O Fórum, un evento que non podemos perder

Paseando a semana pasada por Barcelona, falando con gourmets e gastronómos, observando a publicidade nas rúas, ata dos bancos, mirando os locais que se van inaugurando no Raval e moitos noutros sitios, un decátase do enorme potencial económico da gastronomía, e non só na dirección de facturar comidas, senón sobre todo pola capacidade de diversificación do propio turismo. Barcelona gañou moitísimos puntos desde o momento que foi quen de construírse unha marca gastronómica.

Por iso, cando se celebrou o Fórum Gastronómico 2008 en Compostela soubemos, cun arrinque de optimismo, que Galicia podía ser capaz tamén de tirar o seu potencial gastronómico. Estas dúas edicións do Fórum foron determinantes para o inicio dun cambio nos profesionais e nos turistas ao redor da gastronomía galega: un evento conectado coa tradición, con fórmulas de avangarda, co máis local e o máis internacional. O inicio da construción desa marca e desa identidade para Santiago de Compostela foi algo moi custoso, e non só economicamente falando: foi un traballo colectivo para convencer, unir, animar e entusiasmar. O Fórum 2010 mellorou cifras de asistentes e xa cambiara a cultura gastronómica deste país de xeito radical. As reticencias anteriores eran agora gañas de colaborar. Cambiara o packaging, as actitudes, a noción de que o un restaurante é algo máis que estender facturas, a relación cos medios de comunicación, os proxectos…

Ese custosísimo investimento humano, por parte de grupos, empresas e individuos que colaboraron canda empresas privadas en cambiar a imaxe gastronómica deste país tivo éxitos constatables a un prezo económico baixo para o que son este tipo de eventos: a vontade e o querer cambiar as cousas, mellorar, crear novas oportunidades económicas, e unha cultura gastronómica chea de valores sobreponse aos importes económicos.

Por iso, non podemos permitir que agora se despilfarre este capital investido. Gustaríame ter escoitado do alcalde de Santiago outras palabras. E agardo escoitarllas finalmente. Porque non están os tempos para despilfarrar investimento e, sobre todo, sementar desánimo.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *