
Graffiti sobre estarcido en Split (Croacia). Foto: Sole
Desde hai uns cantos anos, o proceso vén sendo máis ou menos similar. A mediados de xullo lembramos, nun momento de pausa, que as vacacións están ao chegar e que non temos nin idea de onde iremos. Pero tamén dámos continuidade a un proxecto de viaxe que ata agora nos saiu estupendamente. Collemos tenda de campaña -cun bo colchón inflable, por suposto, a ver que nos pensamos-, equipo portátil de cociña, cargamos o coche e á estrada. O camping permítenos disfrutar de ubicacións privilexiadas gastando vinte euros diarios en aloxamento, e nada hai mellor no verán que erguerse pola mañá -vestido ou en cirolas- e botarse directamente a un mar azul, solitario e recollido entre praíñas e cantís.
Ao irmos en camping, disfrutamos plenamente da gastronomía local: mercamos nos mercados locais, exploro as adegas da zona, ceamos sana e tranquilamente con produtos da zona e sen machacar o estómago. Aforrar nisto, ademáis, permítenos poder seleccionar as mellores propostas da restauración de cada lugar -e deste xeito aprender a outra banda da gastronomía, a elaboración- e outra cousa importante: carrexar. Cando volvemos para acó, o coche parece un camión da sección gourmet do Corte Inglés. Varias ducias de viños, queixos, salgazóns, conservas, especias, todo o que poida superar unha viaxe de volta de varios días. O día que nos pare a Garda Civil…
A maiores, conforme o noso radio de acción se vai ampliando, as nosas viaxes convírtense nun “arquipélago”. Chegamos a un destino pero as idas e os retornos, feitos de vagar, van completando o mapa do noso amado corazón europeo, compoñendo un mosaico que só se comprende nunha secuencia de catro ou cinco anos. O resultado son viaxes que tocan moitos puntos do corazón, abren moitos ollos, provocan a percepción que este proceso que é entregarse ao camiño pareza máis dilatado. “Parece que levamos tres meses de viaxe”.
Cos sentidos cheos de lembranzas, retornamos a casa. Co céo gris, o orballo que avisa que o verán rematou. Fixemos 7000 kilómetros coa casa de campaña a costas.
Agora contarémovolo por se queredes coñecer algúns destes sitios. :-)

góstame todo da proposta…menos a tenda de campaña, non tiven boas experiencias con ese habitáculo. Terei que volver a probar algún día!
Colchoon, a clave é o colchooon. :-)
Tamén outra clave é que o avance da tenda permita estar no interior. Cando chove estamos falando doutra dimensión. :-)