
José Luis Mateo. Foto tomada do blog de Paco Berciano.
Hoxe, Eva Pizarro, a sumiller do restaurante Acio, en Compostela, deunos a probar o novo Mistal 2009, o rosado de mencía que está a facer un dos grandes viticultores galegos, José Luis Mateo, en Monterrei. Peazo viño, xa anticipo. Trátase, efectivamente, dun rosado, algo absolutamente inusual de facer en Galicia, onde somos de brancos ou de tintos fortes coma o sangue, como explicou ben o profesor Xavier Castro.
Realmente, nin sequera o tinto tinto ten unha gran coloración: hai que deixar o mosto en contacto coa pel do bago tempo para que os tanitos que ten a pel se incorporen ao mosto e lle dean coloración. Así que os viños rosados, habitualmente, fanse a partir de que a pel fica en contacto co mosto bastante menos tempo do que sería preciso para un tinto.
Este Mistal 2009 é unha rareza: unha mencía de Monterrei, da que hai moi pouca produción, que dá lugar a un fermoso rosado pero que bascula máis da banda do tinto que do branco, máis do viño algo encorpado que do refresco que se lle supón aos (malos) rosados. Ten ese toque algo dozón e fino dos rosados, pero aplicado á uva mencía, o cal significa combinalo cunha acidez xeitosa que fica camuflada na envoltura dester caldo. Así que é delicioso, larpeiro e incita a beber a botella enteira. Unha xoia na que volvemos a pensar nas potencialidades aínda non exploradas dos nosos viñedos.

Acabo de probar o viño de José Luis, podo decir que é ESPECTACULAR como todos los viños que fai.
Moi recomendable.