
Co gallo dos seus vinte anos de escrita pública, o vigués Fran Alonso vén de autoeditar en formato electrónico o primeiro dunha serie de libros electrónicos nos que reaproveita textos ciscados por xornais e publicados ao longo destes anos.
O primeiro deles, Contesta ou Disparo, é unha serie de entrevistas rápidas, celéricas, a persoeiros da vida pública que Alonso escribiu para o extinto xornal Diario 16 de Galicia en 1991. Figuras como Isaac Díaz Pardo, Chano Piñeiro, Carlos Mella, o Mago Antón, Manuel Guede ou Miguel Cancio responden a estes cuestionarios case inmediatos. Baixeimo ao teléfono e dinme conta dun novo e cómodo hábito de lectura relacionado con estes libros electrónicos: o dos minúsculos tempos mortos: na cola do súper, na do avión ou dunha administración. Mentres agardas por un amigo nunha praza.
Así, onde se podía, e sempre de pé, fun lendo eu comodamente estas entrevistas da Galicia de 1991, abraiado -non sei se vos pasou o mesmo cando as lestes- porque en boa parte dos casos, todo parecía máis ou menos igual a hoxe. Ata o discurso de moitos dos entrevistados. E non sei se é bo ou malo, a verdade. Tamén notas curiosas que espertan un sorriso discreto. Por exemplo, Díaz Pardo nese 1991. Pregúntalle Alonso: “Quédalle moito por facer?”, “quédame moito pero xa non teño tempo (…) Teño xa 71 anos e estou na antecámara de desaparecer”.
Contesta ou Disparo, coa súa presenza no teléfono móbil, introdúcenos nunha literatura casual, nunha lectura que exercitamos discretamente en todo momento, unha lectura de relampo, de narrativa ou non ficción breve, directa, de fragmentos de cinco minutos, lectura para ser consumida en espazos estéreo, totalmente alleos á idea de concentración. Obviamente, non debe ser o único modo de lectura. Pero o xeito novo en que entra, ou reentra, a lectura nos momentos ocos da nosa vida resúltame fascinante. Aquí te podes baixar o libro de balde.

Sé o primeiro en comentar