Centros e periferias

Última actualización o 11 / Outubro/ 2011

É moi interesante visitar as escavacións arqueolóxicas, especialmente se tes confianza cos directores da escavación. Durante a visita, o pensamento especulativo tende a aflorar. Canda os datos que se che expoñen, o momento máis interesante é cando se elucubra en voz alta, ás veces con moita certeza, sobre a funcionalidade ou o significado de algo. É curioso como este pensamento especulativo a penas se traslada despois ás publicacións. Presos dun, se cadra falso, ‘cientificismo’, os informes, memorias e artigos limítanse a describir o que se atopa, para o que non hai un uso claro, pero ése moi conservador á hora de expresar aquelas especulacións máis atrevidas ou arriscadas. Sen embargo, ese pensamento especulativo é o que fai, moitas veces, avanzar a investigación: non é pensamento ‘de segunda’, nin moito menos.

Pásanos en Pena Furada. Unha das preguntas máis habituais ao redor do lugar é onde fican os castros máis próximos. Dáse por suposto que hai un castro próximo, como se un espazo se vinculase a unha comunidade concreta. Pero hoxe sabemos que, como era evidente, a articulación do espazo e do territorio na Idade do Ferro era máis ampla, ía máis alá dunha comunidade local concreta, aínda que non se sabe moi ben como funcionaba iso en termos prácticos, e máis aínda se o miramos desde unha perspectiva netamente positivista, pegada ás evidencias arqueolóxicas.

“Onde está o castro?”. Pois o curioso é que, por raro que pareza en Galicia, ao redor de Pena Furada hai un pequeno deserto castrexo. Os poboados da Idade do Ferro están estrañamente lonxe deste lugar.

O que ides ver, nesta imaxe, é puro pensamento especulativo. Antón Malde comezou a repasar a ubicación de castros nesa porción de territorio e atopou un curioso e misterioso ‘oco’ central no poboamento da Idade do Ferro, ao redor deste lugar, o outeiro de Pena Furada. Debuxouno no ordenador, e aquí está:


Castros ao redor de Pena Furada. Ver en grande (pdf).

É tremendo. Pena Furada no medio dun espazo baleiro, rodeada dun territorio por outra banda densamente poboado de castros. Indubidablemente, á cabeza véñense as referencias aos ‘lugares centrais’ no mundo céltico ou atlántico; espazos de fronteira, ou espazos que ocupan un rol diferente dentro do territorio: espazos de reunión e espazos de representación. Estamos ante un caso disto? Este é, outra volta, pensamento especulativo. Voces en voz alta, en palabra impresa; en Pena Furada prometímonos contar, case en tempo real, o que ía aparecendo. Coas ideas, coas vacilacións, cos acertos e equivocacións. Pensamos en transmitir non só as conclusións, ou os datos rasos, senón tamén as especulacións, a imaxinación baseada en datos. En verbalizar e facer público o que é habitual en toda intervención arqueolóxica que coñezo, esa ‘parte de atrás’ da escavación que nunca chega aos papeis, pero que existe.

Hai unha relación entre castros e Pena Furada? É este mapa un espellismo, facémolo nós central ao seccionar o territorio ou o territorio e os datos están a falar xa por si mesmos e representan o que aí se ve? As evidencias arqueolóxicas por este momento non permiten levar a figura da Moura ata o final da Idade do Ferro. Estamos nun estraño limbo romano-tardorromano-medieval, con estruturas que van aflorando e que nos enchen de preguntas, pero a finalidade da intervención, a limpeza de superficie, non permite ir moito máis aló por agora. Pero tamén estamos a penas na capa superficial e vexetal dun xacemento tremendamente complexo. Se cadra esta figuriña da Moura sexa o vínculo entre séculos de máis atrás, cruzando séculos de tempo.

Déixennos especular. Especulen connosco. Pero non hai que quedar aí: hai que ser escrupulosos, moi escrupulosos cos pasos posteriores. Logo os datos irán corrixindo, desmentindo ou confirmando estas especulacións. A clave é ser honestos: discernir e aclarar cando especulamos, cando prantexamos hipóteses, cando expresamos certezas. Agora especulamos. E así avanzamos.

10 Comentarios

  1. 11 / Outubro/ 2011

    Unha especulación: pías (o mal das pías!) e petróglifo da moura son dúas cousas que permiten interpretar o lugar en clave de “santuario galaico” con uso na época romana.
    Especulación dúas: os materiais tardorromanos-medievais non deberían distorsionar esta primeira percepción de santuario galaico-romano. Antes ben, é esta última interpretación a máis probable, porque un santuario rupestre con rasgos paganizantes nun contexto arqueolóxico completamente medieval si que sería estraño. Mentres non se escave, non aparecerán materiais antigos, por pura lóxica estratigráfica.
    Especulación tres: Para discernir a “centralidade” do santuario, habería que pensar qué territorios son controlados ou están adscritos a cada asentamento (na suposición de que todos sexan coetáneos), cales son os límites do “termo castrocipal”. Son as chans dos cumios? son os ríos? Poida que o santuario non estivese nos termos dos castros de alén do Monte do Gato, se fosen os cumios, ou poida que non o estivesen dos castros de alén o río Mendo, se fose este río o lindeiro.
    Especulación catro: Dende cantos castros se pode ver a Pena Furada? Porque se se trata dun lugar simbólico, escollerían un lugar visible, non un agachado da vista. Inclínome a pensar que o santuario estaba baixo a responsabilidade dos que o puidesen ver, antes que dos outros.
    Especulación cinco: se Pena Furada estivera (como parece) nunha posición “central” ou equidistante de varios asentamentos, significa que éstes comparten un espazo simbólico, que se identifican cun territorio amplo e compartido, e ergo pódese pensar nun espazo común tamén político.
    E poderíamos seguir, e mediando uns gintonis, mellor aínda.

  2. bosquexo
    11 / Outubro/ 2011

    A ver el experto en territorio va a dar su opinión: no me hagáis mucho caso. Simplemente es una aproximación, unas primeras talladuras a la escultura.

    1)Hay que hacer hincapié en la abundancia de caminos antiguos en el Monte do Gato, parece como un espolón de acceso a los valles marítimos desde Guitiriz. Yo ya he visto varios topónimos viarios muy interesantes.

    2) Conozco bien los valles que conforman la comarca de betanzos, son valles muy profundos, muy húmedos, y con una densa vegetación en sus riberas. Realmente esta isometría no agradece nada a las dimensiones del Monte do Gato. En el sigpac se ve mucho mejor,el monte do Gato me recuerda mucho a los montes do Bocelo. Es un lugar ideal para la práctica de la agricultura de quema y roza y el cultivo de cereales. Debía de ser el lugar donde se practicaba este tipo de cultivo en la comarca. Una especie de granero no ya de un castro, sino de carácter comarcal. Esto puede explicar el uso del Monte do Gato desde épocas del Bronce y del Megalitismo. Existen varias mámoas por lo que veo.

    3) Su carácter de granero comarcal debido a la profundidad de los valles circundantes, debía congregar bastentes personas en la época de recolección y de roza del cereal. Seguramente celebrarían algún tipo de romería final en agradecimiento a la fertilidad de la madre tierra o de la tierra. La dependencia de las estaciones explicaría la pensada orientación del mismo. Su lugar apartado de la comarca le daría aspecto de romería popular casi de peregrinación.

    4) seguindo pola cordal cara arriba tedes unhas variables similares. Existe un área chamada AVEA, do cultivo deste cereal. E nun extremo deste área cultivable mirando cara o oeste aparece outra Pena Moura.

    Conclusión, a miña opinión é que me parece un monte de roza e queima, que pode ter as súas orixes xa dende épocas do megalitismo e do Bronce, pero non a nivel de uso dun castro, senón a nivel comarcal, xa que parece o único lugar apropiado para esta función de todos os vales que rodean Betanzos ou próximos a Betanzos.

    A existencia de numerosas vías romanas que enlazan con Guitiriz e con Lugo , e tamén co campamento de Cidadela son a destacar. Hai varios topónimos ó respecto. Pode que foran os romanos os que monumentalizaron e tallaron a moura nun lugar sagrado previo. Normalmente as romerías celébranse despois da xornada de traballo. E nada mellor que o solpor para relaxarse e festexar.

  3. 11 / Outubro/ 2011

    Excelentes achegas!

    Ambas as dúas teñen bastante sentido; é moi curioso e estraño o baleiro de asentamentos da Idade do Ferro nas proximidades deste espazo. Non moi lonxe deste monte, pola contra, atopámonos hoxendía cultivos e asentamentos tradicionais. Non deixa de ser mosqueante esta ausencia.

    Un factor relevante nesta ecuación é a confluencia de ríos xusto aos pés da Moura. Estas confluencias sempre dan lugar a espazos de relevancia simbólica nas comunidades, en todo o mundo, e aquí parecen xogar un papel importante. Os mapas axúdannos, desta volta. Hoxendía, con tanto eucalipto, non se perciben visualmente os rasgos máis marcados desta topografía.

    A min o factor Romaría encáixame moitísimo aquí, efectivamente. De feito, nunca deixei de pensar nesta idea de romaría e peregrinación a un punto distante. Pero teño a percepción que a clave deste espazo é claramente o oeste e o que alí hai. Todo o espazo está, sen dúbida, intervido. Pero os muros posiblemente escalonados que están a aparecer no oeste -aínda que só coa limpeza non imos dar solucionado ben o tema da estrutura- tamén fan dispor. O que pasa polo oeste ten moito que ver. Velaí está a vía romana XX, ben documentada.

    E agora eu tamén especulo. A miña conxetura é que a Moura está ‘petrificada’, é dicir, que antes de que alguén a gravase, a Moura xa estaba alí, cando menos no mundo das crenzas próximas. O espazo podería ter desempeñado un rol central na Idade do Ferro, pero se cadra as súas funcións, dentro da súa sacralidade, foron diferentes ao longo dos séculos. Responderá esa orientación ao oeste a parte dos atributos sagrados da figura mitolóxica que pode estar detrás da moura, ou cando escolleron esa orientación estaban a pensar no camiño, na vía XX, que pasa enfronte?

    Por certo, a súa hipotética proximidade a un amplo espazo de cultivo de determinados cereais resulta tremendamente suxestiva!

  4. 11 / Outubro/ 2011

    Un tema interesante é o do rexistro arqueolóxico da Idade do Ferro, ao redor do santuarios. O que fai novidosa esta intervención é por tentar emprender unha análise sistemática do que hai ao redor de posibles espazos sacrais que poden chegar de aí…pero hai que ser moi realistas. Non podo menos que pensar no tipo de ‘ofrendas’, por exemplo, que aínda hoxendía se realizan nos cruceiros ou en penas como a Pedra da Moura, en Toques:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2004/11/02/a-pedra-da-moura/

    Ofrendas efémeras, humildes, comestibles. Que alguén gravara a Moura, se é desa época, é un miragre, pero non podemos agardar atopar o tipo de rexistro arqueolóxico que vemos nun santuario ibérico, todas esas preciosas figuriñas e exvotos, que fose contemporáneo, antes da chegada dos romanos, a un culto nesta Moura. Hai que ler estes espazos a partir da interpretatio romana, e analizar as pistas que poida fornecer.

    E ollo, tampouco hai que cegarse co do santuario, é dicir, non hai que tentar ‘casar’ todo para que encaixe coa hipótese, porque o rexistro arqueolóxico non funciona así, é moito máis disperso. A mirada sobre o espazo ten que ser aberta. Ao mellor os datos nos levan a pensar nalgo máis interesante que un santuario, ou ao mellor a existencia dunha fortificación altomedieval aló tamén ten un enorme interese…

  5. Pancho-Lapatianco
    11 / Outubro/ 2011

    A visita “guiada” á Pena da Moura foi emocionante, sobre todo por tentar “ver” cómo era a paisaxe naquelas épocas.

    Por falar. Atopado este “santuario” que estamos “centralizando” nestas especulacións. ¿Poderiános estar dando pautas para buscar noutros “lugares valeiros” de castros? ¿Podemos reinterpretar o territorio para “ver” outros lugares de culto-romaria-oquesexa usado nesas épocas?.

    Por poñernos a matinar na(s) sociedade(s) deses primeiros séculos e as distintas xentes que habitaban este noroeste, podemos vencellar, por diferenciación, este lugar de culto “rústico”, co máis urbano templo de Mitra da cidade romana de Lugo atopado nos últimos anos, máis ou menos contemporaneos.

  6. Antón Malde
    11 / Outubro/ 2011

    Achegas estimulantes!

    En plano telegráfico e seguindo as outras reflexións:

    Chámame a atención a baixa densidade (case ausencia) de xacidas castrexas entre Mendo e Mandeo até o rebordo dos blocos dos Montes Salgueiro e do Gato [para alén do evidente problema da contemporaneidade].

    Neste sector as fallas tectónicas e as bacias dos ríos Mendo e Mandeo constitúen unha auténtica armadilla.

    Un monumento recente e próximo [a cementeira de Coirós] é un referente visual desde a liña de horizonte.

    Desde logo non se trata dun simples lugar caracterizado por unha inscultura curiosa, senon un penedo deriveradamente monumentalizado, cuxos elementos simbólicos, construtivos, e o esforzo investido indican relevancia no territorio.

  7. puede ser
    13 / Outubro/ 2011

    Hace tiempo leí (en la web) un estudio (universitario) sobre el mismo tema pero na Terra de Montes (entre Pontevedra y el Paraño).

    El estudio de un cierto lugar que ellos caracterizaban como sagrado o festivo mostraba que se encontraba a una cierta distancia de cualquier castro que se conozca en la zona.

    Una de las hipétesis de los autores era que el lugar podría ser un punto de reunión de los diferentes núcleos habitados de la “comarca”. Un sitio neutral donde negociar, o festejar, o orar…

    Disculpade que non lembre o nome exacto do traballo, se o necesitades podo facer un esforzo por re-atopalo.

    Saúdos e noraboa polo blog.

  8. Javier Foz
    13 / Outubro/ 2011

    Bueno. O suposto oco pode ocorrer porque os lugares de culto e “oenach” soen estar situados em terra de ninguém, em límites territoriais (explica-o moi bem Higinio Martinez no seu livro “as trebas callaicas” (Edições da Galiza). O caso de um lugar resenhabel na paisagem, longe dos lugares habitados e equidistante deles não o vejo umha circunstáncia excepcional. Por citar ejemplos assim de memória lembro alguns de “La construcción del paisaje social en la edad de Hierro del noroeste Ibérico” César Parcero Oubiña , fundaçom Ortegalia.

  9. 21 / Outubro/ 2011

    Eu melhor especular não especulo que logo me venhem tirar das orelhas ;-), animo e sorte coa limpeza.

    PD: A ver se posso-me achegar um dia por ali, a ver porque agora estou para variar ando um pouco saturado de trabalho

  10. Antón Malde
    22 / Outubro/ 2011

    Amigo Foz tens razom. A escepcionalidade vem dada pola configuraçom da jazida. Quiçá a nossa alegria venha de constatar, que ainda a ser umha novidade, a jazida compartilha elementos da gramática espacial que Parcero e outros teên sinado para os espaços de limite, nuetros ou vacios.

    E a falar disto…acho que devo, neste caso, reconsiderar as covinhas que estam junto ao antropomorfo recente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *