A historia do Ollo de Pedra (I)

Última actualización o 11 / Decembro/ 2011

Non vou comezar exactamente polo principio.

No ano 1615 un antigo aristócrata inca emparentando co sangue dos antigos gobernantes do Perú, Guamán Poma, residente en Ayacucho (Perú), redactou Nueva corónica y buen gobierno, un dramático informe destinado ao Rei de España, dando conta do maltrato que os conquistadores acometían contra a poboación indíxena.

O seu texto é impresionante: revela como a principios do XVII, bastantes décadas despois da conquista do Perú por Francisco Pizarro, as antigas clases altas indíxenas mantiñan unha memoria moi precisa da sucesión de feitos dramáticos que levaron á destrucción do Imperio Inca, pero tamén das propias conquistas deste e máis atrás. Guamán Poma non cuestiona a conquista en si mesma: el xa funciona como un asimilado que asume a lóxica civilizadora do conquistador; o seu é a denuncia da corrupción e drama das institucións e gobernantes da Colonia. O manuscrito nunca chegou ás mans do Rei. Perdeuse durante tres séculos ata que misteriosamente se atopou na Biblioteca Real de Copenhague, posiblemente levada aló polo embaixador dinamarqués ante o Rei de España.

Alí consérvase unha imaxe do Traidor con maiúsculas. De Rumiñahui, que en quechua quere dicir Ollo de Pedra. Unha imaxe que me impactou desde o momento no que a vin por primeira vez. Describe o descuartizamento dun Inca, Quillichasca, a quen os españois chamaban por proximidade fonética Illescas, por ser próximo este aos españois. Nótese que Rumiñahui axustiza a un individuo dunha caste superior. Non lle paraba nada.

Este home, líder dunha das tribos dominadas polos incas na zona de Ecuador, convertiuse en capitán do exército inca e foi un dos dirixentes de América con maior capacidade de pararlle os pés aos españois. No Nudo de Tiojacas, en 1534, puxo en condicións realmente difíciles ao exército de Sebastián de Benalcázar; levaba con el a 12.000 indios que lle perderan o medo por primeira vez ao cabalo e á pólvora, e as tornas estaban cambiando. Só o inicio da erupción dun volcán provocou durante as hostilidades destes meses que os indios interpretaran o fenómeno como o aviso dos deuses da súa derrota inminente. No proceso de fuxida, Rumiñahui practicou a política de terra queimada. Arrasou Quito, a gran cidade inca, agachou os tesouros -perdidos ata hoxe-, matou ás Virxes do Sol, cargouse a case todos os membros da familia real (agás os fillos pequenos de Atahualpa, que os agachou), pero cargouse aos seus dous fillos adultos, posibles herdeiros. Despois, desapareceu ata que foi capturado no volcán Cotopaxi, onde se tentara matar.

Cabo do seu retrato, Guamán Poma conta a historia de Rumiñahui. É unha versión ben distinta a esta que vos escribín. Pódese consultar directamente no facsímile dixital de Nueva corónica y buen gobierno, no web da Biblioteca Real de Copenhague:

EL ONZE CAPITÁN, Rumi Naui, capitán, cinchicona auca, traydor:

Fue este capitán muy ualeroso, hijo de yndio particular y pechero yndio Chinchay Suyo. Otros dizen que fue Conde Suyo, pero fue muy ualleente hombre. Dizen que fue por trayción a matar al ynfante Yllescas Ynga. Del pellexo hizo tanbor y de la cauesa hizo mate de ueuer chicha y de los güesos antara [flauta de Pan] y de los dientes y muelas quiro guallca [collar de dientes]. Esto pasó en la ciudad de Quito adonde auía dexado su padre Guayna Capac Ynga.

Y quiso este capitán quedarse con el rreyno y le mató muy muchachacho [sic] de ueynte años.

Y se murió este dicho traydor en la dicha ciudad de Quito por las manos de los yndios, porque auía hecho otra ues otros muy muchos daños y males en las prouincias adonde andaua. Por ello fue muerto y le mató los yndios de Quito. Y ací se acabó su uida el pobre capitán.

Agora pechei o ordenador e fiquei pensando. Estou canso, cansísimo, despois dunha viaxe eterna. Simplemente tecleara Rumiñahui porque o vira escrito en dous letreiros da cidade, e albiscara a silueta dunha poderosa estatua, namentres atravesamos pola noite esta cidade case deserta desde o aeroporto Mariscal Sucre. Mentres o chófer me achega ao hotel, tras case 24 horas de viaxe, na miña aplicación de notas do iPhone levaba escrita a palabra Rumiñahui. O segundo que fixen na miña habitación de hotel foi procurala en Google, e velaí.

O seguinte que lembro (de xeito bastante confuso) é a amable voz da moza de recepción:

-Señor, son as oito e cuarto, tal e como me dixo. Bos días.

Penso ao día seguinte no que lin o día anterior. A imaxe, de gran carga gore, e o texto de Huamán Poma, contradinse de xeito radical con algo que vexo aló por onde camiño nesta populosa e inqueda cidade de Quito, onde conviven moitas etnias indíxenas, moitas veces non ben levadas entre elas, que xogan como un contrapoder nun goberno comprendido, aínda hoxe, como de brancos. O goberno tenta alentar as mensaxes de integración dunha poboación que non funciona exactamente cos códigos do Estado moderno pero que, coma o labrego ou mariñeiro galego, sabe empregalos, pervertilos e viralos ao seu beneficio a pequena escala.

“Somos un Estado plurinacional”, proclama unha gran pancarta do Ministerio de Cultura ecuatoriano nun céntrico cruce de rúas. Na fotografía aparece un branco e despois unha sucesión de caras sorrintes nas que se adiviñan as identidades raciais dos indios da Amazonía, e dos indíxenas andinos, tan diferentes entre eles. Os brancos tamén están, por suposto. Fíxome graza, porque en certo xeito, o anuncio afirma o que a xente non pensa e tenta cambiar. Non puiden evitar a comparación co caso español. Imaxinan este anuncio na Praza do Callao en Madrid?

Nesta cidade de Quito o capitán Rumiñahui, presente por todas partes responde máis ben ao prototipo do heroe líder.

Este Rumiñahui idealizado, este Rumiñahui Conan, é un símbolo construído no século XX, ben avanzado, cando os indíxenas comezaron a tomar cabo da súa propia identidade e a emerxer como grupo de poder. Canta diferencia co Rumiñahui de Guamán Poma! A súa imaxe, con esa musculatura impropia da raza india, alude a certa capacidade sobrehumana ou sobrenatural que o diferencia do resto dos seres humanos. Aínda se fan pintadas na honra deste Capitán polas rúas de Quito. Cal está máis próximo á verdade? A fonte próxima aos feitos ou a lectura dos indíxenas do século XXI? É posible sabelo?

Como saben, interésame moito a historia cultural. Non só os feitos que aconteceron, senón como eses feitos foron contados despois depende de por quen.

Baixamos no coche ata un val máis abaixo de Quito. As estradas están cheas de actividade de fin de semana. Pasamos numerosos cuarteis e instalacións do exército, barriadas que gabean montañas, o sol suave bate nas fiestras do coche, o cheiro a esta bencina sen filtrar tan propia en América, este smog de carga de profundidade entra en todas partes. Nun día feliz coma este, imos xantar un hornado. Esta delicia:

Como en todas as capitais do mundo (agás nos países musulmáns), ao redor de Quito hai numerosos e populares chiringuitos onde se asan porquiños, chanchos, na banda sonora da música popular e con mesas grandes para que entren familias enteiras. Degustamos este delicioso hornado acompañado de cervexas Pilsener.

De súpeto Pablo coméntame algo:

-Oes, lembreime o outro día de ti, polas cousas que escribes de alá de Galicia. Unha historiadora di que atopou o escondite de Rumiñahui nas montañas. Sabes quen era Rumiñahui?

Rinme sorprendido e contestei:

-Vasme ter que contar máis.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *