Roumeli, o libro falado de Patrick Leigh Fermor

Última actualización o 2 / Outubro/ 2011

O lugar común das palabras informa de que o libro é un gran compañeiro. Palabras etéreas de marketing, a maior parte das veces. O compañeiro ou compañeira acompaña co sangue quente, o roce da pel, a confianza que outorga o estar calados sen necesidade de encher o silencio. Só algúns libros acadan deixar a súa natureza de papel e converterse en parte da nosa carne.

Lin Roumeli. Viaxes polo norte de Grecia, este libro fascinante, a partir da medianoite. Todos os días un pouco. E moitas das noites, coa fresca entrando pola xanela, o libro facíase palabras e sons. Foi unha sorpresa dos filólogos descubrir que Ilíada e Odisea foran textos para ser recitados. As andainas curiosas do británico Patrick Leigh Fermor polo norte dunha Grecia que, en certo xeito, xa non existe, tamén foron así. Era medianoite, e todos os días avanzabamos frases cos monxes de Meteora, aprendiamos a vida dos nómadas sarakatsáni, herdeiros da arte xeométrica da prehistoria grega. Con Leigh Fermor viaxabamos aos días da resistencia cretense contra os nazis, onde se bebía ouzo nas covas-refuxio das montañas. En voz alta, coma os contos dos nenos, seguiamos a cadencia deste libro fascinante. Aprendimos sobre esa dualidade grega entre o helenismo e a roumelíade, entre a rectitude duns antepasados odiosos aos que non se poderá superar á picaresca do supervivinte ás invasións de poderes estranxeiros.

O meu amigo Paco Nadal o expresa moi claramente:

“Habría dado el páncreas y los higadillos a cambio de una sola hora de mi vida charlando con Leigh Fermor”.

Nós, na nostalxia de que este aventureiro sir inglés morreu este mesmo ano, xa non temos a mesma arela. Pero ao falar Roumeli, sentimos que compartimos unha copiña de ouzo con este gran home, que engaiolou a unha selecta audiencia con algunhas das mellores páxinas da literatura de viaxes da Historia.

Se lles teño que recomendar un libro de todo corazón, sería este.

9 Comentarios

  1. 29 / Setembro/ 2011

    Pois a por el. A ver se me animo a visitar Grecia, que gañas non me faltan.

  2. Rubén
    10 / Outubro/ 2011

    Cando teñas tempo, se non o leiches le O tempo dos agasallos (publicado por Altair). Magnífico libro onde Fermor narra a andaina de Londres a Estambul no período de entreguerras. Precioso

  3. 10 / Outubro/ 2011

    Si, nestes meses voume devorar todo Patrick Leigh Fermor. :-)

  4. 5 / Novembro/ 2011

    E desculpas, unha precisión. “El tiempo de los regalos” chega a Budapest, non a Istambul. A parte entre Budapest e Istambul vén relatada en “Between the Wood and the Water” (hai tradución recente ao español)

    Un saúdo

  5. Miguel
    16 / Novembro/ 2011

    E outra auto-precisión. Ademais de “El tiempo de los regalos” y “Between the Wood and the Water” faltaba unha obra máis sobre a viaxe entre Holanda e Istambul a pé. Só que non puido acabalo o nobr Fermor. Estaba a con ese labor cando faleceu. En “Words of Mercury” Fermor fala do seu encontro en Romanía co seu amor de xuventude (unha pintora) e tamén a visita a un antigo Castelo onde pernoctou na viaxe a pé. Cando foi alá era un manicomio, nos anos 30, un palacio (un reflexo da historia de Europa). Grazas por citar a Fermor, inspirador de viaxes para moitos

  6. 19 / Novembro/ 2011

    Boissimo!!!

  7. 19 / Novembro/ 2011

    Miguel, grazas polas achegas!

    Xavier, alégrome que te gustara. :-)

  8. 19 / Novembro/ 2011

    Merqueino conxuntamente co de Mani, libro no que fala do sur de Grecia. Lino dun tiron , e de seguido, seguin co de Roumeli. Recomendoche encarecidamente o de Mani. Viaxes polo sul do Peloponeso.

  9. 20 / Novembro/ 2011

    Si, téñoo pendente!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *