un traidor. Outra vez, a Historia nunca é inocente, depende de quen a conte. Aquí estamos vendo unha perspectiva moi colonial.
Pero os indíxenas ecuatorianos actuais non son incas. Son Saraguros, Panzaleos, son Quitus e Caras, son ducias de etnias sometidas por imperios amerindios e europeos, aínda hoxe teñen moi claro o seu dominio por parte dos incas. Aí está o Rumiñahui heroe.
Estes feitos aconteceron baixo os nosos pés. E a cruz do Deus cristián e os seus claustros selan esta traxedia indíxena.
-É por aquí -cóllenme rapidamente por un brazo e entramos na zona de clausura do mosteiro. Imos por un corredor pechado ata darmos cun fermoso patio encalado.


E nese patio hai unha porta sen chave. Purramos por ela. Unha primeira sala que recorda un hall dun castelo alemán dános a benvida, pero non nos interesa moito. Continuamos andando.

-Mira que marabilla -di Leonardo.
Ficamos sós neste espazo. A antiga cervexaría do mosteiro de San Francisco. A cervexaría máis antiga de América. Método posiblemente belga. Un saber transmitido de xeración en xeración de frades ata os anos 50.
-O meu pai aínda lembra -engade Leonardo- que viña mercarlle aquí cervexa ao seu amigo o Frade Cervexeiro. Era unha cervexa negra, moi rica, que daban en pequenos bocois de madeira e levabas para a casa.
Desde os anos 50 o mosteiro non fabrica a súa propia cervexa. Hai poucos frades, os tempos móvense rápido pero este lugar presérvase como un dos máis antigos e curiosos espazos de memoria gastronómica de América. Moi poucas persoas poden acceder aquí, pero a amizade dos técnicos do Teatro Nacional Sucre con estes frades permítennos pasar aos territorios íntimos da pequena comunidade que aínda vive aquí, herdeira dos primeiros franciscanos belgas do Ecuador.
Aquí podes ver en 360º a cervexaría construída sobre as salas de banquetes nos que se bebía ese embriagador quiche. E aquí está o último frade cervexeiro. Descansa nunha foto nunha das paredes. Este frade belga, o Jodoco Ricke, era amigo do emperador Carlos V. Contan que en Yuste tamén houbo unha cervexaría para o padal do emperador, pero non sobreviviu, ao parecer. En América si. E a tradición do recetario cervexeiro chegou case ata hoxe.

Ao baixarmos de volta, fascinados, ao rebumbio da Praza de San Francisco, toda a inmensa praza -literalmente- está bailando. Hai unhas mozas vestidas de azul fosforito e ensinando cacho nun palco, cantando un pasacalle, que é unha variante local do pasodoble. O sonsonete métese por todas partes. De súpeto, ao meu redor, os meus amigos comezan a dar pasiños de baile, un tras doutro, eles sós, polo medio da praza.
-Así bailaba eu coa miña nai -di un deles.
-Metes un paso así e outro así -explícame outro.
Poderías pensar que mo estaban dicindo a min. Pero non. Estábano dicindo para eles mesmos. Un deles colleu sorpresivamente a unha chola para dar dous meneos, e outro escapou de nós xirando como unha peonza entre os adoquíns mentres soaban as notas do baile. Fronte nosa, outra orquestriña interpretaba para un grupo que lle daban a un agarrado.
Un pouco máis ao fondo, o pequeniño bedel do Teatro Nacional Sucre ergue as dúas pernas e toca no aire os dous chaplinescos tacóns. E así, virando como trompos, imos saíndo da Praza de San Francisco ata o mundo normal.
Sinto unha vibración no meu peto. Reviso compulsivamente a actualización do iPhone. Ao meu correo electrónico chega unha ligazón de Youtube e unha reseña bibliográfica dun libro valente que me vai axudar a entender máis o mito do capitán.

Coma sempre.. agardando impacientes pola resolución da historia..Qué pouco sabemos da historia da América “hispana”… Pareceume interesante aportar esta secuencia dun descoñecido filme americano que ilustra o episodio de Cajamarca entre Pizarro e Atahualpa.: http://www.youtube.com/watch?v=CFpgULKJUAY&feature=channel_video_title
saudos
Mi querido Manolo,
Que hermoso leer tu artículo, y sobre todo saber que tu estancia aqui en Quito fue agradable.
Te esperamos pronto para recorrer más lugares mágicos de nuestro Quito.
Un abrazo,
Isabel, Pablo y Camila