Se lembrades, en maio visitamos un curioso lugar do concello de Coirós chamado Pena Furada. Fixémolo co seu descubridor aló nos 80, o arqueólogo Antón Malde. O sitio chamounos moito a atención: un penedento outeiro co gravado dunha moura ensinando abertamente o seu sexo, aliñada perfectamente contra o solpor. E non era o único que había no outeiro: estrados polo resto das pedras, había numerosas pedras traballadas. O caso é que neste sitio arqueolóxico de Pena Furada hai un interesante enigma: que raios é isto? É algunha sorte de santuario castrexo ou galaicorromano? É unha fortaleza medieval? É un gravado medieval, ao estilo das Sheela-na-gig tan propias das Illas Británicas? Ou é todo a un tempo? É a moura un signo sagrado ou un bo traballo pornográfico dun vixía ou un pastor aburrido hai séculos?
Para tentar averiguar máis sobre este lugar, Antón Malde e máis eu promovemos unha iniciativa de voluntariado apoiada polo Concello de Coirós e autorizada, obviamente, pola Dirección Xeral de Patrimonio. Trátase de limpar o lugar, documentalo e analizalo ben, limpar os visgos das pedras e documentalo todo, confiando en que iso nos permita determinar mellor a funcionalidade deste misterioso lugar. O Concello de Coirós encargarase de todo o traballo duro (a roza, a tala, a limpeza arbustiva) e os voluntarios do traballo fino (visgos, carrizos, pedras, medicións, etc.). O traballo será nas dúas últimas semanas de setembro deste ano e se te queres apuntar ao traballo -sinxelo pero de gran importancia arqueolóxica- podes facelo en napenafurada@gmail.com. Consulta o web oficial do sitio arqueolóxico de Pena Furada para ter, en setembro, máis información do asunto. Agora tocan vacacións.
No vídeo, Antón Malde explícache as principais características do sitio arqueolóxico.

encantoume! un misterio máis, un petróglifo insólito e unha boa forma de ofertar a arqueoloxía! pero tamén lembremos que moit@s profesionais hoxe non teñen traballo…que o teñan en conta sobre todo nos concellos! a arqueoloxía pode xerar moita riqueza! e non só económica :)