Un mar con imaxinación no restaurante Ponte Vella (Cedeira)

Última actualización o 16 / Outubro/ 2011


Fotos: Sole

Na espera dos pratos

Gústanme os comedores con biblioteca gastronómica. Eses lugares nos que, botando unha man para atrás, tiras un libro de gran formato, de cociña ilustrada tanto no sentido gráfico como cultural. Que entre prato e prato dedícaste á nobre arte do curioseo lector, compartindo achados.

Estamos no restaurante Ponte Vella, en Cedeira [T:981 482 248], curioseando da súa biblioteca gastronómica, despois dunhas sabrosas patacas recheas, antes da chegada dos primeiros. Alí atopamos un libro de inxenua portada: A moderna cociña galega, de Jorge Víctor Sueiro, do ano 1985. A moderna cociña galega ilustrábase na portada cun bodegón de mariscos, lacóns e o clásico festival do porco. Como sería a vella! Curioseamos nos textos: que escritor esquencido, Sueiro, un día -precisamos- temos que coñecer máis del.

Ata que batemos cun texto desta Terra de Cedeira. A historia do cura de Santo André de Teixido. Algo tiña que ter. Era famoso na zona Don Manuel Miragalla, enorme e ancho coma un planeta. Comechón e cociñeiro. Eugenia, a filla de Marisa a cociñeira, entra na conversa:

-Teño unha amiga que era familiar del, e contábame que para subir as costas o amarraban a dous burros.

A historia parece incrible, pero velaí está a memoria oral! Para sacar a don Manuel deste val da fin do mundo, os burros turraban para arriba do sacerdote coma se fora un carromato; seguro que facendo uso das súas facultades eclesiásticas, liaría tamén a uns cantos defuntos en tránsito para apoiar o desprazamento sacerdotal. O cura era sonado polas papanzas que lle organizaba aos amigotes. Ata Cela e Fraga expresaran o desexo de probarlle o mítico “tortillón” e cumprir co ritual de rematar o xantar pantagruélico co “gorro de durmir”. Sóache todo raro? Seica o “gorro de durmir” era tradición da reitoral de Santo André: había que baixar unha botella de coñac por cabeza cos cafés. En canto ao tortillón, tratábase dun prato descomunal, digno de artigo de Cunqueiro. Tixola enorme, abonda para poñer chourizos de pé, dúas ducias de ovos ou aínda máis e moita valentía.

Marisa, a cociñeira deste pequeno restaurante familiar Ponte Vella, non é para nada tan animal coma o vello cura de Santo André. Pero si comparte con Miragalla a valentía. Deste xeito, atrévese a elaborar co rico produto mariño local pratos que van máis alá do ‘produto’ e permiten a entrada da imaxinación. Comezamos o noso xantar cun delicioso pastelón de berberechos (en Cedeira, o ‘pastelón’ é a empanada), para seguirmos cunhas croquetiñas de percebes e algas, finas e delicadas, e rematarmos cun prato de intenso sabor: unha lasaña de centola e boi. Croquetas e lasaña, ben o saben, son pratos que piden paciencia. Collan algún libro da biblioteca e déixenos enfriar. Chegaranlles os sabores mariños, mesturados con ese aire de cociña de conforto que sempre teñen croquetas e bechameis. Non é cociña innovadora, pero nunha vila pequena, é cociña imaxinativa, con gañas de xogar co produto e perderlle ese ficticio e sacrosanto respecto. Pratos, ao mesmo tempo, alixeirados, de execución elegante e sabores delicados.

Fagan un oco para os postres. Nos fixémolo para esta tarta de mazá -áceda e galaica- con escuma de queixo que tamén merecía bos honores.

Cunhas cañas e viños, a historia sae en 25 euros por cabeza. Ou sexa, moi ben. Brindamos nos cafés polo cura de Santo André, polos pobres dos burros que tiñan que turrar del para riba cando quería saír da parroquia, brindamos polo pastelón, pola empanada aberta de raia e todo o que a vida ofrece nesta vila de Cedeira, balcón de luz especial sobre o Atlántico máis bravo e máxico do Reino de Galicia.

11 Comentarios

  1. 11 / Outubro/ 2011

    Pasei tai uns días por Cedeira, pero non sabía deste restaurante. Un motivo máis, por se non houbera poucos, para voltar por aquelas terras.

    Por certo, pareceume ver na visita a Santo André de Teixido, que a tumba de Miragalla está mesmo na entrada lateral do santuario…

  2. 12 / Outubro/ 2011

    Non dou topado no teu comentario nada de información sobre a primeira foto (esa cousas que parece unha pataca rechea) ¿Tirachedes a foto neste restaurante? ¿Que é?

  3. 12 / Outubro/ 2011

    Pois acabas de mallalo, Xosé. Menciónoa no segundo parágrafo e por iso é a foto que aparece en primeior lugar. Unha riquísima pataca rechea que se sirve como aperitivo.

  4. r.
    12 / Outubro/ 2011

    “Antes y después de comer, ni un papel de fumar leer”, dicía miña avoa. Non dicía nada dos entrepratos, claro.

    Tomo nota para cando volva por alá, como Pablo. Mmmm…

  5. DANINLAND
    12 / Outubro/ 2011

    Oe, ¡que fermoso!

  6. 12 / Outubro/ 2011

    Pois temos pendente volver a Cedeira para traermos a empanada aberta de raia da que nos falou unha amiga, e que fan por encarga nunha panadería. Xa contaremos!

  7. eloi saavedra
    13 / Outubro/ 2011

    O tal cura de Santo André era compañeiro obrigado de caza de meu avó e dos seus primos polas súas incursións cinexéticas na Capelada.
    En realidade o cura non cazaba senon que os acompañaba e servía de enlace cós cazadores locais.
    Nunha ocasión deixáronno ó cargo do pincho da mediodía, que consistía nun molete de pan de 2 kilos e outros 2 kilos de bistés panados.
    Cando voltaron para almorzar, o bon do D Manuel, xa rematara có pincho e non quedaba nada. E houbo que baixar a unha casa cercana a ver de picar algo. Onde por suposto o cura recuncou.
    Comentan na familia que o espectáculo era velo subir no Topolino que tiñan uns primos meus que eran os encargados de traelo e levalo o día do patrón.
    Un persoaxe para a Historia.

  8. 13 / Outubro/ 2011

    Tremendo persoeiro! Debía ter unha entidade planetaria. Aquí vai outra anécdota del:

    Dicho sacerdote, de nombre Don Manuel Miragalla, acostumbraba de misar en zuecas y cuando volvía su voluminosa humanidad en los “dominus vobiscum” aprovechaba para hacer las indicaciones que viniesen al caso, verbigracia; Tornade esas ghaliñas dahí don fondo!

    Sacada de aquí: http://elfumoir.blogspot.com/2009/08/una-cura-de-humildad.html

  9. Javier B
    19 / Novembro/ 2011

    Acabamos de preguntar por el Ponte Vella y nos dicen que cerró! Pensando en el local de los copazos de licor café, llevas una racha que sitio que visitas sitio que cierra :-)
    Menos mal que en Cedeira la oferta gastronómica es amplia; ahora estamos en el Leira Antiga (comida casera a precios razonables), y para quién no lo conozca no se puede marchar de aquí sin probar el marraxo del Kilowatio, toda una institución en la zona.

  10. FERRAMOLIN
    25 / Abril/ 2013

    El restaurante A Ponte Vella hace dos años que cambio de dueños,ahora se llama A Vila Vella.

  11. R.
    1 / Maio/ 2014

    Pois imos probar o Vilavella, aínda que non sexa o camiño que a Biblia Gago marcou. Apuntaba aí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *