Criar viños, crear bosques: os novos crianzas con carballo galego

Última actualización o 29 / Xuño/ 2011

Hai uns anos, en Escocia, facendo a ruta do whisky no val do Spey (como me gusta o turismo cultural) chegamos a unha das destilerías para min máis interesantes da Escocia británica (o mundo do whisky das Illas do norte é outra historia): The Macallan. No pequeno centro de interpretación, observamos un gran panel fotográfico que presidia a sala. “Pero iso é o Courel”, dixémonos abraiados. Efectivamente. The Macallan empregaba carballo galego para a maduración do seu gran whisky.

-Xa ves. E os nosos adegueiros -comentoume un amigo- deixando a pasta en barricas francesas. O de sempre -concluiu. Condenados feitos que sempre nos levan a esa conclusión. O de sempre.

Aquelo deixárame impactado. Despois a noticia soubérase en Galicia. Obviamente, non é o mesmo darlle crianza a un whisky que a viño, pero a pregunta era evidente. Por que carballo francés ou americano? O galego non vale para darlle nobreza ao viño? Ou xa estabamos co de sempre, con complexos e prexuízos?

Hoxe tivemos a oportunidade de probar algo histórico, así de claro, para o mundo do viño en Galicia e non só para el. Durante a visita á Adega Algueira que organizou María Fechoría no seu programa enoturístico Galicia on the Road , Fernando González, o propietario da adega, presentounos o resultado dun proxecto de investigación modesto nos seus recursos pero ambicioso nas súas finalidades, proposto pola USC na Politécnica de Lugo por J. Díaz-Maroto Hidalgo en colaboración coa Adega Algueira. A idea é crear barricas de carballo galego para a crianza dos viños.

No vídeo, Fernando Algueira explica con fermosas palabras que é o que se busca, que son dúas cousas principais: a primeira, é pechar o ciclo do terroir galego nos viños. Fernando sempre di que hai que embotellar o contorno. Pero os nosos viños eran gardados en barricas de carballo francés. Tiñamos uvas, tiñamos chan, pero non tiñamos madeira. En Galicia! A segunda cousa é a recuperación do bosque autóctono galego, creándolle un novo valor, asociándoo a un produto con alto valor engadido. Sobre todo, porque o inicio dunha industria do carballo galego vinculado ao viño non suporía talar as fragas existentes: a madeira desas árbores non vale. Hai que prantar e coidar, desde a silvicultura, novos quercus robur, hai que formar coidadores de carballos, hai que construír a marca e o valor ao redor desta enorme potencialidade, hai que enviar toneleiros a aprender en Limousin a difícil arte da carpintería de barricas . Recoméndovos moito que vexades o vídeo de Fernando.

Este primeiro experimento só elaborou 400 botellas criadas en toneis de madeira de carballos da Terra Cha e presentarase o venres que vén en Monforte. Nós xa o puidemos catar. E, alén de chauvinismos e patriotismos, o resultado é moi bo. A barrica foi empregada sen tostar no interior (o tostado é o responsable, por exemplo, dos toques avainillados, chocolatados dos viños de crianza), e iso permitiu que a mencía se manteña en toda a súa expresión, axudada no seu corpo polo carballo, que outorga aos viños unha chea de notas que nos están falando de fragas galegas. Manzanilla, fiuncho, aparecen cousas moi interesantes conforme o viño vai respirando, un verdor húmido do país está aí, lenemente, sen impedir o paso e a expresión varietal dun viño que, nestas mencías de Fernando Algueira, medrou en Carballocovo, en condicións durísimas. O Algueira Carballo Galego que probamos levaba embotellado pouco tempo: veremos que é o que acontece cando repouse máis tempo en botella.

A miña conclusión: o carballo galego é unha madeira axeitada e interesante para a crianza de viños, e poderíase converter nun importante valor para apoiar os tintos do país nun momento especial, no que comezan a ter recoñecemento. Se non nos andamos a meter zancadillas uns aos outros, o pequeno paso que deu Algueira pódese traducir no nacemento dun interesantísimo novo futuro para moitas hectáreas forestais do país. Eu xa me trouxen para casa un par de botellas destas 400, para deixalas repousar. Unha probareira dentro de 8 meses, e outra dentro dun par de anos. Será aí cando descubramos que é o que a madeira das fragas de Galicia lle achegou á mencía dos nosos máis fermosos e heroicos viñedos.

10 Comentarios

  1. 27 / Xuño/ 2011

    Dubido de que non o coñezas, pero hai un albariño que leva un tempo embotellando certa “crianza” en carballo do pais.

    Gracias polo consello sobre The Macallan en Agosto vou por aló, verei de visita-la destilaria.

  2. Pancho-Lapatianco
    27 / Xuño/ 2011

    Mirándoo pola banda que máis me interesa, se a cousa fora para adiante, ou incluso se exportase, suporía como ben dis, darlle novo valor ós nosos montes e carballos.
    Pero a cousa ten moitos matices, pois se se pon de “moda” de súpeto, habería que mirar cantos carballos dos que quedan son factibles para a que a súa madeira sexa boa para facer bocois. É dicir, levan varias décadas que non se podan axeitadamente e coidan para medraren dereitos e daren boa madeira. E se se cortan moitas das árbores máis “dereitas” por natureza podemos acabar co ADN das máis axeitadas para sementar. Pero se se fai ben, e hai quen atenda “a chamada”, pode ter un bo futuro.

  3. Toño Raluy
    29 / Xuño/ 2011

    Ola Manuel

    Tempo sen falar

    os efectos oportunos, Temos un (dous) ribeiro tinto criado en carballo galego (polo menos así o publicita) que, e o Tarabelo (6 meses ou 14 meses)
    , elaborado no concello de Beade.

    Un saúdo

  4. 29 / Xuño/ 2011

    Perdoade pero discrepo do que falades por varios motivos.

    Primeiro, o Quercus Robur que é a especie botánica a que pertence o carballo galego, sirve perfectamente para destilados pero non para viños. E unha especie mais tánica e moito mais aromática do que e desexable para un viño. Hai moreas de estudios que así o mostran. O libro sobre tonelería de Nicolás Vivas, ten moita información útil sobre o tema. O Quercus Robur que é o mesmo que o carballo limousin, especie que en Francia e utilizada para destilados e algún viño pero non para viños de alta gama.

    Segundo, o carballo para tonelería é o Quercus Petraea (francés) e Quercus Alba (americano),que é unha especie diferente, menos tánica e aromática. O contido en compoñentes aromáticos e elagitaninos son moi distintos. Teñen un turno de corta de entre 150-200 anos. Ademais plántanse moi mestos, ao redor de mil por ha. Para logo ir cortándose os peores e quedar o redor de cen e menos por ha. Non hai problema de esgotar os recursos xestionándoos ben. Ademais so se utilizan sementes dos mellores exemplares para repoboar.

    Terceiro, asistín a un par de catas que se fixeron neste proxecto, e non me gustaron os viños. Non pola calidade dos viños, se non pola baixa calidade da madeira das mostras. Probei mostras de viño das barricas que foron a Alguira e o consello regulador de Valdeorras, e non cambiaba demasiado o conto. Tiñan evidentes notas de tanino verde, madeira mal secada, humidade, e non tiña pinta de poder facerse crianzas moi longas nestas barricas concretamente. Ademais de notas a serrín debido a un tostado deficiente.

    Penso que non debe ser achacado o carballo, se non a madeira non controlada, mal secado e tostado non feito por unha boa tonelería. Debese controlar a madeira en orixe, coa árbore en pé, control do secado,(so secado natural, mínimo 24 meses) elaboración da barrica por bos profesionais toneleiros. Catas feitas por profesionais con experiencia en madeiras, os cales non abondan en Galiza. Para meter uns poucos meses en barrica ,serve case calquera cousa, para facer crianzas longas, a madeira debe ser a mellor e a mais adecuada. Estanse a facer experiencias con outras especies de carballo na península, coma o pirinaica ou carballo de navarra, con experiencias interesantes. Pero o Quercus Robur descartase en todas elas.
    Non e problema de complexos, nin que non creamos no noso, e simplemente que cada especie ten o seu forte. Temos mais especies de carballo na Galiza que si poderían ser utilizadas, pero o numero de pes dispoñibles e baixo. So serven exemplares moi rectos e sen nos, e de bosque mestos e terreos pobres. Se non o gran da madeira sería moi poroso.
    A razón da sona do carballo francés ven dada por varios séculos de silvicultura, organismos de control de orixe, cultivo, calidade, e elaboración das barricas. Ademais que a maior parte dos terreos de bosque son do estado,que os xestiona e que saca cada ano a súbaste, so uns lotes determinados o ano.Supoño que por algo será , a sona desta madeira.

  5. 29 / Xuño/ 2011

    Si, como sinalaba no post, cómpre aprender a facer as barricas: eu tamén apreciei inicialmente ese verdor tánico que logo, conforme o viño evolucionou en copa, foi desaparecendo. O tema do tostado, pola contra, é bastante interesante. Estas barricas non tiñan tostado, e a verdade é que a min me gustou así. O gran problema que lle vexo moitas veces ao tostado da madeira en relación aos tintos galegos é que, se a crianza non se fai en condicións, o viño adquire todos eses toques avainillados, etc. Foi o que lle pasou a moitos viños nos últimos anos, madeirazos do copón.

    Pero iso non quita que, obviamente, quen sabe criar tintos en barrica con mestría, consegue evitar ese efecto ebanistería. Neste caso, a barrica non se comía ao viño, senón que o encorpaba un chisco. Foi a miña impresión, vaia. Desde logo non era un mal viño para nada. Por iso quero saber que pasa cando evolucione en botella.

    En adega comentamos tamén que nesta primeira experiencia a barrica non estaba todo o ben confeccionada que debera. Por iso sinalaba no post que había que ir aprender a facelas. E como sinalo tamén no post, efectivamente o único xeito de conseguir un desenvolvemento comercial desta madeira é a través de silvicultura. O carballo éche ben complexo.

  6. Miguel Losada
    7 / Xullo/ 2011

    O meu comentario non entra. Vouno partir:

    Monografías INIA. Serie Forestal (2008)
    Use of Quercus pyrenaica Willd. from Castilla-León [Spain] for wine aging. Comparison to French and American oak wood
    Cadahía, E.; Fernández de Simón, B.; Poveda, P.; Sanz, M., Centro de Investigación Forestal, Madrid (España)
    Utilización de Quercus pyrenaica Willd. de Castilla y León en el envejecimiento de vinos. Comparación con roble francés y americano
    ISBN 978-84-7498-525-2
    http://agris.fao.org/agris-search/search/display.do?f=2009%2FES%2FES0811.xml%3BES2008002379

  7. Miguel Losada
    7 / Xullo/ 2011

    “… se ha realizado este estudio sobre la calidad enológica de la madera de rebollo (Quercus pirenaica Willd.) que se produce en Castilla y León, es decir, sobre las propiedades químicas y estructurales de la madera, su evolución durante las diferentes etapas del proceso de fabricación de barricas y su influencia en las características del vino, en comparación con el roble francés y americano, de reconocida calidad para uso en enología.

    Esta madera ha presentado unas características estructurales (grano, porosidad, permeabilidad) idóneas para su utlización en la fabricación de barricas. Sus características químicas (polifenoles, taninos y compuestos volátiles) son muy similares a las de otras especies de reconocida calidad enológica, destacando la ausencia de diferencias significativas entre las distintas regiones de procedencia, para aquellos compuestos químicos de incidencia sensorial.

    La evolución de estas características químicas, durante el secado natural al aire libre y el tostado, ha dado lugar a una madera equilibrada en su composición tánica, con concentraciones similares a las que presenta la madera de Q. petraea, y rica en compuestos aromáticos, siendo sus niveles similares o superiores a los que pueden detectarse en la madera de roble francés y americano.

    Su comportamiento en la interacción con el vino se puso de manifiesto con vinos de cuatro Denominaciones de Origen (Bierzo, Toro, Ribera de Duero y Rioja), comparando con barricas de roble americano (procedente de Missouri) y roble francés (procedente de la región Centro de Francia)…”

    “…Por tanto, podemos concluir que el aporte de elagitaninos y las características físico-mecánicas de la madera de Q. pyrenaica en relación a su comportamiento durante la crianza, son muy similares a las de otras maderas de roble que se utilizan en tonelería.”

  8. Miguel Losada
    7 / Xullo/ 2011

    …” Por tanto podemos decir que la madera de Quercus pyrenaica que se ha utilizado en este estudio presenta una calidad enológica muy similar a la de las otras maderas de roble que se utilizan para fabricar barricas, y que tanto desde el punto de vista químico como sensorial se puede considerar que esta madera es perfectamente válida e idónea para el envejecimiento de vinos de calidad.”

  9. Miguel Losada
    7 / Xullo/ 2011

    Iste é, pois, un dises temas sintomáticos da nosa malingradura moral, endémica xa. Unha mixtura tóxica e remoente que anda a roer en nos como sociedade ou cultura.
    O que o carballo aporta ó viño son, entre outras substancias e no contexto no que falamos, ésteres ou compostos orgánicos, aldehídos e compostos fenólicos doadamente disipables na atmosfera e que o noso cerebro interepreta como arumes varios, segundo os casos concretos.

    Ditas substancias proveñen: da fisioloxía concreta de cada especie ( hai moitas de “carballos”, unhas 500 dependendo dos autores), do lugar ou biotopo no que medrou ( non lle imos negar a importancia do terroir tamén para o noso “carballo”ou?); da interacción co medio en definitiva que pode ser diferente co longo dos anos (clima, e outras variables)e debe de ser objecto de xestión tanto das poulas e touzas do país coma na benfeitura dos pipeiros, (que inda hai ).

    Segundo todo isto a madeira transmite a súa impronta ó viño. Mais nada.

    Por cal motivo os nosos Quercus sp. ian ser intrínsecamente mais ruíns, a súa arnaxe menos óptima, a súa fisioloxía, xa que logo, extravagante ou faltosa a terra que os da, ou a súa pegada, a da nosa terra, menos desexable?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *