Por baixo dos 10 euros, igual que por riba

Última actualización o 11 / Novembro/ 2011

Con gusto participei o sábado pasado como catador no II Ranking independente de Viños de menos de 10 euros que organiza Mileurismo Gourmet e María Fechoría Asociados. Enfrontarse a 70 viños nunha mañá é cousa seria, aínda que no fondo máis doado do que parece. No caso dos tintos, unha cata masiva de viños moi igualados en termos de prezo (aínda que, obviamente, non é o mesmo a produción d un viño de 3 euros que un de 9), máis do que é habitual no que son as catas de concurso, permitía comprobar dúas cousas: unha, a enorme preponderancia dos madeirazos, é dicir, dos viños producidos segundo a moda, que era algo que nos temiamos moitos catadores. Pero, pola contra, en tal maratón de viños, sobranceaban aqueles que facían unha boa integración da madeira e que se convertían en dignísimos viños para un consumo tranquilo e amistoso. Lembro algúns tempranillos moi ben feitos, pero tamén, sen dúbida, algún cabernet, algo de merlot, e algunha mencía. Como se notan as mencías cando chegan no medio dunha cata! É como abrir a xanela e deixar que entre o aire fresco! Sendo comerciais, hai xeitos e xeitos, e traballar coa madeira, por veces, a min me parece que é traballar nunha pirotecnia cunha venda nos ollos. Para facernos unha idea, houbo un par de viños se cadra aínda moi pouco feitos, con toques verdes e taninos bravos coma un touro desbocado: son viños aos que lle viría ben un tempo máis en botella, pero agradecíanse. Con esa bravura, a madeira aínda non sobreposta, o varietal convertíase nunha balsa de osíxeno nun enorme obradoiro de carpinteiría.

Quero dicir que por suposto que se poden atopar botellas fantásticas por menos de 10 euros. Hai moitas. Pero a fórmula da calidade para estes viños é a mesma dos viños de máis de 10 euros: honestidade, transparencia, limpeza e, sobre todo, viños nos que prevalece o varietal e non a man posterior do adegueiro, viños feitos na viña. Cando probas tropecentos viños seguidos, se cadra non é doado percibir todos os matices entre eles, pero inmediatamente decátaste daqueles que son notables, que te impactan. E ese impacto, nesta cata -e iso é o interesante- non é porque fosen fastuosos, distintos, raros, senón porque eran equilibrados, sinceros, sinxelos e expresaban as súas terras.

2 Comentarios

  1. elixio
    9 / Novembro/ 2011

    E non podías adiantar algunha marca, pois a crise tira. Marca e precio sería estupendo, un saúdo.

  2. 10 / Novembro/ 2011

    en breve, en breve…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *