
Mirabeis do Rosal. Foto: Sole
A xente de Froitas do Rosal está a comercializar, só en Galicia, a brevísima tempada do mirabel, esta froitiña inmigrante que xa é parte da identidade desta fértil comarca á beira do Miño. Os mirabeis chegaron da Selva Negra nos anos trinta da man dun mestre e desde entón son ese produto que se consume con orgullo nesta área, e desde hai poucos anos, en toda Galicia. Para min o mirabel é unha froita alegre, porque a comemos cando os días son longos e calorosos. Envasada tamén me gusta moito, servida en postres creativos, pero fresca ten a virtude de ser coma os pistachos. Na bandexa que temos na sala, e que nos enviou Froitas do Rosal, cada vez que paso por aí métolle unha viaxe a esta froitiña saborosa.
A breve tempada do mirabel fai desta frutiña un asunto case máxico. Gústanme moito as tempadas, tanto dos froitos do campo como dos pratos. A vida márcase a golpe de sabores, que é ben máis emocionante e pracenteiro que a golpe de calendarios administrativos. Parabéns e moita sorte coa aventura á xente de Froitas do Rosal. Se vedes mirabeis na froitería, dádevos un capricho. Cómese un anaquiño de verán.
Postpost: Minipunto para quen consiga adivinar que tipo de xerra é a que empregou Sole no bodegón dos mirabeis do Rosal. ;-)

De barro….;-)
A ver se imos un pouco máis alá. :-)
E será umha xerra para auga…?
As filigranas que se vém, semelhan parrulos sobre ondas. A xerra nom tem picho, e dado que cabem dentro bém de fotons (así chamamos na minha aldea a esa froitiña), debe ser grande dabondo. Eu voto que para auga.
Saúde.
D.Manuel entón teriamos que achejarnos mais aco!
Creo que é unha reprodución dunha xerra “tipo Toralla” pode que atopada en Neixón.
Aí estamos, Blanco!
Efectivamente, é unha reprodución dunha xerra “tipo Toralla”, de época castrexa, empregada posiblemente para beber e para ritos de comensalidade. A reprodución é dos artesáns que reproducen as pezas de Castrolandín.
E como non podía ser menos, coa presencia dos parruliños…
Certo, os parrulos! :-) Moita cervexa e viño se debeu beber nestas xerras…
Marchando unha de “parruliños ó celta”…
http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=633437