O gravado dun guerreiro sorprende na escavación do castro de Armeá (Augas Santas)


Escavacións actuais na cidade de Armea. Fotos: Sole

Noticia publicada orixinalmente en culturagalega.org o 22 de xullo de 2011

A finais dos 40, un intelectual ourensano chamado Francisco Conde-Valvís interesouse no denso conxunto arqueolóxico vinculado ao culto de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz (Ourense). Tanto no interesante forno castrexo reconvertido en basílica medieval inacabada coma no castro de Armeá, coma no castro, Conde-Valvís localizou numerosos achados arqueolóxicos que amosaron a relevancia deste lugar. Agora, co financiamento do Concello de Allariz, os arqueólogos David Pérez e Celso Barba están a redescubrir o traballo de Conde-Valvís e a abrir novas áreas para comprender o sitio arqueolóxico de cara a elaboración dun Plan Director de Santa Mariña de Augas Santas. E xa hai achados ben curiosos. Entre eles, o gravado dun guerreiro castrexo.

Para Francisco García, alcalde de Allariz, a elaboración dun Plan Director de Santa Mariña de Augas Santas é unha peza clave para o desenvolvemento desta parroquia rural e cunha poboación moi envellecida, e ese Plan Director basearase na posta en valor do inxente patrimonio cultural da parroquia, tanto material como inmaterial. Xa que logo, as intervencións no castro de Armeá, un dos escenarios da tradición de Santa Mariña e lugar de localización de importantes achados arqueolóxicos no tempo de Conde-Valvís, é básico na redacción do plan.

David Pérez e Celso Barba están a traballar en Armeá para determinar a estensión do sitio arqueolóxico, cuberto por unha densa vexetación autóctona. Para os arqueólogos, a cidade de Armeá ocupa unhas 4’8 hectáreas e tivo unha secuencia de ocupación dilatada no tempo. Os técnicos están a traballar en dúas áreas diferentes do castro: na croa, na zona superior, localizaron materiais de época claramente castrexa, adscribibles ao século II a.C. Pero nunha terraza inferior, na que traballou a finais dos 40 Conde-Valvís e coñecida como a Atalaia, os arqueólogos localizaron toda unha área aínda sen explorar e nun bo estado de conservación, con muros que acadan aínda o metro de altura e derrubes que preservan o solo orixinal do xacemento.

Polos materiais atopados alí, a cronoloxía é xa de época romana, entre o século I e II d.C., e parece coincidir, a grandes trazos, coa época de abandono do gran conxunto rupestre, con posibles usos como santuario ou espazo cultual, que está ubicado nas proximidades do castro e que está a escavar tamén nestes momentos o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo baixo a dirección de Adolfo Fernández.

O guerreiro da raedeira

Entre os materiais localizados por Pérez e Barba nesta área inédita da terraza da Atalaia, están dous obxectos moi curiosos: un fragmento dunha punta de lanza de seixo e algo máis intrigante: ao carón dunha calzada, aparece un anaco de cuarcita empregado como raedeira, é dicir, para esfolar animais. O estraño é que nesta raedeira está petrografado, cun buril moi fino, algo fascinante: un guerreiro. “Trátase dunha figura antropomorfa”, sinala David Pérez, “co pelo peinado a xeito de cresta e cunha espada nunha man. Na outra hai un obxecto non identificable por agora e ao carón hai un estandarte, que pode ser unha ponla dunha árbore ou outra cousa”. Para Pérez, trátase dunha figura parecida ás figuras que aparecen na diadema de Ribadeo, especialmente por ese pelo en cresta tan característico. Aínda que a valiosa peza está en fase de investigación, para o arqueólogo “cando menos é castrexa ou castrexa romanizada”. A peza aínda está en fase de estudo e non dispoñemos imaxe dela.

No castro de Armeá xa apareceron dúas estatuas de guerreiros castrexos.

O equipo arqueolóxico traballará en Armeá ata o vindeiro venres e logo consolidarán as áreas atopadas entre finais de agosto e setembro.

Postpost: Por suposto todos temos gañas de ver unha foto do guerreiriño da raedeira. David Pérez comentoume que a farán pública despois da entrega do informe de escavación, se non me trabuco. A ver se a conseguimos entón e a amosamos en Capítulo Cero.

9 Comentarios

  1. Luis
    23 / Xullo/ 2011

    Vaia verán máis bó que nos está a dar a Arqueoloxía do/no país.

  2. Xosé
    25 / Xullo/ 2011

    “Postpost: Por suposto todos temos gañas de ver unha foto do guerreiriño da raedeira. David Pérez comentoume que a farán pública despois da entrega do informe de escavación, se non me trabuco. A ver se a conseguimos entón e a amosamos en Capítulo Cero.”

    Amigo Manuel, como tarden tanto en ensinalo coma o ¿arqueólogo? Juan Cano Pan (o do holocastricidio da Punta Langosteira) en ensinar a memoria da SÚA ¿escavación?-demolición…
    Anímate e move algún fío a ver se hai sorte e podemos coñecer ó noso novo curmán granítico!

  3. 26 / Xullo/ 2011

    Xosé, polo que me comentou David, é o informe técnico da escavación, que non poden tardar moito en entregalo. A ver se damos conseguido a foto en canto sexa posible. :-)

  4. balbino
    26 / Xullo/ 2011

    E do tema do hipermegacastro que arrasaron pra facer un porto novo ¿sábese algo? ¿en qué quedou a “cousa”? Houbera moito movemento e indignación pero non se ven resultados, nen datos, nen denuncias, nen… nadiña!?
    Parabéns pola web!

  5. 28 / Xullo/ 2011

    Ummm, com cresta ou pelo-pincho? como os de Foz Coa

  6. 29 / Xullo/ 2011

    Moitas grazas, Martín!

    Vese que, efectivamente, os informes de escavación entréganse antes a La Voz de Galicia que ao concello ou ao xornalista que se preocupou primeiro en dar a información. :-) Ligo aquí a fotografía, que é moi pequena. A ver se podemos conseguir algo mellor, con macro, porque aquí podemos deixarnos os ollos.

  7. Mónica
    19 / Agosto/ 2016

    Remato de ler todos os posts sobre a fascinante historia do Castro de Armea e non deixo de abraiarme con toda esta marabillosa información, moitas grazas por comparti-la no seu blog e noraboa!
    De tódolos xeitos hai xa 5 anos dende o último post, nada salientable que comentar en todo este tempo? teño constancia de que as excavacións continúan…sería fantástico poder saber algo máis sobre o que se vai atopando e as derradeiras novidades…
    Grazas!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *