A través do interesante blog de Ángel Casaña souben da existencia do fotógrafo Danfung Dennis. Canso do fotoxornalismo como método, Dennis volveu a Afganistán con cámara de vídeo, despois de cubrir o conflito como fotoxornalista. O resultado é magnífico. Hell & Back Again é un documental con calidade fotoxornalística, algo terrible (a guerra como poucas veces se filmou) e á vez fermoso, no seu seguimento de soldados e suboficiais. Non vos perdades ao inicio a cínica frase do sarxento: “somos expertos na aplicación de violencia”. Arriba podes ver o trailer, e aquí hai unha intensa secuencia bélica.
Pero o que máis me abraiou, errando pola canle de Vimeo de Danfung Dennis, é a empresa que creou. Chámase Condition One e proponse trasladar aos usuarios ao escenario da guerra. Situado nun escenario actual, o deserto libio, o seguinte clip, My Freedom or death, A miña liberdade ou a miña morte, ilustra onde quere chegar Dennis e os seus colaboradores, como Patrick Chauvel, autor destas escenas. Os clips son interactivos e inmersivos. O usuario, a través de desprazamentos táctis, pode introducirse nas escenas reais de combate dos rebeldes libios. A partir do sensor de posición do iPad, un pode converter o salón da súa casa nunha escena real, na que un ferido nos combates está a ser atendido polos seus compañeiros. Eu non me perdería este vídeo por nada do mundo.
Abraiante. Por suposto, isto pode dar lugar a moitas dúbidas. Ata que punto isto é vendible, transmitible. Supera á noción que tiñamos do fotoxornalismo e o vídeo de guerra, rebasa unha fronteira ou simplemente é a estensión deses xéneros ao formato interactivo?

Be First to Comment