Pena Furada en Galicia Confidencial

A xente de Galicia Confidencial pasou connosco a mañá do domingo pasado facendo esta excelente reportaxe audiovisual do traballo no outeiro de Pena Furada. Paga a pena botarlle unha visual. Por certo, van ver un fulano con sombreiro dándolle a chapa sen parar a dúas vítimas propicitarias, ás que non lles deixa meter baza, co que lle suxerían algúns anodinos anacos de cerámica. Descúlpeno: estaba algo excitado. :-)

9 Comentarios

  1. Luis
    29 / Setembro/ 2011

    Moi interesante.
    Só lle vexo unha pequena eiva: cando atopan a pedra, Malde desbota de xeito rápido e contundente que se tratara dunha pedra de afiar. Nese punto, agradeceríase algunha explicación de por que.

  2. 29 / Setembro/ 2011

    Non sei se viches o Diario de Pena Furada dese día.

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/09/25/diario-de-pena-furada-250911/

    Foi gravado despois desta que ves aquí e Malde fala algo máis da peza e, como é evidente, hai que examinala máis de vagar. O que estás vendo son gravacións en vídeo e en directo, no momento no que se producen as cousas, e non relatorios ou memorias de intervención nos que hai descricións exhaustivas dos seus obxectos e usos. O vídeo ten o seu engado, e por iso as facemos, pero hai que saber que tipo de rexistro se está a visualizar: conversas rápidas entre persoas. Cando se realice a memoria da intervención, unha vez finalizada, analizaranse máis de vagar as pezas máis relevantes e poderemos saber máis.

  3. Antón Malde
    29 / Setembro/ 2011

    Puiden ser un tanto categórico. Mais a morfoloxía, o marco perimétrico e a ausencia de pegadas de afiado alonxan a posibilidade de ser unha pedra de afiar.

  4. Luis
    29 / Setembro/ 2011

    Gracias pola aclaración, Antón… e bo traballo.

  5. Antón Malde
    29 / Setembro/ 2011

    Grazas a ti Luís.

  6. Anxo
    29 / Setembro/ 2011

    Quero dar os meus parabéns a todos os que estades a realizar este traballo. Coido que pode ser un auténtico exemplo do que se poder facer en outros moitos lugares de Galiza: grupos de voluntarios excavando dirixidos por un arqueólogo. Da a impresión de que de este lugar aínda se pode extraer bastante máis. Ocórreseme que sería interesante localizar as bases onde se podía asentar o tellado do que apereceron restos das tellas para ver si podíamos facernos unha idea da estructura que recubría o “santuario”.

    En canto a pedra lisa esa. Non sería un Iphone da época? :-))))))).

    Saúdos.

  7. 29 / Setembro/ 2011

    Moitas grazas, Anxo. A nosa filosofía é a arqueoloxía cidadá, recuperar o vínculo co patrimonio perdido practicamente nas últimas dúas décadas. Un dos grandes problemas deste país foi a disociación entre profesionais/científicos e afeccionados. Vermos o que acontece durante os traballos en Pena Furada, a ilusión que está concentrada nese outeiro penedento, é marabilloso. E non é tanto ilusión polo que sexa ou deixe de ser Pena Furada, senón polo propio feito de participar da descuberta do pasado. Asegúroche que as mañás son trepidantes coma un filme de acción.

    Sobre a morfoloxía do lugar. Nos vídeos estámonos centrando en cousas que son visibles con facilidade nos vídeos, pero a penas tocamos parte da gran chicha de Pena Furada, porque practicamente non se poden ver en vídeo. O que nós pensabamos que era un podio exento, non é tal: é o eixo central dunha estrutura complexa de recintos e habitacións ao redor, que deixaron as súas pegadas, ben claras, nas pedras anexas que estamos a limpar. Hai unha chea de recintos ao redor, non só un, e en todos eles a presenza da cerámica é ben clara. Só hai un lugar, ao redor do podio da Moura, no que NON hai restos antrópicos: nin tella nin cerámica. E ese lugar, por agora, é a propia moura. Absolutamente mosqueante. De feito, a última hora do domingo comezouse a limpar un estremo do cara do podio na que está a moura e apareceron escotaduras na pedra, e aí, case de xeito matemático, apareceu tella e cerámica. Tamén a última hora do domingo parecía clara a existencia dun recinto baixo a moura. Ese recinto podería ter un tellado delimitado polas pedras da plataforma da moura. Moi posiblemente, non sobresairía nin a taparía, pero iso non o poderemos confirmar nesta campaña, porque habería que escavar. Nesa área -aínda que non sabemos se por arrastre- apareceu un mosqueante fragmento de palla-barro. Xa sabedes, o palla-barro revestía as paredes dos cabanas dos castros na área da Moura en época romana, etc.

    O caso é, o fermoso é, que todo isto por agora nos está falando dun contexto profundamente rural. Non sabemos onde nos levará, pero o que estamos a ver é tan humilde como denso, e polo tanto profundo como a propia terra. E é fermoso traballar con esas dúas variables.

    Cústanos aínda imaxinar como era iso, pero hai que ver unha certa complexidade de estruturas que non fican só aí, senón que se estenden por todo o curuto, e en varias direccións. Non sei ata onde conseguiremos chegar nesta vindeira (e última) fin de semana, pero imos traballar en dirección N e NO, limpando esas áreas, a ver que temos claro. Pero todo, todo o outeiro está artificializado e posiblemente monumentalizado. É unha pasada. Tamén é unha pasada ver o ignorantes que somos, pero aprendemos. :-)

  8. artabris
    9 / Outubro/ 2011

    unha vez máis encantada de pasar por aquí e atoparme con novidades, e por riba ver que unha veciña está de voluntaria!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *