Smog e estampa

Os comerciantes do fermosísimo e vital casco vello de Quito levan unha batalla que non para. O tráfico anda por estas pequenas rúas de trazado colonial ás súas anchas, e o cheiro aquí da gasolina -sen filtrar o chumbo, como pasa nos Estados Unidos- é insoportable. O smog entra por toda esta serie interminable de pequenas portiñas da parte baixa dos pazos e das antigas casas burguesas recolonizadas polas etnias indíxenas. O smog entra para dentro e chántase entre os rolos de panos, e as caixas de cartóns de zapatos baratos, as mesas das chifas, os pulmóns dos xastres, dos zapateiros remendóns e das panadeiras, apousa entre as tendas de costura. Moita costureira debe vivir aquí entre estas casas de cores fermosas e divertidas.

No autobús, somos pequena parte responsable destes kilos de chumbo cos que invadimos os pulmóns dos comerciantes, pero tamén nos convertimos en privilexiados das escenas da vida cotiá. Cando pousa a noite en Quito, aquí, nestes 2800 metros de alturas andinas, a temperatura descende de socato e sen clemencia, e os comerciantes refúxianse no interior dos establecementos. No fondo de cada portal brilla unha luz e, xúrovolo, cada porta destes centos de portas comerciais é unha auténtica estampa fotográfica. Unha chiscadela á vida dos anos 80 na miña vila, a un mundo humilde que transacciona con febrilidade. Cada porta é unha fotografía da máis fermosa aventura sucedida no mundo: a vida cotiá.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *