Marc Fumaroli: o problema de nacer no centro do mundo

Última actualización o 16 / Setembro/ 2011

Leo El Estado Cultural do crítico e pensador francés Marc Fumaroli. Neste libro, Fumaroli disecciona a evolución da política cultural do Estado francés en especial desde despois da II Guerra Mundial: é dicir, o papel que toma a cultura nun momento de profunda redefinición de Francia. Fumaroli baséase, en gran medida, nalgo que é imposible en Galicia ou no Estado español: os altos funcionarios e os ministros teñen publicado libros sobre xestión e direccións de política cultural (!!!). Estou tentando lembrar se, entre os nosos gobernantes de cultura, tivemos algo así.

A perspectiva de Fumaroli é demoladora, profundamente polémica e a contracorrente con respecto ao stablishment máis ou menos esquerdista da cultura francesa. O eixo da análise de Fumaroli é que Francia apouse na cultura como compensación pola perda da súa influencia global no mundo e como xeito de integrar á esquerda trala II Guerra Mundial. Fumaroli é un tipo de ideoloxía profundamente liberal -pero á francesa, valora soberanamente o Estado como logro político-, e a súa principal crítica vén esencialmente deste factor: considera o francés que unha excesiva influencia do Estado na cultura termina por crear dirixismo e, en certo xeito, condicionar o desenvolvemento cultural de acordo con determinadas liñas do que se estima convinte e do que non.

É difícil, á vista dos feitos non só en Francia, senón en Galicia ou España, non compartir algunhas destas percepcións en canto a este estremo da polémica. O Estado exerce como un oso que no seu abrazo pode distorsionar ou transformar a dirección dun sector ou dun segmento cultural. Vímolo de xeito notable na xestión das políticas públicas do audiovisual galego ao longo dos anos, perigosísimas. O gran perigo do Estado é que pode crear unha cortina de fume que distancia ao creador cultural do seu fin último: o público. E faino de mil maneiras diferentes.

Sen embargo, o gran problema da teoría liberal de Fumaroli é que peca de excesivamente presentista (aínda que el tamén afirme que o seu é un libelo cabreado), pero tamén de localista. A súa aversión á presenza do Estado na cultura, a súa confianza en que unha cultura sen Estado desenvolveríase de xeito libre, só pode estar pensada desde un país opulento en termos culturais. Mal que lle pese a Fumaroli, a intensa cultura francesa débese ao investimento decidido (e en retroceso) do país no sector cultural como eixo de desenvolvemento cidadán e económico. Ao ler o libro, reflexionaba sobre as diferentes políticas dos gobernos galegos en materia cultural, e que acontecería no país se non tiveran existido. Basicamente, unha gran parte da poboación e do territorio galego carecería dunha programación e unha infraestrutura cultural que aínda hoxe é insuficiente (no primeiro caso) e se cadra mal estruturada (no segundo).

Con independencia da ideoloxía de cadaquén, máis de dereitas ou de esquerdas, a cultura debe ser entendida como un ben de servizo público, igual que a sanidade ou as infraestruturas viarias. O Estado, simplemente, non pode retirarse do sector cultural por consideralo accesorio en relación a outros servizos que se prestan aos cidadáns. Un estado moderno considera á cultura factor de riqueza -económica e civil- que airea as sociedades.

Outra cousa, por suposto, son os vicios que exercen determinadas políticas culturais que tamén, aquí, operaron máis como analxésicos que como estratexias de desenvolvemento. Fiquei pensando no último parágrafo do artigo do venres pasado de Xurxo Borrazás en El País:

As subvencións, pola contra, deben deseñarse para que se faga innecesaria a súa continuidade. Se non se consegue, manteremos animais de zoolóxico: alimentados, ociosos e presos, incapaces de valérense ou de aportar nada de valor á especie. Na segunda xeración, os animais xa non saben que están presos, chegan a pensar que os presos son os de fóra, que non teñen acceso á protección do parque zoolóxico. Como nos gustaría abrirlles as portas para demostrarlles que no exterior as especies sobreviven a pesar dos zoolóxicos, igual que a arte sobrevive a pesar das subvencións!

Borrazás ten moita razón, pero detense unicamente na creación, como cerna da cultura. A min gustaríame tamén enfatizar que a política cultural -que debera ter por obxectivo crear cidadáns máis libres e que, esencialmente, vivan mellor- debe ir máis alá. Non só debe pensar na creación, senón na interacción. Debe estar antes e despois do acto creativo. O gran desafío dun político cultural é conseguilo sen caer na tentación de crear discurso apoiado nos intelectuais, ao meu ver.

Fumaroli escribe de xeito embiguista para a culta sociedade francesa. Gustaríame saber o que escribiría se vivira -aínda que fora nun pazo- en Mazaricos.

Un comentario

  1. karl
    5 / Xaneiro/ 2013

    O problema de Galicia e España non é que apoie ou non ou a cultura, é que Administración perseguiuna ou intenta controlala. Ou intenta afogala. Dito doutra maneira, para botar foguetes nunha festa todo o diñeiro que queiras, para cultura que non sexa afín ao político de turno: O. É dicir concíbese a cultura non como un medio para enriquecer as sociedades senón como un elemento social a controlar, ou a ignorar. Iso non é un discurso liberal, é unha concepción franquista no ano 2013. Para subvencionar libros non hai diñeiro, para subvencionar a cría de peixes si, que diferenza produtiva hai? que os libros duran , os peixes, asi como defecas asi se van

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *