
Vicente de Souza e Marcos Pérez Gulín

Xurxo Mariño

Eu en plan Colón. Fotos: Marcus Fernández
Quen se achegara á Facultade de CC. da Comunicación da USC o venres, 25 de novembro pasado, vería unha impactante escenografía no salón de actos e unha concorridísima audiencia de profesionais das industrias creativas e do coñecemento, canda profesores universitarios e unha variopinta multitude de difícil clasificación. Eran os asistentes á segunda edición do TEDxGalicia, un encontro de ideas e conferencias dinámicas que recolle un formato que todos os anos se celebra en California e Edimburgo. O TEDxGalicia consiste en dinámicas conferencias de 18 minutos caracterizadas pola idea de compartir e procurar inspiración. Falan científicos, artistas, empresarios, emprendedores e, en xeral, xente interesante e con gañas de dicir. Para os asistentes xa veteranos que tamén estiveran na primeira edición, nesta segunda percibiron como os ponentes xa comprendían máis a filosofía da conferencia: impactar, abrir portas e ollos, cautivar co discurso, concentrarse no esencial. Con Marcos Pérez Gulín, o dinámico organizador, temos falado do ‘efecto TED’ en sociedades como as nosas, que ata agora non prestaban atención aos aspectos divulgativos e de comunicación do coñecemento e das ideas. O TED é como un baño de auga fría para os próceres do discurso aburrido e o powerpoint infame; obrigan a ser brillante, rápido e impactante.
Tras escoitar varias das conferencias, pensei algo que coincidiu co que me comentaron outros asistentes: o TEDx é, en certo xeito, a Galicia botada a andar dentro de Galicia. O lugar no que conflúen xenetistas, físicos, neurólogos, astrónomos, performancers, deseñadores industriais, empresarios das TIC, gandeiros e artistas, cunha linguaxe común. É un lugar no que a palabra Xunta só se escoitou unha ou dúas veces en todo o día e ninguén a botou en falta. É a Galicia que está aí e que moitas veces se nos esquence no sector cultural, subsumidos nun discurso de negritude, paralizante, case sebastianista, coma o dos nosos irmáns portugueses. A pesar de ser o evento máis importante deste venres en Galicia, non o verían nos medios, e esa é outra das claves do TEDxGalicia. Non busca saír nos medios de comunicación. Aínda que unha reflexión importante sobre o estado dos medios en Galicia é que non se decataran da súa existencia.
Por iso tiven a honra inmensa de participar no TEDxGalicia, contando a miña paixón polo patrimonio cultural e a súa recuperación. A miña tese foi moi sinxela: en Galicia, a memoria cultural é un proceso moi físico, toda vez que vivimos rodeados de fitos no territorio que son lugares de memoria, pero tamén é un proceso reversible e líquido. Podemos recuperar a memoria cultural tras periodos máis ou menos longos de amnesia, e é totalmente pertinente: a memoria nunca é ‘arcaica’ ou ‘estática’, está evolucionando continuamente, sempre se adapta aos novos contextos temporais. Puña unha analoxía: entre o mundo dos galaicos e o noso sepárannos só 80 xeracións. Durante esas 80 xeracións, nunha característica moi galega, os nosos mortos dos castros, das aldeas romanas e medievais, foron converténdose en soños, en mitos. Os mitos que nos rodean son os nosos propios devanceiros, transformados en seres mitolóxicos. Ese proceso, que sementaba o territorio da sociedade tradicional de sentidos, non funciona hoxendía, na sociedade contemporánea. A creba, o desleixo entre a sociedade galega e o seu patrimonio cultural, entre outros motivos, veu dado pola perda dos sentidos que vincularon as sociedades cos territorios durante moito tempo. A miña proposta é recuperar os vínculos coa nosa memoria física, pero xa non a través da mitoloxía convencional.
Para recuperar os vínculos coa nosa memoria cultural física, cos castros, dólmenes, mosteiros, a sociedade debe aprender a reapropiarse deles de novo, e iso é posible a través da ciencia e da tecnoloxía (que nos aproximan agora, e como nunca, de xeito espectacular aos devanceiros), coa luz e a razón, e canda eles a custodia, a participación da sociedade nos procesos de xestión e investigación do seu propio pasado. Cómpre preservar a mitoloxía tradicional, pero canda ela debemos construír o noso propio discurso contemporáneo, con novos sentidos e comprensións dun lugar. Por forza non creremos en encantos e mouros, pero gustaranos saber deles; agora as tecnoloxías revélannos procesos e actitudes dos devanceiros como nunca Cuevillas ou Bouza Brey soñaran ver. Falei de como as novas tecnoloxías intensifican a empatía emocional cos feitos e as xentes que estiveron antes de nós. Por iso é importante construír un discurso da divulgación científica: porque por forza achéganos, a dúas cuartas, do noso pasado.
A sociedade é capaz de reoutorgar funcións a un espazo aparentemente baleiro dentro da comunidade, e expliquei o marabilloso caso de Castrolandín (aquí podedes ver o vídeo completo), que é un claro proceso de construción de sentidos desde o presente a partir dunha sólida relación ancestral entre a comunidade e o seu castro. O ritual orixinal, dos seus devanceiros, no que na noite de San Xoán prendían fachos todo ao redor da muralla do castro, tiña un uso profiláctico (protexer os campos de cultivo) e outro colectivo e individual (un ritual de cohesión da comunidade e tamén da transmisión familiar). Hoxendía, obviamente, o primeiro uso non é preciso, pero o segundo, a cohesión comunitaria e a transmisión familiar, se cadra, o sexan máis que nunca. Hai moitos lugares de memoria con funcións sociais novas, e ese aspecto é clave para revincular o noso patrimonio cultural con nós mesmos.

Nada, que o perdín . Unha pena, para a próxima avisa con tempo, malo será que non poidéramos colarnos. Un saúdo. Ah, por certo, eu de pequecho aínda fun co facho polos campos, ou sexa que esto é de onte, o que pasa e que antes había máis pestes nos sembrados e menos cartos para “minestra”(pesticidas e similares)
Hai dous anos invitáronme a TED*Paris como conferenciante, para falar de como mudar o mundo coa poesía (tema ulgar, seino, mais que dá para falar do que in quera). Problemas no traballo me impediron asistir. paréceme realmente un luxo que agor apareza esta iniiativa en Galicia.´
Supongo que se podrán ver las ponencias por su web. Yo ví algunas de la anterior edición y me gustaron, aunque hay que admitir que como el TED original, nada.
La verdad es que siempre me causó curiosidad quien lo financia y tal. Voy a investigar xD