Vendo o outro día a Xilberto Caamaño e a Mario Maceiras cun machete, abrindo camiño no monte do Pindo, lembreime aquí doutros amigos que, ao longo destes anos, nunca esquencen na casa o fouciño ou o machete para subir aos montes de Galicia. Mentres camiñan, van ronzando toxos, xestas, maleza que avanza devorando os antigos vieiros dos nosos devanceiros ata consumilos e desaparecer. Xente como Elixio Vieites ou Enrique de Reino, como Antón de Brais, Orlando Álvarez ou Pepe da Pena. Poderían facer o máis cómodo -esquivar co corpo o avance imparable da vexetación e avanzar máis rápido, pero non; moitos deles, fillos ou netos de labregos, aprenderon a manter esa auténtica -a única- arma realmente civilizadora que é o fouciño. O xeito de non perder o seu territorio é non esquencer o gume de metal que mantén a memoria humana nun monte cada vez máis abandonado; non terían por que facelo, pero aí están. É un traballo anónimo, un traballo sen fin, con rebaños de camiños en aumento, suxeito aos ciclos imparables do clima e o planeta; é o único traballo posible antes de que as árbores, os toxos e o resto do manto verde clausuren definitivamente os montes e nos digan que alí todo está xa rematado. No tempo no que o home escapa dos montes, estes homes -cada un na súa terra- pastorean e coidan os camiños que nos permiten, moitas veces, contemplar no seu alto, nos penedos, a evidencia dunha historia que nos é varias veces milenaria.
Vaia aquí a miña homenaxe e o meu agradecemento.

Pois grazas polo que nos toca. É un bo costume que non debera de perderse, e non só por “hixiene” do monte, que sobre todo é por iso, senón porque a veces avanzar demasiado rápido impídeche contemplar a fermosura do que che rodea, e falo por experiencia, dado que puiden percorrer sendo mozo unha, vinte ou mil veces ao Monte Pindo ou ca calquera outro espazo natural galego, que non tería visto nin a décima parte do que vexo agora cunha soa visita.
Esta fin de semana tamén vós, amigos Gago, Felloza e Salgado, nos demostrastes que para ver, hai que saber mirar. Parabéns a vós por traernos luz.
Moitas grazas Manuel.¡Hai que volver ás corredoiras!.Como decía o amigo Avilés de Taramancos: “fai falta luz nesta derrota” (como singladura, a outra nin de coña). Cando se perda o pouco que queda, falarán os camiños, e un camiño nececita o cariño de ser andado . Os nosos avós tamén levaban foiciño e decían: “se cada un lle da un pouco o camiño fica aberto para o que vén detrás, e non nos comeran as silvas”. Pois eso, que non nos coman as silvas nen os toxos,a “maleza”, e o que queren algúns para facer a parcelaria da memoria.
Por certo o teu tamén e un gran fouciño que roza na rede e abre o camiño aos demáis
Lembro ao meu pai toda a vida así: saíndo cun fouciño na man, e quedándose sempre de último do grupo, rematando de rozar algunhas silvas ou xestas que tapaban o camiño.