
Detalle do petroglifo de As pisadas do Encanto. Foto: Mariña Patrimonio
Un dos tipos de petróglifos máis intrigantes e menos estudados de Galicia son os plantae pedum, os podomorfos. De diferentes formas, estilos e amplísimas cronoloxías que van desde a Idade do Bronce ata o mundo medieval, os podomorfos son as manifestacións dos deuses na terra, a manifestación da divinidade, como se facía no Mediterráneo; os pés tamén son o símbolo da ofrenda e da devoción do oferente, como acontece en varias lousas romanas con podomorfos en Itálica. Unha das funcións máis intrigantes é a toma de soberanía da terra por parte dos homes a través desta interfaz máxica que son as pegadas nas pedras. Así eran investidos os reis Dalriadas en Escocia, e así foron interpretados, como espazos de soberanía, por Manuel Santos e Marco García Quintela algúns conxuntos espectaculares de podomorfos, como os da Laxe das Ferraduras de Amoeiro. Pero eu penso que hai máis tipoloxías e aplicacións destes podomorfos, ao longo dunha secuencia moi dilatada de tempo.
Onte, Mariña Patrimonio deu a noticia de que se localizaran un conxunto de pegadas -a verba tradicional que teño escoitado para definir este tipo de petróglifo é, moi fermosa, son ‘pasadas’- ao carón do río Grande ou Alesancia en Ribadeo, moi próximas a unha explotación ecolóxica da zona que foi quen avisou a Manuel Miranda. Son ‘As fádegas- As pisadas do Encanto’, e representan once pasos dunha moura sobre a pedra, finalizadas por dúas intrigantes coviñas. O espazo está cheo do folclore da moura loira e da galiña con pitos, e xusto enfrente, da outra banda do río, hai unha fermosa pedra de seixo á que os nenos da zona, por prohibición expresa dos maiores, non podían subir, porque había algo perigoso nela.
O que me fascinan destes petróglifos é a proximidade ao relato que teñen. Un sabe que aí, xusto á volta dese recanto do tempo, hai un relato representado nestas pasadas sobre a pedra.

Sé o primeiro en comentar