
Foto: Antón Malde
Unha das cousas máis fermosas da arqueoloxía é a capacidade de remirar. Os sitios adquiren sentidos novos despois de ser vistos moitas veces, de xeito repousado, formulando en voz alta o que ves, para organizar o pensamento. Os sitios arqueolóxicos como Pena Furada, que son hoxendía como negativos fotográficos de estruturas de madeira e pedra que só podemos imaxinar en parte, adquiren volumes conforme avanza o tempo. Un recurso habitual na literatura da Grecia e Roma clásica era a alusión ás sombras: as sombras eran o paso dos mortos, o que ficaba de nós.
Conforme vai baixando de sol, sobre Pena Furada vanse manifestando a través das sombras as mans, as olladas, os pasos deles, dos que alí edificaron un espazo monumental que observaba, ao lonxe, o castro máis grande do occidente coruñés, As Travesas. Neste espazo de mil metros cadrados podes percorrer, de vagar, deténdote nos detalles. Aínda que ata o vindeiro fin de semana non retomaremos as escavacións, o proceso en Pena Furada non se detén. As fins de semana levamos especialistas para coñecer a súa visión sobre o lugar e contrastala coa nosa. Desta volta, tocoulle a dous dos especialistas que se teñen atrevido en Galicia a ollar a Idade do Ferro alén das murallas, e a buscar, prospectar e escavar arqueoloxicamente as evidencias as crenzas e na cultura inmaterial dos nosos devanceiros: son o arqueólogo do CSIC Manuel Santos e o catedrático de Historia Antiga da USC, Marco García Quintela. Aquí lles dá a luz do último solpor en Pena Furada. Estamos gravando un Libro de Visitas. E mañá domingo, pola tarde, poderás ver as súas impresións sobre o lugar.

Sé o primeiro en comentar