Espazos apropiados / Espazos reapropiados: unha ofrenda no lacus de Pena Furada (!)


Foto: Sole

O equipo de Pena Furada chegou hai media hora ao Outeiro e atopou unha sorpresa humilde e incrible no Podio da Moura que me acaban de enviar. Alguén, despois das oito e media da tarde de onte -cando marchou onte o equipo técnico tras facer medicións- ou a primeirísima hora da mañá, deixou no lacus, na pía rectangular que acompaña á Moura no podio, unha humilde ‘ofrenda’. Colleron fieitos, follas de carballo, breixos, colleron as prantiñas humildes que están a medrar novas sobre a nosa limpeza do outeiro e compuxeron un ramiño que deitaron no lacus, cheo da auga das primeiras chuvias. A sorpresa do equipo foi maiúscula: sabemos que a xente está a ir a Pena Furada cando nós marchamos, porque deixamos ‘trampiñas’ polo outeiro. Pero comezan a producirse interesantes fenómenos de reapropiación do espazo, de dotalo novamente de significados. O que non sabemos é se isto responde a unha tradición anterior, case esquencida, que alguén está a recuperar discretamente aproveitando a limpeza do lugar, ou se é un exercicio desde un neo-paganismo contemporáneo.

A Moura comeza a superar a Arqueoloxía para entrar na Antropoloxía.

Temos a pel de galiña.

3 Comentarios

  1. Manuel Rial
    30 / Outubro/ 2011

    Non sería a primeira vez que pasa algo así. Este verán fun visitar o Dolmen de Axeitos e dentro da súa cámara había un ramo de flores máis unha vela. E di a guía que non é a primeira vez.

    Neopaganismo, culto dos mortos alleos, ou mesmo un “vamos levarlle isto por se acaso…”

  2. RRA
    30 / Outubro/ 2011

    O lugar é fermosísimo pese a que os eucaliptos afectan un algo ás vistas, e non me atrevo a dicir que o lugar é máxico porque son un descrido. Pero se está un só alí… Uf.

    Inda así, conste que o das flores non fun eu. :-)

  3. 30 / Outubro/ 2011

    hahahah! Alégrome que pasara por alí, pero a próxima vez avisa e te explicamos todo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *