
Despois de ver Io sono l’amore revisei as críticas que lle fixeron a esta película de Luca Guadagnino (case nunca miro críticas de pelis nin leo introducións de libros antes de ver ou de ler), había como un termo común: Visconti. O Visconti do século XXI. Buscamos no cinema, como nas artes, os vínculos que nos permitan comprender o presente de acordo coas claves que temos aprendidas previamente. Todo tense que parecer a algo anterior.
Non sei se Io sono l’amore é un drama viscontiniano, pero si sei que durante o tempo que durou esta película, disfrutei como un enano dunha narrativa suxerente, sensual, e unha fotografía moi libre. “Parece unha película feita con Instagram”, bromeou Sole. Tal cal. Pero a irrealidade desas cores do Milán industrial levábanos máis a un mundo irreal, tan irreal como esa burguesía aínda ancorada no tempo de Mussolini. Io sono l’amore é unha metáfora da liberación, máis que da liberdade. As personaxes non son libres, pero se ceiban. Se cadra, nos ríxidos mundos da actualidade, atrapados entre compromisos e hipotecas, poidamos máis aspirar como utopía á liberación que á liberdade real. O filme é unha delicia da suxestión, con trasfondo gastronómico moi tenue, nada forzado, e ese pracer da vida que sae nas grandes películas italianas. Só, ao meu ver, o final patina bastante. Se vostedes entenden a razón de tanto dramatismo sonoro nos últimos cinco minutos, que mo expliquen. Pero un filme, como a vida, ten sempre momentos escuros e brillantes. Gran película.

Sé o primeiro en comentar