Steve Jobs: un modelo para todas as xeracións

Hoxe falarei cos meus alumnos sobre Steve Jobs. A mellor homenaxe a un dos grandes innovadores do século XX e XXI é sempre un bo momento para pensar sobre a traxectoria e o que se pode aprender de alguén. Non creo en santos nin en vidas perfectas, pero si creo que debemos aprender das persoas, identificarnos con elas, seguir das vidas pasadas aquelo que podemos incorporar ás nosas, comprender a unha persoa na súa plenitude, nos defectos e nas virtudes. Os xesuitas teñen por norma, cando son moi vellos e afrontan os seus últimos tempos, escribir un testamento vital que fan circular entre os outros membros da orde. Pretende ser a transferencia dun coñecemento que non adoita ficar codificado nos libros convencionais, pero que pode ser valioso para as seguintes vidas se o len e o internalizan.

Sobre a vida de Steve Jobs sábese moito máis, por suposto. Sempre me sorprendeu a súa capacidade de afrontar, desde unha empresa, a innovación tecnolóxica. Un sinfín de pequenas tecnoloxías experimentais que se van introducindo en produtos pequenos e logo se implementan nos produtos grandes, que acadan un aire totalmente renovado a partir da suma de pequenas innovacións xa introducidas previamente. E alternar esta magnífica integración do I+D na oferta de produtos coas capacidades de crebar e asombrar o mercado, con produtos decididamente rompedores na industria. Ás veces esta estratexia radical tiña éxito (iPod) e outras fracasaba estrepitosamente (Cube), pero en Jobs tiña sentido esa capacidade de obter beneficio do fracaso: os fracasos poden ser malos economicamente, pero positivos en termos de coñecemento. A lección está clara: non hai que ter medo ao fracaso para crear o éxito. Na nosa sociedade galega, moralmente moi conservadora -con independencia da ideoloxía de cada quen-, a valentía de Jobs, a súa ausencia de medo a botarse para diante, é un referente necesario.

Internet beneficiou de xeito notable a Apple, unha compañía pequena na hexemonía do sistema operativo Windows e o PC. A Nube reduciu a porcentaxe de usuarios insatisfeitos pola ausencia de programas ou polas incompatibilidades de software cos PCs e lanzou a Apple á súa idade de ouro: unha compañía rendible, de tamaño aínda asumible, líder como referente de innovación.

Steve Jobs ilustra o século XXI. Exerceu case un papel de liderazgo intelectual, sen el ser un intelectual, senón un home de acción. A noción vella de intelectual está máis que nunca en entredito, e respondía a unha noción da cultura demasiado estreita e elitista. Hoxe, en clase, porei este vídeo que os meus alumnos aínda non coñecerán. Difícil non crer en Jobs despois deste fermosísimo discurso na universidade de Stanford:

One Comment

  1. xos
    6 / Outubro/ 2011

    Jobs entra nas luces dos estadounidenses. Así como adoitamos criticar as enormes sombras do sistema americano, tamén toca louvar as luces. ¿Tería sido posible un éxito así noutro país do mundo? Esa innovación, ese descaro, esa creatividade….

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *