Última actualización o 21 / Outubro/ 2011

Asegúrovolo: dubidei moito antes de titular este artigo. O Insomnia non volverá. Sei que algún lector/editor deste artigo estará dicindo neste momento exacto: “Déixao ir”. Eu non. O meu problema é persoal. Nalgunha barra de bar prometinme solemnemente -con toda a escasa cerimonia desas ocasións- que endexamais escribiría un título saudoso. Puxen a Hendrick’s por testemuña e a uns cantos amigos como comparsas máis que como compinches. Que raio, o presente é o presente e é exactamente onde vivimos. Os tempos pasados que non volvan, ou que volvan, pero con cartos no peto e amor ás costas. Non quería ser como estes zombies da noite compostelana, que se arrexuntan na cea anual de pandilla de universidade e, década e media despois, teiman en volver aos locais noturnos onde unha vez foron felices –ou cren lembrar que o foron- e soñan con pescar –aínda que sexa metaforicamente- algo que lles demostre que algo seguen a ser. Será o outono –este enganoso outono- o que me fixo pensar no Insomnia.
Eu rematara a carreira había un par de anos e a cousa marchaba ben. Estás cun pé aínda na bohemia e o outro –o da nómina- recén estreado e sen compromisos hipotecarios. O Insomnia comezou a poñerse de moda. É curioso como este barrio da Porta do Camiño ten algún tipo de enerxía que ciclicamente dispara un local no coolismo compostelano, como hoxe fai con La Flor. Pero o Insomnia era distinto. Para os que non o lembren, ocupaba un baixo de dimensións mínimas e estreitas onde os máis optimistas podían distinguir tres zonas: enfronte da barra (onde se concentraban os e as compostelanitas), enfronte do DJ –cunha microplatea chea de posibilidades flirteantes- e o fondo (territorio Erasmus e das mozas da Amaía, Touro e arredores que viñan saír a Compostela). Aquelo petaba contra as dúas ou tres da mañá ata niveis que demostran a capacidade de supervivencia do ser humano en contornos imposibles. Pero aló, no Insomnia, sucedía algo que fai que moita xente remate por evocar con certa nostalxia o lugar; non tanto por el, como pola dificultade de atopar algo similar na noite compostelana que hoxe vivimos.
Lembran eses chistes sobre vascos que non se comunican coas mulleres? Pois eu sempre me sorprendín que nunca se aplicaran a esta nosa cidade de samurdos e cocóns (adxectivos directos cos que miña avoa definía os tímidos). O compostelanita afoga a súa timidez en alcol e asegúrolle que hai casos de eles e elas que levan anos mirándose nos bares, sempre á mesma hora, sempre no mesmo local, sen cruzaren palabra. Como Compostela é ben pequena, remátase por saber a través de terceiras partes a vida enteira do observado/a, pero non sabes como soa a súa voz. Ata que un día, os reloxos biolóxicos esmagan a timidez a base de hormonas e sentidiño e rematas por dar o paso adiante: ese que pretende parar, aínda que sexa por un momento, o tempo que se nos vai.
Coa súa música de pachanga dos 60 ou dos 70, coas súas homenaxes a Alaska, o Insomnia creaba un territorio que, por algún tipo de química granítica, ceibaba as sociorfinas das que os galegos andamos tan faltos e a noite cobraba o seu verdadeiro senso: refrescar a nosa axenda telefónica, enquistada desde terceiro de carreira en números sen saída, e sentir o que Juan Cueto chamaba ‘as burbullas do globo’, un xeito intrascendente de vivir a enerxía contemporánea e, polo tanto, rematar por facerse máis sabio a través da risa e do escarceo.
É certo que xa vou máis maior, pero nin eu nin os meus espías temos atopado antros noturnos que fagan tan agradable a suor humana e a saturación de colonia –esa combinación na que vive a fórmula secreta para crebar xeos humanos- coma o Insomnia daba feito. Iso si, a calidade xeral do alcohol mellorou; iso é que imos vellos e agardamos que a conversa volva estar, outra volta, refuxiada, como a publicidade subliminal tan de moda nos 90, nas caprichosas formas dun cubiño de xeo.
As Crónicas Mundanas son unha colección de artigos sobre Santiago de Compostela e a vida a través da súa hostelería. Publícanse bimestralmente na revista da Asociación de Hostelería de Santiago de Compostela.

Sé o primeiro en comentar