Last updated on 10 / Outubro/ 2011

Final Cut Pro é un software de edición de vídeo para Mac ata agora usado maioritariamente por profesionais. Moito máis críptico que o iMovie, moito menos satisfactorio a curto prazo, requería dun certo número de horas para comprender a súa lóxica e tirarlle proveito.
Pero cando Apple publicou a versión X do seu Final Cut, os profesionais que se decantaban por este programa entraron en pé de guerra. En parte, polo radical cambio do sistema de edición. Agora, na liña do tempo, a película represéntase case en tempo real, e a barra avanza por fotogramas que corren, e o audio represéntase coas súas curvas de nivel. Ese estraño sistema de edición de vídeo -ao meu ver, revolucionario- Apple experimentárao no doméstico iMovie. E agora desbotaba máis dunha década de tradición co Final Cut para adoptar o sinxelo e doado sistema dos afeccionados. Algúns elementos a maiores no Final Cut, como un uso moi eficiente da xestión da cor das escenas, que permite obter efectos ‘cinemáticos’ con moita facilidade, e a combinación con cámaras Full HD de formato doméstico cada vez con mellor calidade gráfica converten ao Final Cut máis na evolución dun afeccionado doméstico que quere progresar nas súas filmacións dixitais que na resposta ás demandas da industria.
Con independencia de cales foran as decisións internas de Apple para cambiar de xeito radical a perspectiva de evolución do programa, o que está claro son as consecuencias: un paso máis na proximidade tecnolóxica entre profesionais e afeccionados, cada vez máis difusa, tanto en hardware como en software. No audiovisual, de xeito moi rápido, veremos en pouco tempo unha competencia afeccionado-profesional igual que na música se ve desde hai tempo entre autores de maquetas e discos producidos.
A clave dos profesionais do futuro estará na combinación absolutamente intelixente entre a experiencia nas linguaxes dos sectores da cultura e a organización da loxística de produción de contidos de xeito continuado. Esixirá unha competencia profesional moi superior á actual, e moi dinámica. Un afeccionado pode acadar de xeito brillante varios minutos de metraxe, pero é máis complicado facer unha serie competitiva. Non é moi distinto ao fenómeno do software, onde o I+D+i está, desde hai tempo, descentralizado en numerosos focos individuais e colectivos de programadores independentes. Os cambios na industria cultural do futuro forzosamente deberán facer dialogar ese I+D+i externalizado, ese I+D+i forxado en miles de distribucións de Final Cut Pro X e outro software que seguirá ese camiño. Non se tratará de buscar talentos na creación independente para incorporalos á industria audiovisual senón, de algún xeito, cooperar con esta produción independente, moitas veces individual.
Un software pode cambiar tanto as cousas? Final Cut Pro non é líder na súa cota de mercado, pero é capaz de introducir moitas cuestións sobre a produción cultural na mesa que van moito máis alá dunha distribución de código fonte.

Be First to Comment