De onte a hoxe, moito se ten escrito sobre o peche de Galicia Hoxe, que neste xoves clausura edición. Téñolle moita lei a ese xornal, por moitos motivos, e os primeiros e máis importantes son sobre todo moi persoais. Alí me batín co xornalismo en tempo real. Na primeira xuntanza cos bolseiros alguén que sen dúbida non me coñecía mandoume a a Deportes (eu, que non sabía distinguir un fóra de xogo), e aló enleeime con titulares fantastrópicos. Alí botei unha semana para escarnio dos amigos, que escachaban da risa. Afortunadamente, Antón Lopo sacoume de aló e meteume en Cultura. En Galicia Hoxe aprendín moitas cousas da profesión, cousas valiosas: foi en Afa -así se chamaba entón o que ata agora foi Maré– onde aprendín que ciencia, técnica e humanidades eran a mesma cousa, todo cultura, e así había que velo. Foi aló onde comprobei en mundo real a diverxencia entre o que unha fonte pode dicir e o que pode pensar ou practicar. Aló tercieime na comprobación de datos, na redacción de polémicas e conflitos -sempre espiñenta. E aló tamén aprendín o pulso discreto e intenso de numerosas persoas en toda Galicia, que levan toda a vida tecendo un país a partir de palabras e accións lonxe da capital. Moito máis do que agardaba. E moito máis do que saía nos medios que coñecía. Ah, tamén profundicei no hábito do tabaco, creando o tic fumador que máis difícil foi de sacar despois: o de baixarse un pitillo mentres procedes a titular. A maxia de titular nun espazo limitado.
Desde onte lévase falando do GH en termos de lingua. É a análise lóxica e non hai moito máis que dicir nun breve post ao respecto. Pero si quero suliñar un elemento que, cando menos a min, en termos profesionais, resúltame igualmente preocupante: a perda de referencias e espazos para a cultura como sector social e tamén como industria. Coa súa modestia, o equipo de GH pulou por ter a mellor sección cultural dun medio impreso en Galicia. Así foi durante moito tempo. Galicia Hoxe practicamente carecía de lectores na súa edición en papel, pero era un referente básico para o resto dos xornalistas en cultura. Érao porque en GH aparecían moitas fontes e feitos, era notablemente plural. Cando comezamos hai dez anos en culturagalega.org, recollemos esa filosofía que eles inauguraran: a de diversificar voces. Unha feble industria cultural canda un dinámico ámbito creativo precisaba crear un espazo de representación para construír ese imaxinario simbólico que precisa Galicia. O gran problema, canda o tema da lingua, do peche de Galicia Hoxe é a perda dun privilexiado espazo para a expresión de voces e a narración de feitos e ideas nun mundo que, cando menos durante uns anos máis, continuará a ter importancia en Galicia: o ámbito dos medios impresos.

Be First to Comment