
Casa Anido. Fotos: Sole
Moitas veces, non hai nada máis satisfactorio nas viaxes, pequenas ou grandes, que o inesperado, o que non agardas á volta dunha estrada. Despois de volver dunha viaxe por fóra de Galicia, sempre sinto a necesidade vital de achegarme ao mar con todos os sentidos. Con calma, fumos camiñando pola beira norte da ría de Muros, unha das máis fermosas paisaxes de costa de Galicia ata que rematemos por destrozala de todo. A nosa idea era chegarmos mesmo a Caldebarcos, para reconciliarnos cun peixe e marisco da terra, pero á entrada de Muros, un pequeno indicador xunto ao muíño de maré chamounos a atención. Virada, serpeando por unha estreita estrada litoral, entre as casas, ata que fumos parar a un antigo porto.


Estabamos nunha ribeira fermosa, un tesouro etnográfico e paisaxístico moi pouco coñecido. Antigas fábricas de salgazón, pantaláns e portos asomábanse ao mar, coa marea chea. O esteiro de dous regatos facía que a area, limpa e branca, dera unha cor esmeralda ao mar, e numerosos peixes convertían ese litoral nun acuario xigante. Alí está Casa Anido [981826176 / localización], nunha antiga fábrica de salgazón. Esa terraza, silenciosa, apartada do rebumbio de Muros, vale ouro.



En Casa Anido cómese produto. Unhas navallas e uns berberechos excelentes, probamos nós, seguidos duns fideos con ameixas cun prebe denso, estilo ‘avoa’, e rematados cunha selva negra e, atención a este dato, unha tortilla romana. En Casa Anido explicáronnos que a tortilla romana é un postre típico de Muros, unha sorte de flan entre unha base de galleta e un peche de azucre queimado, moi rica. As orixes deste postre eu non as sei, pero polo estilo tenme moita pinta de pertencer á cociña burguesa do XIX ou de principios do XX. Repasei por riba o Picadillo pero non aparece entre as tortillas doces que recomenda Puga y Parga.
Seica tamén a pescada á romana, á que lle dan un toque secreto, ten sona na comarca: outro día probarémoslla. Cunha cervexa e auga, pagamos 25 euros por cabeza. Pero a dozura do lugar, especialmente agora que a temperatura está deliciosa para sentar a xantar a rentes do mar, paga a pena.
Postdata: Non deixedes de ir ao WC e ides ver que sorpresa arquitectónica hai no camiño. :-)

Grazas Manuel, hai dez días que fun a Caldebarcos e agora terei que ir por Muros. Moitas grazas.