“Tense que notar”

Última actualización o 4 / Xullo/ 2011


A Pedra da Moura e, á esquerda, a rotonda “explicativa”. Fotos: Sole

Había tempo que non ía pola Pedra da Moura, unha curiosa formación xeolóxica que exerceu de marca para os pescadores durante séculos. Está entre a praia de Cabío e as fermosas caliñas pechadas polo bosque atlántico que van entre aquela praia e a Pobra do Caramiñal. Aínda que na foto non se ve moi ben polos toxos, distínguese á esquerda da Pedra da Moura un enorme descampado circular sobre o mar, unha rotonda temática no medio dun paseo marítimo moi pequeno sobre ese fragmento de costa. Ese descampado é parte dunha intervención de paseo marítimo-natural por esa parte da costa pobrense. Foi promovido polo Ministerio de Medio Ambiente, cando o ministro era un tal Jaume Matas -non sei se o coñecen-, que se destacaba por unha filosofía moi concreta á hora de coidar o medio ambiente: o concepto “tense que notar” que metemos pasta en preservar o medio natural. Alí, nesa rotonda, os carteis que xustifican a súa existencia explícanche que en Galicia hai piñeiros, que o mar é importante, que hai que coidar o medio natural…parvadas para xustificar ubicar logos por todas partes.

Un mal frecuente das Administracións na súa relación co medio natural é a confrontación entre a necesidade de propaganda que precisa un político para xustificarse e o propio medio natural. Neste paseo pola natureza, os arquitectos do Ministerio, tiñan claro de que se tiña que percibir claramente a pegada do axente investidor. Non se trata de preservar o medio ambiente, senón de ‘construílo’. Así que nun fermoso escenario de granito, piñeiros e toxo que cae ao mar, chantaron unha sorte de praza circular que o tempo -falaremos nuns anos- acabará por devorar entre toxos. A natureza, por si soa, non vale: hai que construíla para que se advirta a intervención da Administración. O mesmo Ministerio e ministro fixo o mesmo na Praia das Catedrais, en Ribadeo, urbanizando dramaticamente os accesos e permitindo unha cafetería para que se notase máis o investimento. E, cando chegas ao alto do Monte Branco, en Ponteceso, invádeche tamén o mosqueo. Alguén non podía comprender que a intervención humana sobre o espazo tiña que ter por sentido a rexeneración, non percibir a obra pública. Así que entre os seixos do Monte Branco chantaron uns infames bancos “para que se notara” que a administración estivera alí.

Unha mala cultura do medio ten esas consecuencias, e a responsable non é só a Administración, senón a propia cultura colectiva, que está encantada coa “urbanización” da natureza, para podermos chegar a todas partes en tacóns e sen esforzo. Para moitos galegos, a máxima expresión de amor á fermosura dun lugar natural é chantarlle unhas churrasqueiras e uns bancos para celebrar aló unha paparota. Ti estás vendo cun paisano un lugar bonito e axiña che din: “aquí para vir facer un churrasco, eh?”, diche con complicidade. Así pasou nas proximidades da Moa do Pindo. Con boa intención, a Comunidade de Montes “fíxose notar” cunhas grellas. A Xunta tamén fai das súas, como aqueles podios para ver o solpor en Fisterra.

Só hai un consolo: a penas coñezo lugares destes en Galicia que duren máis dunha lexislatura. En breve, a natureza devorará a rotonda temática e petulante feita por Jaume Matas, as churrasqueiras do Pindo, as madeiras da Praia das Catedrais ficarán abandonadas polo desleixo dunha administración asfixiada e a natureza volverá a facerse notar. Ela si ten dereito a iso.

7 Comentarios

  1. Luis
    3 / Xullo/ 2011

    Interesante e oportuna reflexión, Manuel.
    Permíteme engadir á lista boa parte de todo o feito na península da Torre de Hércules, na Coruña. Desde unha xigantesca caracola que permite oír o mar (chantada a poucos metros do mesmo, e dificultando o paso cara o mesmo) ata uns “miradores” na zona de Punta Herminia, cuxa existencia responde a unha lóxica que eu non acabo de ver (agás que o político de turno respondera aos intereses dun “lobby” de grafiteiros)

  2. candepalleiro
    3 / Xullo/ 2011

    Coñezo ben o sitio,e a pesares das desfeitas, aínda segue a ser precioso. Salvaría as pasarelas de madeira, pero o formigón pra eles!!. E non che conto os de Demarcación de Costas, estes son uns feras da pavimentación. Pero cando aprenderemos? Vistes como deixaron a Illa de Arousa? E o paseo da ribeira en Xubia-Neda?, e a Illa de Sálvora…pero qué coño teñen que pavimentar alí?. Os políticos e os cartos, meus amigos, os cartos…Hai que paralos.

  3. carlos
    4 / Xullo/ 2011

    menos opcións para o prejón….e máis soles e serpes en Vitres!

  4. 4 / Xullo/ 2011

    E non nos esquenzamos do concepto “pista forestal” que non leva a ningunhas, auténtico pozo encuberto da malversación de fondos públicos en Galicia. Pintas ancheadas ou reancheadas que destrozan a paisaxe das serras sen cumprir unha función que xustifique nin o 5% do investimento da súa obra.

  5. Carlos B
    4 / Xullo/ 2011

    Pois vouche decir máis, para rematar de alegrarte o día. Esta rotonda tan chula da que falas está situada xusto enriba da única poboación da orquídea silvestre Serapia cordigera que hai no concello da Pobra. Inda quedan uns 40-50 exemplares nese sitio; pero para facer tal chulada de rotonda cargáronse parte da poboación desta orquídea.
    Saúdos

  6. 4 / Xullo/ 2011

    Pois non o sabía, Carlos, e paréceme xa o colmo.

  7. david
    5 / Xullo/ 2011

    hai algo moi bonito na etnoarqueoloxía (seguro que meto a pata no terminolóxico etc: quero dicir na posibilidade de estudar con criterios, técnicas, arqueolóxicos restos materiais contemporáneos para deducir dese doc a visión do mundo, economía, etc, etc, da xente) que é a interpretación dos espazos contemporáneos como metaforas, metonimias, hipérboles, sinonimias… dalgunha maneira procurar a retórica oculta da habitación,ocupación, do territorio

    por exemplo: que significan as casas “suízas”?; ou eses valos ciclópeos de perpiaños rosa porriño; o maldito chorro de area sobre as lápidas gremiais, ou os cruceiros góticos (en Noia poño por caso); os viaductos; os paseos marítimo-fluviais; e todo o horror que sinalas…

    ler o espazo como un texto en toda a súa complexidade. Un labrador le a terra, non a admira nin se distancia, está dentro dun proceso complexo de comunicación do que non se pode separar: é dicir non dá mirado a terra como paisaxe; míraa desde a supervivencia e a perpetuación cíclica etc. Pero sería absurdo pensar que o urbanita non fai unha lectura igualmente transcendente. O que min me gustaría saber é cal é a retórica dese proceso, que funcionalidade ten, onde nos leva?

    encántaríame ler un traballo “arqueolóxico” sobre eses non lugares contenporáneos que comentas; creo que esa distancia teórica faría xurdir evidencias demoledoras quizais ocultas pola cotidianidade

    creo que me liei, sorry

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *