Diego López: cociña contemporánea no corazón do Deza


Fotos: Sole

Como bo habitante do interior de Galicia, Diego López é un rapaz tranquilo e pousado. No Restaurante La Molinera [T: 986782055 ‎/ ubicación] fundado polos seus pais no centro de Lalín tralo seu regreso da emigración, Diego López prepara el só -ás veces coa axuda da súa nai- inmensos cocidos ao longo do inverno para locais e peregrinos da paparota, pero polo baixo, circulan menús degustación delicados e coidadosos que son coma o contrapunto posible do festival carnívoro que invade o Deza coa chegada das friaxes invernais.

No interior do post tes fotos e información.

Diego López traballou moito tempo (moito? Ten 23 anos!) con Pepe Solla, que complementou con stages en restaurantes de prestixio. Por cuestións familiares, a súa peregrinaxe fíxolle retornar ao fogón familiar de Lalín, onde se manexa el só con lacóns, costelas, xamóns e chourizos e, ás veces, compón coloristas pratos que son como un refacho de vento fresco nas sólidas gastronomías do Deza. A tutela de Solla é evidente nos pratos, aínda que Diego vai pouco a pouco facendo o seu propio camiño, explorando produtos de horta, como os de La Finca de los Cuervos, e granxa -a partir da excelente oferta en carnes do Deza, canda elaboracións que busquen o seu propio público.

Como podedes ver, un completo menú degustación, equilibrado, moi vinculado á tempada de verán na que estamos, pero sen renunciar aos produtos cabeceira da área, como esa espectacular carne servida ao final, coma un remate de fogos de artificio. A cociña de López, na que aínda está moi presente os seus periodos de aprendizaxe, vai por un bo camiño técnico.

Diego López é membro da nova xeira de cociñeiros de familia, unha xeración inmediata que repetirá o camiño das inmediatas xeracións anteriores, traendo unha visión contemporánea ás cociñas vilegas de Galicia. Por agora, esta carta, como moitas outras do país, é bipolar, -tradicional ou contemporánea-; seguro que chegará un momento no que Diego consiga conciliar con éxito de clientes o ancestral coa innovación e a imaxinación, como hai xa algúns anos conseguiron na Parada das Bestas, en Palas de Rei. A xente do Deza, como en case toda Galicia, é moi gourmet, e segue a asumir a visita ao restaurante como unha ocasión excepcional: esa condición é un inconvinte (non se arrisca porque ese día todo ten que saír ben) pero tamén unha avantaxe (imos comer algo que non podemos comer na casa).

Coas perspectivas do momento, o futuro da cociña galega pode estar nas vilas galegas, nos custes contidos, na horta local, familiar e quilómetro cero que se practicou aquí toda a vida, na que pode sobrancear unha cociña galega contemporánea moi apegada ao territorio e á cultura local máis alá do superficial e do tópico. O Deza ten moita sabiduría gastronómica mesmo alén do cocido. Diego López, na soedade da súa cociña familiar en Lalín, mantén esa cociña bipolar, tradicional ou contemporánea, que se repite nestes momentos en moitos restaurantes galegos con cambio xeneracional: atrapados entre as gañas de cambiar e o “non están os tempos como para cambiar”. Eles, os novos fillos destas casas de comidas, e máis os seus clientes irán avanzando uns e máis outros xuntos, medíndose e tanteándose. Diego aínda está cargando as baterías da vida e dos fogóns para este diálogo co comensal.

A xulgar por estes pratos servidos con cariño, a conversa vai, como todo no Deza e nas vellas comarcas do interior do país, con calma e paso seguro.

Fun convidado por un amigo, así que non vos sei o prezo do menú degustación, que é por encargo, ollo. Non creo que sexa demasiado caro.

7 Comentarios

  1. david
    3 / Agosto/ 2011

    Alégrame o que dis da Molinera.
    Se disimulas cóntoche algo “ancestral”.

    Como dezao de adopción e cociñeiro das festas familiares onde o cocido (e que cocido!) ocupa un lugar de paso, coma un porto de montaña, entre os callos (precedidos á súa vez polos entrantes que é unha cousa un tanto indefinida de fiames, ensaladllas, se cadra polbo con patacas, suficicente para ir rozar ao monte), e a carne de año e becerro preparada en tarteiras de barro venerables con patacas asadas, que dan paso aos postres e aos postres e á arterioesclesore e a gota,… non me podo resistir a copiarche algo aquí do que se cadra oíches falar.

    (Isto agora, o outro día despois de sobrevivir malamente á mañá de cociña, ao xantar, á sobremesa, á fregada, pregunteille a unha señora moi vella e moi simpática: e cando ostede era nena que comían na festa? e ela, que é moi aguda e ridora, dixo: arrós con leite! e un polo arreglado se había!).

    Comemos porque non comemos antes supoño; igual que partimos as leiras porque nunca as tivemos nin en cachos nin enteiras: eu que sei; ao noso.

    Grazas (desgrazas) a Chateaubriand e os Cen Mil Fillos de san Luis os absolutistas dezaos celebraron o triunfo sobre os liberais. Foi en Donsión, verán de 1823 ao remate do trienio liberal. Debeu ser o último gran banquete dos Señores da Terra. Aparece nun texto moi curioso que andaba por aí e que chamaban a libreta de Vilariño, editada despois por Armando Vázquez co título real que é “Reseña Histórica del Condado de Deza”

    Di da función relixiosa: “deslumbraba la riqueza de alhajas y ornamentos jamás vista; sólo oro y plata brillaba en sus altares… las cruces, banderas bordadas de oro… pendones y carrozas…” pero…

    “Todo cuanto queda dicho es pálida pintura si se tiene en cuenta el entusiasmo y la alegría que reinó en el grandioso banquete que al aire libre y en el sotal de Donsión tuvo lugar aquel mismo día, al que asistió lo más granado de la comarca en personas de ambos sexos.

    Hubo empeño en que cuanto allí se comiese fuese todo lo más selecto del país: perdices de Alperiz, truchas de Cadrón, anguilas de Alemparte, jabalíes de Doade, gamos de Zobra, conejos de Balouta, miel del Sisto, liebres de Camposancos y codornices de Catasós; en todo caso ejemplares los más selectos.

    La abundancia de los manjares fue tanta que a pesar de los doscientos comensales que asistieron a la fiesta, sobró para otros tantos.

    Al último, un coro de afinadas voces cantó un himno alusivo al acto….etc”

    Haberá que ir cantarlle aí á Molinera un himno un día destes, con esta afinada voz etc

  2. Raquel
    4 / Agosto/ 2011

    No conocía tu blog, y me ha parecido interesante. No soy gallega, y aunque el galego se entiende más o menos, ¿no contemplas la posibilidad de que el lector pueda elegir el idioma y poder leerlo también en castellano? Nos facilitarías el trabajo a los que no somos galego-parlantes… Creo que te limitas un poco al publicarlo sólo en tu lengua… Lo comprendo, y me parece bien que la emplees, pero creo que deberías tener en cuenta a los demás, y no sólo por los españoles, sino por la amplia comunidad hispanohablante que se mueve por la Red.
    Saludos.

  3. 4 / Agosto/ 2011

    Hola, Raquel, carezco de tiempo para hacer el blog en dos idiomas con un mínimo de calidad, pero puedes utilizar los traductores automáticos (Opentrad, Instituto Cervantes, Google) para traducir la página completa o palabras que no entiendas. No van mal.

  4. 4 / Agosto/ 2011

    David, xa me quedo con esa referencia. “Perdices de Alperiz, troitas do Cadrón, anguías de Alemparte?” Só cos nomes xa está o menú feito!!

  5. Oriol
    6 / Agosto/ 2011

    Raquel, yo tampoco soy galegofalante pero se entiende todo muy bien, y si no, como bien dice Manuel, puedes usar un traductor.
    Por cierto, dónde esta el limite que tu dices, si tu misma no eres gallega y lo estás leyendo?

    Muy guapo el blog y que pedazo cociñero !

  6. Chis
    7 / Agosto/ 2011

    E agora que se nos quede e non marche, que é de agradecer a seu bo facer nos fogóns….Noraboa Moli.

    Chis

  7. 28 / Novembro/ 2011

    Bó sitio Alperiz!! ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *