Nun artigo moi duro (que raro) de Pérez Reverte (vía), o escritor di unhas cantas verdades sobre o turismo lixo no Levante mediterráneo, pero quero destacar unha cita máis extrapolable a Galicia.
Tomemos por ejemplo La Manga, que algunos conocimos de niños cuando era una bellísima lengua de arena desierta entre dos mares. ¿Imaginan lo que sería hoy ese lugar, de haber caído en manos de promotores inteligentes y con una visión de futuro digna, en vez de acabar convertido en un disparate de especulación y una pesadilla urbanística? ¿Calculan la riqueza que estaría generando para toda la región, orientada a un turismo de calidad con servicios impecables?
Nos últimos anos, estamos vendo como unha das máis fermosas e sen dúbida mellor preservadas rías galegas, a de Muros e Noia, está sendo obxecto dun acoso absoluto, promovido polos poderes públicos, que está destrozando de xeito irreversible unha importante fonte de recursos económicos que son os esteiros de desembocadura dos ríos que levan a ela. Xa se fixo coa construción da Ponte do Engano e as obras de desmantelamento desa fermosa franxa de litoral, e agora quérese facer co vial de ampliación de Noia; e cando volva haber orzamentos públicos retomarase a autovía a Muros.
Estou convencido de que os obxectivos da Administración galega son bastante escuros e inconfesables: por diante sinálase o beneficio para a poboación local (que aforrará, dependendo de onde, algúns minutos que non compensan, nin de lonxe, o investimento económico público, como argumentaría calquera xestor minimamente serio dun país civilizado), pero calquera persoa con perspectiva, intelixencia e algo de coñecemento local sabe o que hai detrás: os proxectos de urbanización turística en Portosín, nas proximidades de Muros, en Tal, en Monte Louro, etc. Proxectos de construción incontrolada que destruirán fontes de riqueza e emprego cualificado a medio prazo, economía rapaz e imbécil, mesmo se a miraramos desde unha perspectiva netamente liberal. O futuro da ría de Muros e Noia podería ser magnífico, pero políticos e, por desgraza, numerosos veciños, queren estragar e despilfarrar esta custosa infraestrutura natural nunha xeración.

Por unha vez teño que darlle a razón ao “cojonazos” de Reverte. É algo común a toda a costa, por desgraza. Xa dixen por aí que a persistencia na ignorancia é indistinguible da maldade. O resultado é a descomposición deste país en todos os seus aspectos, dende a paisaxe ata as superestruturas que nos dan sentido. É algo tan evidente que asusta: abonda con darse unha voltiña alén dos Pirineos, ou mesmo abonda con pararse a soñar outras maneiras de facer as cousas. É imposible non decatarse do proceso de destrución acelerado deste país. Por iso, pódese decir ben clariño que a insistencia neste “modelo” económico non é porque os nosos dirixentes sexan simplemente miopes, senón porque son malvados.
Hai que ter moi claro que tipo de turismo queremos promocionar. No seguinte enlace: http://www.marmenoronline.es/index.php?seccion=galeria&categoria=65&id=214, pódense ver imaxes incribles do que era a Manga do Mar Menor antes do seu destrozo. Tamén en Galicia fixemos desaparecer hai só cincuenta anos unha paisaxe natural que hoxe en día sería un reclamo moi poderoso para os amantes da ornitoloxía e da natureza en xeral. Esta claro que estou a falar da Lagoa de Antela, na comarca da Limia, que seguramente sería un Parque Nacional e un lugar de invernada para milleiros de aves e que logo da súa desecación produce cada vez patacas de menor calidade e a un prezo tan baixo que non resulta rendible para o labrego. Ademáis se as parcelas non teñen sebes arbóreas nos seus lindeiros terminan por ter problemas pola falta de humidade. Así que pensemos moi ben as cousas antes de que os feitos sexan irreversibles.
Supoño que está inventado, pero se non o estivera, habería que darlle voltas ao concepto de perda económica por urbanización. Calcular a medio prazo os beneficios e os custes dos procesos de urbanización en paraxes que en si mesmos poden ofrecer rendimento económico. Por exemplo, a miña vila natal, Palmeira, tivo nos últimos anos unha perda de potencialidade económica brutal, cando se destruiu boa parte da arquitectura mariñeira tradicional que tanto rendemento lle dá, por exemplo, a Combarro.
Olá. Parabéns pelo teu blogue. Sobre o Reverte, a quem detesto: bem poderia ter falado do assunto citando NOMES E APELIDOS desde há muito tempo, e não vir agora com uma condena geral cujo sentido se reduz a elevá-lo a ele próprio por cima dos mortais. Mas, se tem algo nobre o seu enojo, que escreva então SOBRE O QUE ESTÁ A PASSAR AGORA MESMO NA GALIZA e não poupe NOMES E QUALIFICATIVOS. Por exemplo, que se passa com o futuro “Parador” da Costa da Morte, esse que prometeram a raiz da catástrofe do Prestige e que parece que já tem orçamento e tudo? Realmente é tão necessário que se destrua um dos poucos tramos de costa virgem que ainda ficam? Isto parece um pesadelo.
Dacordo contigo Manolo. E também com os comentários. É algo muito grave por irracional e nomeadamente por irreversível. Estám a destroir o nosso Pais.
Os economistas chámanlle “custe de oportunidade”, cando por facer unha cousa perdes a oportunidade de desenvolver outra actividade rendible. Aquí non habería problema se houbera maneira de revertir certos procesos, e de feito tense feito, como a prohibición da acampada libre que, nos anos 70, convertía as Cíes e a Costa da Vela nun inmenso poboado chabolista de maio a setembro. Pero o grave é a irreversibilidade da destrucción á que sometemos paisaxe e territorio. Os exemplos non caben nun comentario.
Non sei que solucións pode haber a isto. Non se pode dar marcha atrás agás cun emprego masivo de dinamita e piqueta. Quizais habería que pensalo seriamente. Debería haber políticas profundamente transversais, e sobre todo dotar á paisaxe de protección xurídica, pero para iso fai falla educación, cartos, vontade, un modelo de país, consenso social, moitas renuncias individuais e colectivas, unha economía verdadeiramente productiva e que vencelle paisaxe con riqueza… Non temos nada diso. Pero temos que lograr criar a conciencia necesaria para telo, ou estamos perdidos.