Cultura, espazos de cultura e coñecemento compartido


Conferencia na Tenda dos Libros (Ponteceso). Foto: Que pasa na costa

A miña vida é un remuíño que agora, estes meses, deberá acougar un pouco coa chegada do frío. A vida éncheseme polas estradas, polas voces, polas imaxes, os apretóns de mans e os abrazos, a axenda de sábado ateeigada. A vida chégame en momentos agarimosos por parte de descoñecidos. A escritura, a publicación, é un medio quente, un medio directo, un de ti a ti, un efecto bolboreta. Bates as asas nun post e pode que, nalgún caso, desencadees un pequeno ou gran acontecemento, do que saberás algunha vez ou non. Curiosas estas bolboretas imaxinarias!

O outro día emocioneime cando visitei a Tenda dos Libros, en Ponteceso, un recoleto establecemento que vén de abrir un moi bonito espazo cultural ao fondo, todo en branco, todo como un conto para nenos listos. Tiven a honra de inaugurar un espazo cultural, e iso non ocorre sempre. En Galicia sobra equipamento cultural, como podes comprobar no Mapa de Equipamentos Culturais que publicamos no traballo, pero o que falta, do que realmente adoecemos, é dunha programación cultural. E nada hai máis nobre que manter unha programación cultural nunha pequena vila…a teima en defender o lugar como un espazo tamén digno para o debate e o intercambio. E, cando chegas, e toda a tenda soa a algo que coñeces…si, á banda sonora das Repúblicas de Homes Libres en Spotify, non podes menos que emocionarte. Grazas, Pepe e dona. Grazas de verdade pola hospitalidade.

Non son capaz de chamar ‘lectores’ á xente que me le: é colocar unha distancia absurda entre eu e outros. Son todos xente, ao que levo coñecido, coa que me tomo unhas cañas como se os coñecera de toda a vida. Xente que coñece Capítulo Cero mellor ca ti mesmo. Non podo menos de emocionarme de cando, ao día seguinte, algúns amigos-lectores fixeron centos de quilómetros para acompañarnos polos montes da Amaía. E algúns estiveran na conferencia do día anterior en Ponteceso! E, no momento de compartir un vaso de Barrantes no San Martiño, sentes que podes estar tranquilo e dicir: “onde estabamos?”. Estrañas, marabillosas, relacións dixitais.

A toda a xente, en toda Galicia, que me trata con agarimo, só por algunhas letras que boto a este lugar de cando en vez, moitas grazas. Entre todos abrimos espazos para a cultura e o coñecemento compartido.

9 Comentarios

  1. 17 / Outubro/ 2011

    Onde se pode achar máis información sobre a metodoloxía e contidos do mapa de equipamentos culturais? Navegando por el crin advertir necesidade de actualización nalgúns concellos, así como un desigual tratamento dos equipamentos de carácter privado. En calquera caso, existe un acceso público á BD do mapa de equipamento, unha API ou algo que permita analizar os datos? Hai anos que teño gañas de demostrar con números esa afirmación que realizas (“En Galicia sobra equipamento cultural”). Aínda que na actualidade afirmar isto isto supoña coincidir con quen máis gañas ten de acabar coa cultura galega penso que vai sendo hora dunha análise global e non localista que adapte (tamén) as infraestrutuas culturais á realidade poboacional e económica de Galicia.

  2. 17 / Outubro/ 2011

    Dixen que sobran, non que estean ben distribuídos. Basicamente, nestes momentos, a programación cultural que hai en Galicia está en crise absoluta, desde o meu punto de vista. E os equipamentos, infrautilizados en boa parte dos casos.

    Podes sacar KMZs tanto concellos como de categorías. Se precisas datos máis exhaustivos podes escribir a observatorio@consellodacultura.org coas cousas que precises e que non te poida dar o web.

  3. 18 / Outubro/ 2011

    De nada, señór Gago. Só sinto non coincidir con máis frecuencia, porque a última vez quedáronme saudades amargas dun gintónic non bebido.

  4. 18 / Outubro/ 2011

    Señor Padín, iso haberá que solucionalo nalgún momento. :-)

  5. elixio
    18 / Outubro/ 2011

    Polo que a mín me toca direivos que hai unha páxina na que se dan conta de un bo número de Auditorios e casas de Cultura que algúns están nos circuitos da Rede Galega de Teatros e Auditoria. Nun traballo que fixen por cuestións, que agora non veñen ao caso, eu e un compañeiro pasamos moitas xornadas medindo e facendo planos e fichas dun bó numero deles. A ver se un día se podía facer unha Páxina tipo Mirem do ano 2002, e que a xente se descargara incluso os planos. (na que eu mesmo colaborei na zona de galicia facendo os planos) http://www.artenetsgae.com/mire/index.htm.(pódense implantar escenografías e planos de luces con medidas reais, Autocad)
    En Galicia non o hai pero a información está preparada.
    http://www.galescena.info/redes/documentacion/teatroauditorios (en documentación)
    http://www.galescena.info/gfx/Redes/ciclo1/ListaxedeprogramadoresRedeGalegadeTeatroseAuditorios.pdf (con responsable enderezo e teléfono)

  6. elixio
    18 / Outubro/ 2011

    Señor gago a vostede apréciaselle. Por certo o seu sombreiro está na miña casa, non para de contar historias de paisaxes, paparotas e castelos. Díxome que está un pouco ferido de tanto sol por eses montes, nunha outonía desvariada que non sabe atopar o inverno. Con todo iso tenlle lei e quere volver con vostede, fíxome entender que se murcharía senón o levara consigo.

  7. 18 / Outubro/ 2011

    Xa teño gañas de volver a velo. E faime falta estes días. :-) Mañán a ver se o dou collido. Grazas!

    Coincido: a ver se chega o outono dunha vez. Que o tempo non nos quite a máis fermosa estación do ano, redemo.

  8. Pepe Blanco
    20 / Outubro/ 2011

    Un millón de grazas, na Tenda dos Libros sempre serás ben recibido

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *