
Escrita cristalina. Directa. Pulida. Porcelana. Demasiado perfecta? Un barroquismo agachado baixo unha aparente simpleza que soa a profundidade sentimental? Demasiado complicado. Alessandro Baricco é Alessandro Baricco. Unha escrita cincelada para introducir ao lector en pequenos universos sentimentais, protagonizados por heroes e antiheroes. Emaús, a súa última novela, é unha viratorna sobre a súa liña. Se cadra sexa un texto que esixe repensar a nosa imaxe do escritor. Algún crítico ten enfatizado que é o mesmo Baricco das súas outras novelas. É certo, pero se cadra nós tamén cambiamos, e non podemos ler a Baricco con 35 anos igual que con 25: o resultado é distinto para todos. Este Emaús de Baricco gústame por un motivo esencial: introdúcese no universo duns adolescentes católicos, de clase media, nunha cidade calquera. Non é un libro doado. A posición do escritor, como voz de adolescente, tampouco resulta moi real: sempre dubidei destas personaxes que falan como Deus, sendo conscientes dos seus actos e das súas consecuencias: mellor adoptar unha honesta terceira persoa. Pero claro, a sensación é rara. A gravidade coa que os protagonistas asumen os feitos e as súas decisións é a deles, a dos adolescentes, non a dos adultos que escriben e len.
Si, pola contra, o universo de dúbidas e pensamentos confusos que anda por debaixo das pedras de Emaús son tremendamente potentes; como parte deses ritos de paso en que consiste cada mes, cada ano da adolescencia. Días nos que de súpeto xa nada é igual que antes. A turbulencia da adolescencia, da conformación da personalidade, dos ritos de paso, das desgrazas. Aos protagonistas de Emaus pásalles como na historia do Evanxeo. Só recoñeceron a Cristo cando marchou. A estes rapaces a adolescencia failles a mesma xogada: destrúeos no momento do transo entre idades e alí é cando recoñecen a madurez. A estrutura escura deste libro é onírica, sen concesións: dramática, finalista e pesimista.
É un libro estraño. É un libro fascinante. Cando o rematas, ergues a cabeza e preguntas: “Que raio pasou?”. E ti mesmo te enganas coa pregunta. O que pasou no argumento está claro de vez, pensas, mais o realmente avolto é como se chegou a el, como se chegou á consecuencia da historia de Emaús. O que non sabes é que te pasou a ti.

eu lim-no há umhas semanas e também gostei imenso.