
Surimi? Vexamos antes de nada a súa definición, segundo a Wikipedia:
El surimi (すり身?) es una palabra de origen japonés que hace referencia al producto creado a partir de pescados de carne blanca o aves de corral. Los filetes de pescado son desmenuzados y enjuagados repetidas veces hasta formar una pasta gelatinosa. Luego esta pasta es mezclada con aditivos tales como almidón, clara de huevo, sal, aceite vegetal, sorbitol, azúcar, proteínas de soja y otros condimentos. Una vez procesado, es empaquetado y congelado.
Mmm…a que está rico? Obviamente, non sexamos inxenuos, unha certa parte da comida que inxerimos é procesada, e ás veces con palabrotas máis feas que estas de aí enriba. O mito do alimento natural é cada vez máis iso, un mito, aínda que sempre temos oportunidade de poder acceder a alimentos que no son transformados e procesados. Descubrimos que iso é un luxo. É un luxo como ir a un restaurante xaponés. Estes locais non adoitan ser baratos, pero todos sabemos ou debéramos saber que o peixe é caro, é un ben escaso, e se seguimos así, o peixe “salvaxe” (sempre me chamou a atención iso de “peixe salvaxe”) será un luxo caviárico dentro dun par de décadas, só o alcance dos petos dos fillos e netos de Botín. Pero cando imos a un restaurante xaponés procuramos un tipo de comida moi determinada: sabores puros, limpos, cortes excelentes de peixes de boa calidade.
Descoñezo se o surimi é un produto habitual da cociña xaponesa. Por aí leo que ten unha orixe moi antiga -aínda que non sei se en forma de “barrita de cangrexo con sabor a cangrexo”-, pero desde logo, este subproduto artificial e artificioso non está presente na carta dos bos restaurantes xaponeses nos que teño comido, dos grandes espazos que en Occidente recrean a cociña nipona.
Pero Santiago é diferente. Aquí, en dous dos tres locais que sirven comida xaponesa, me teñen servido sushi de surimi. Cando un mete na boca un sushi de surimi ten unha sensación vergonzante, como comerse un bocadillo de chupachups, ou algo así. É algo que non se pode contar por aí, ou depende a quen. Estes sushis, que apuran custes ata o máximo, deberan continuar incorporando outras novidades derivadas do peixe, xa que estamos. Por que non un sashimi de barriñas de pescada Pescanova? E unha sopa de miso e anguriñas?
Nunha cociña como a xaponesa, tan esencial e espida, a calidade dos ingredientes é fundamental: todos entendemos que os restaurantes xaponeses son caros e se busca reducir custes para gañar clientela, pero iso non pode ser en detrimento da propia filosofía da gastronomía xaponesa, porque estamos escorrentando ao cliente máis fiel, que ten certa cultura da gastronomía oriental. Confiemos en que un cliente esixente e unha mellor cultura gastronómica solucione estes momentos…duros.

Escollín a definición de sushi en castelán porque o texto sintetizaba máis a definición do produto que a que está en galego (que é unha entrada con moita calidade, por certo).
Verdades como puños
tas de coña?! parece que só nos queda vigo para comida xaponesa