Viño novo, ano vello

Fáltannos en Galicia festas do viño novo, do viño que está un pouco por facer. En Francia, pola contra, o viño novo que sae das adegas a finais de novembro celébrase ben. Obviamente, os adegueiros tentan entusiasmar para colocar os primeiros lotes da anada no mercado, pero no frío final de outono e inverno, o viño novo sempre se recibe de bo talante. A min gústame moito toda esta historia de ver unha anada aínda en plan bebé, dando os seus matices olorosos e saborosos máis candidos, máis florais e máis directos. Este é un viño que eu teño asociado ao frío. A bebelo con luvas e pucha, nalgunha esquina de Saint-Germain, por exemplo, con esas notas case de piruleta. Este domingo bebímolo confortablemente, acompañado duns níscalos de Figueirido e uns boleti do Castro Lupario, que contiñan en si mesmos toda a alegría dos deberes e das urxencias que por fin estamos rematando. O viño novo é, para min, ás veces, o inicio do ano novo.

A Concha Valladares (Ultramarinos Valladares, en Compostela), polo que me dixo hoxe á mañá, quedáballe só unha caixa de Beaujolais Nouveau Domaine Piron, de Corcelles. Está estupendo. A 7,80 euros a botella.

4 Comentarios

  1. Antón Malde
    1 / Decembro/ 2011

    Nas Mariñas temos a celebración do “Viño de Castañas” que ven sendo este viño novo, ou aínda pouco feito, cando os pipotes se abren antes de tempo para festexar, nestas datas coas castañas.

  2. 2 / Decembro/ 2011

    Hola Manuel.
    En Arantei (Salvaterra do Miño) celebrouse fai uns días a XIII Festa do Viño Novo de Arantei. Merece a pena ir e probar este viño da zona do Condado.
    Saudos.

  3. Xelmirez
    4 / Decembro/ 2011

    Tradicionalmente era o magosto a festa do viño novo e do queixo, xunto obviamente coas castañas.
    E según se foron perdendo os magostos e certas actividads da vendimia pois arrastrou ao viño xove.
    Fagamos mellores magostos e recuperemos a festa tradicional.

  4. 6 / Decembro/ 2011

    Concordo con Xelmírez e os demais. O magosto é tamén a festa do viño novo. Había que deixarse de ghaloghuín e de samaín e de visteocarpín. “Polo San Martiño, come castañas con viño”, ou dito con música:
    Castañas asadas
    e viño con mel;
    e a miña señora
    detrás do tonel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *