
O outro día, o empresario cultural Francisco Viéitez, fillo do mítico fotógrafo da Terra de Montes Virxilio Viéitez, contounos unha pequena, pequenísima anécdota que me pareceu ben fermosa. Francisco falábanos do ambiente rural da Terra de Montes cando el era pequeno, e do traballo do seu pai. A vida aló non era doada, e a familia era só a medias a familia dun fotógrafo, a outra parte complementábase, como todo o mundo, coa cría de gando e o cultivo das terras. E aquí sucede esta anécdota. Francisco contábame como pola mañá a familia enteira saía para o río que pasaba preto de Soutelo. El, o neno, levaba as vacas, que bebían e andaban polos prados. A súa nai, muller de Virxilio Viéitez, ía lavar ao río. Pero o fotógrafo tamén os acompañaba, só que ao seu traballo. Mentres a muller lavaba a roupa, Virxilio lavaba, nese río que nacía nas serras da Terra de Montes, as placas fotográficas que realizara neses días nas súas aldeas e nas súas terras, a labregas que augaran as súas terras co mesmo manancial.
Non se me ocorre metáfora máis fermosa da fotografía de proximidade.

preciosa foto, lémbrame, non sei porque, unha escena de cine nouvelle vague, espontaneidade, alegria, frescura, improvisación, naturalidade…
En parte, por iso a escollín, Roi. Virxilio, e todos, tamén somos iso. :-)