Meridiano de sangue: algo remotamente similar a un western


O escritor estadounidense Cormac McCarthy

“É Pedro Páramo“, pensei cando a penas levaba vinte ou vintecinco páxinas de Meridiano de Sangue, un insólito western (se é que se lle pode chamar así) dun dos autores senlleiros da literatura norteamericana actual. O que conectaba Pedro Páramo con Meridiano de Sangue e a Rulfo con McCarthy eran dúas cousas: un xeito de escribir e unha ollada prodixiosa sobre as cousas. Sen embargo, o Meridiano diverxía en que o fantástico como tal non existe, pero a historia é tan tremenda que si o parece. Trátase dun grupo de mercenarios norteamericanos financiados polo goberno mexicano para exterminar indios no territorio pouco determinado que de aquela, a mediados do XIX, facía fronteira entre os Estados Unidos e México, baseado en acontecementos históricos.

O libro é unha espiral cruenta de violencia, unha historia terrible nun mundo practicamente carente de moral; e a ollada dun rapaz que se introduce e co que non nos congraciamos exactamente. A narrativa, alucinóxena, detalla de xeito exhaustivo o percorrido do grupo mercenario polos desertos e montañas, e é nesa exactitude do tránsito onde se produce o escenario do horror. A clave da novela, que transforma o que entendemos como un western, é a ruptura cos puntos de vista próximos do autor. Transitamos canda un grupo que non fai distinción entre as bestas e os humanos, deixámonos levar pola enigmática figura do xuiz Clapton, que documenta exhaustivamente todo o que vai matar, como un psicópata sistemático que fose á vez naturalista, etnógrafo e asasino. Meridiano de sangue é terrible, pero é imposible deixala. Novelón. Para min, Cormac McCarthy é todo un descubrimento. Un Juan Rulfo anglosaxón.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *