Cruzar a Península Ibérica facendo escalas de avión ten as súas particularidades sociolóxicas. Toda a economía do Estado español está aí, na composición social destes vóos. Na ponte aérea Barcelona-Madrid, os executivos, cortados polo mesmo patrón, preponderancia masculina pero crecente presenza de mulleres retornan dunha cidade á outra. Pasta. O propio aeroporto déixalles un espazo reservado -case un club social- nunha esquina, cun control de acceso específico. Á tardiña, os executivos voan dunha punta a outra da península, especialmente nos vóos que comunican a península con Madrid, Barcelona ou Bilbao. Estes mesmos voos de última hora, os que eu chamo os voos dos rebentados, porque alí imos os que xa imos fartos dunha intensa xornada, tamén veñen a Galicia, claro.
A probabilidade de retraso, de que nos saltemos facilmente unha hora ou hora e media o horario previsto é altísima. Unha mostra, no fondo, do desprezo de Iberia polos habitantes de Galicia, sempre últimos pringados na ala da T4 na que nos toca aboiar ata que alguén se digna facernos caso.
Nos vóos a Galicia a penas ves dous ou tres executivos vestidos como tales. Despois sempre hai un par ou tres cargos públicos que veñen de algo en Madrid, profesores de universidade -importante sempre a presenza de profesores axudantes ou aínda non titulares, que saen por aí a presentar relatorios para merecer– e despois unha gran masa de emigrantes das vellas xeracións e tamén das novas, pescadores de Namibia, habitantes das plataformas petrolíferas, algún Erasmus. Non cambiou moito a composición destes voos desde cando eu recordo ir agardalos nos anos 80, cando meu pai andaba nos petroleiros. Nesta composición de vóos vemos a tremenda febleza, a escasa internacionalización da nosa economía, o pequeno do seu ámbito privado. Se ves de Madrid no voo das 8 e pouco da mañá, por exemplo, si que veñen a Galicia uns cantos executivos: xente de consultoras madrileñas que veñen aquí vender algo. Marchan de volta antes do habitual noutras latitudes, a media tarde, sobre as seis, despois de xantar. As súas reunións son pola mañá.
Son en institucións públicas, claro.

Bueno, tampouco estaría de máis falar dos “Coches de liña dos rebentados”…
Porque os autobuses que fan a liña desde Alxeciras ou Madrid, tamén darían bastante “chicha”.
(Remitíndome a un post que colgaches hai unhas poucas semanas, poderíamos falar de “Outro xeito de coñecer Puebla de Sanabria”)
-Mociñ@s que están estudando a carreira en Salamanca.
-Turistas humildes. Normalmente xente moi nova ou moi vella, que van ao outro extremo da Península (galegos a Andalucía, andaluces a Galicia…). Xeralmente “apalancados” en casa dalgún parente ou amigo.
-Inmigrantes magrebíes.
-Guiris de pelo loiro e pinta de despistados.
-Galegos: normalmente obreiros (de máis de corenta anos) e funcionarios (menores de corenta anos) que traballan espallados ao longo da vella Vía da Prata.
Profesores universitarios e executivos, máis ben non.
O que buscaba era enfatizar como se pode ter unha certa visión da economía dos territorios a partir do tipo de xente que ves nos voos de avión.
Que dicir entón do Shangai! Aquel tren demoníaco e interminable Galicia -Barcelona! Todo un documento sociolóxico de época!
Desde logo. Aínda que o coche Coruña-Alxeciras-Coruña ten o seu punto: ningún dos territorios polos que pasa é adscribible ao que poderiamos chamar “España rica”. E se nota…
Dos trens daqueles tempos, lembro os vellos compartimentos (tiñan o seu punto, eh?) nos que, enriba da cabeza do pasaxeiro sentado fronte a ti, había vellas fotos enmarcadas en branco en negro da estación de Medina de Ríoseco, a praza maior de Trujillo e cousas así.
Brillante análise sociolóxica da fauna da ponte aérea. Aínda que imaxino que mudará un chisco agora polo verán, se engadimos os turistas galegos que fan escala obrigada en Madrid.
En canto ao tren, nunca esquecerei a parada que unha vez, volvendo de Narbona, fixen en Burgos ás dúas da mañá para coller o Estrella de Galicia ate Ourense nun deprimente compartimento coma os que comentades. Fascinante, por canto tiña de sórdido, logo de viaxar en luminosos trens europeos. Era outro (sub)mundo, tanto o tren coma a estación burgalesa.
É duro parar-se a pensar na estampa, caro Manuel. Certamente meu pai passou a
mediavida viajando de Galiza a Alemanha, e sempre aguardando estar a pagar com o seu sofrimento o meu futuro, para não ter eu de chegar à terra no voo dos borrachos (ele sempre lhe chamava assim ao que você chama dos rebentados, suponho que seria uma brincadeira, sendo o voo que sempre acumula mais retrassos, polo que sempre acabava várias horas “tirado” em Barajas, suponho que “tomando-lhe outra” nesse impass).Tristemente hoje os voos seguem igual. Pouco mudou, salvo que agora há mais emigrados “com papeles”, com papeis universitários, quer dizer.
Saúdos.