O Conselheiro: valedores da tradición gastronómica en Paredes de Coura

Última actualización o 3 / Novembro/ 2011

Nada máis sentar no restaurante O Conselheiro [T: 251 782 610 / localización] de Paredes de Coura, a poucos quilómetros de Valença do Minho, as cartas comezan con esa foto de enriba. Mimá! Non está mal como declaración de principios. Aquí no Conselheiro os parroquianos son familiares. Unhas clásicas vellas portuguesas comen mazás asadas alá ao fondo. E máis preto, un grupo de vellos galegos escoitan a un vitalista xubilado do Rosal que describe, con pelos e sinais, todas as cousas que realiza no seu día na casa, e cos animais. Hai un certo ambiente de balneario antigo e kitsch, pero non está mal.


Fotos: Sole

O viño verde é decente -se cadra, notas ben bonitas de loureiro- e o viño verde tinto é fresco e cunha acidez civilizada. Bebemos con gusto este viño, o pan millo, o pan trigo, ata que chegan as viandas. Unhas iscas de bacallau quentiñas que se desfán na boca, ben coidadas. E, de segundo, neste día algo frío, un cabrito do monte de Padornelo avinhado em verde tinto, con moito tempo de maceración, co toque bravío comesto polo viño e esta suavidade estofada dos pratos que aínda manteñen a potencia no seu interior pero son suaves na boca. Un excelente segundo que acompañamos con este curioso postre courense, os Formigos de Coura.

O sol bate nas fiestras deste día de outono, aquí, en Paredes de Coura. Na nosa mesa hai un soporte que presenta a próxima actividade do Museo Etnográfico da comarca. A señora Dona Maria Rodrigues (non era ese o nome, pero vai ben na historia), de 88 anos, aínda lembra facer as papas de vinho tinto. Ás tres da tarde vainas facer no Museu, poderas probar as papas de vinho tinto e coñecer á senhora.

Paredes de Coura: un municipio de resistentes gastronómicos.

Con entrantes, dous postres, un café, viño branco e tinto, a ementa saíu en 15 euros por cabeza. Viva Portugal.

Un comentario

  1. david
    3 / Novembro/ 2011

    Lembro uns artigos de Ferrín hai anos sobre Paredes de Coura / O Conselheiro / Santa Ana / Sanfins / Pero Meogo / os curros dalá e así, pero non os levanto, anque andiven coma un can das perdices polo Faro adiante.
    Dei con este que consola pero non enche a lembranza que teño, larpeira e mesturadora (de cervos e cantigas, que por aí preparaban ben, ou a min me sabían ben, que son cousas diferentes)…
    Por se interesa http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=3095_5_158886__Opinion-encantos-Valena

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *