Última actualización o 26 / Xuño/ 2011

O outro día souben que toquei fondo.
Viña de Barcelona no voo de Ryanair. De súpeto caín, caín, e cando abrín os ollos, a miña meixela estaba pousada no cu da azafata de Ryanair, xusto cando a pobre pasaba polo corredor abanicando os billetes do raña-gaña en beneficio “dos nenos desfavorecidos ao longo de Europa”.
-Rapaz, temos que apousentar este sono.
Eu son de paróns reparadores, de sesta diaria, curta pero intensa; a situación ideal sería uns tres ou catro minutos, pero en condicións de estrés acepto un minuto ou dous: o problema é que nas condicións de estrés, se me deixan, acado con facilidade os tres cuartos de hora. Para describir esta acción necesaria, empregaba un termo técnico e preciso do meu ámbito profesional, un “reinicio”. Xosé Luís Barreiro deume unha terminoloxía máis respectable para isto. Contouma comendo no mosteiro de Aciveiro, nos montes do Candán, lugar máis que axeitado para debater estas cuestións.
-A esta acción de ficar dereito na cadeira, botar as mans sobre as pernas e durmir brevemente, os xesuítas chámanlle “crebar o sono” -comentou Barreiro, quen ten experiencia eclesiástica abonda para falar con autoridade.
Pareceume un termo non só discreto, senón mesmo digno dun home serio. Desde aquela digo en numerosas ocasións ao final dun xantar: “vou crebar o sono”, e parece que me retiro a facer un retiro espiritual.
Hai anos eu tiña escrúpulos tremendos á hora de durmir en público. Sígoos tendo, por suposto: o meu maior medo nun avión é repotenciar a turbina da aeronave cun ronquido de volume exponencial cando a máquina estea en velocidade cruceira, pero en xeral acepto o abandono en case todas as circunstancias. O que fago en voos curtos, por exemplo, é aproveitar a inercia do cambio de presión no despegue para sonecar a profundidades abisais ata que soa o aviso de poder desabrochar os cintos e eu podo retomar a miña lectura do magazine gratuíto. Pero non dou crebado o sono, por exemplo, no campo: un curioso efecto psicolóxico fai que o meu cerebro multiplique o número de insectos por tres e sufro un estado próximo á paranoia insonme dun ditador que se sinte rodeado.
Polo xeral, na teoría de crebar o sono é fundamental asumir certa dose de ridículo nas posturas. En xeral, nun avión, se te toca no asento do medio ou no do corredor (que é onde te adoitan poñer cando pides fiestra á señora que te dá a tarxeta de embarque), debes asumir que vas a practicar o que chamo o asentimento pasivo, que é ese proceso involuntario de reelevar bruscamente a cabeza de xeito orbital cando esta chegou ao punto máximo de torcedura sobre o peito. Gustaríame ter unha experiencia extracorporal nese momento, porque estou convencido de que debes ter a postura dun boneco de Jim Henson cando non está accionado. En todo caso, nese abandono momentáneo hai certa ridiculez implícita, pero síntome seguro na confraternidade dos viaxeiros. Mellor é un amigo meu, que abraza -literalmente- a traseira da butaca de diante, apretando con certa forza a cara contra ela e durmindo nun impresionante equilibrio corporal que, iso si, evitaba os sustos da técnica do asentimento pasivo.
Nas viaxes en coche a cuestión é máis complexa. Se imos dous e vou sentado no asento do copiloto, a vergoña do bo acompañante pode comigo, sobre todo despois de certa experiencia que me aconteceu nunha viaxe a Logroño, onde fiquei durmido á altura do Cebreiro e espertei cruzando o montañoso paso de Pancorbo, abandonando o meu condutor á súa sorte durante toda a Meseta castelán, o cal non se lle fai nin a un enemigo. Pola norma xeral, o sono de automóbil chégame ás 12:05 polas mañás e ás 17:50 polas tardes. Mesmo en vacacións a cousa acontece de tal xeito, e só sei que comezo realmente a descansar cando o sono encarreirase beatificamente a unha única sonequiña inmediatamente despois de xantar, nunha área de descanso ou, nas duras autoestradas italianas, nun destes apartes -non sei como chamarlles- baixo unha ponte, aló onde os condutores nos arrimamos na procura das sombras deleitosas que só nos ofrecen as autoestradas francesas.
Hai sitios, sen embargo, nos que non respondo de min. Por exemplo, na miña cama de 90 da Pobra do Caramiñal. Coas campás soando a morto da veciña igrexa -esa é a banda sonora dos domingos de inverno-, os espazos e aromas seguros da infancia e o frío húmido deses pisos da Transición podo durmir ata a hora do enterro ou o Día do Xuízo Final.
Pero o máis profesional dos crebadores de sono que coñezo era X. X. era quen de crebar o sono do xeito máis discreto, nos xantares de traballo. Home distinguido, respectable, deses que espertan de traxe e sen enrugar, X. botaba as súas sonecas como un auténtico prestidixitador do sono, no medio das sobremesas. X. aproveitaba algunha conversa viva no polo sur da mesa para amosar un suco sorriseiro lene, abondo como parecer un rictus atento, que facendo uso do efecto Koulechov, cada quen na mesa podía interpretar segundo marchara a conversa: “está reflexionando sobre o que dixo Mengano”, “Cáelle ben fulano”. Puña as dúas mans sobre a mesa, canda os antebrazos, e facía coma os peixes: durmir cos ollos abertos. Como con algún presidente de multinacional, nunca sabías cando estaba esperto ou cando durmindo. Eu cacheino porque neses cinco minutos, X. descendía ata o máis profundo dos abismos de Morfeo, e na transición entre a superficie e o averno, tiña un pequeno tic muscular na meixela e nun ollo que parecía chiscar cómplice ao compañeiro de mesa.
-Das soñado? -pregunteille un día.
El miroume sorprendido.
-Si. A que cando me quedo durmido caiome indecentemente contra o cú dunha azafata de avión. Que vergonza!
Lembrei a historia o outro día no voo de Ryanair, mentres me tentaban vender unha rifa aproveitando con chantaxe emocional a miña vergonza bruscamente espertada. Merquei e rasquei.
Perdín, claro.

Manuel.
Unha suxestión, atendendo aos significados diferentes que en galego (e en portugués, e en italiano) teñen as palabras “sono”(acto de durmir) e “soño”(imaxes e ideas que xurden na mente durante o “sono”), se non entendín mal o texto, humildemente coido que deberías revisar o uso que fas de ambos termos, pois paréceme que querías dicir “sono” e non te referías á experiencia onírica cando escribiches “o soño de automóbil chégame ás 12:05”.
Un saúdo.
Certamente, está modificada a gralla. Grazas!
Todo un don, o de crebar o sono á vontade. Nas innumerables horas que exerzo de copiloto, podo quedar durmido en calquera momento. Cando menos o espero, entre ensoñacións do “home da area”, adopto a “postura dun boneco de Jim Henson cando non está accionado”. Bendito repouso…
De pequeno fun monaguillo. Na igrexa na que adoitaba axudar á misa, a silla onde me sentaba estaba xusto detrás do altar, que estaba bastante elevado sobre o público. O escondrixo perfecto. As sonecas nas homilías eran ben gorentosas, e tíñaas controladas. Eses 5-10 minutiños antes que rematase a homilía eran como unha pequena estancia no paraíso se o comparamos co mortal aburrimento daquela cerimonia que todos os días se repetía. Mais aquel día en que espertei cando o cura -ai don Julio, en que ceo estarás?- dixo “Podéis ir en paz” non sabía onde meterme. Don Julio non dixo nada. Deus o teña na gloria.
ahahaha! Está claro que cada un ten o seu xeito! ;-)
Meu, este é deses posts nos que de boa gana lle ía botando viño na cunha para que seguise a contar… grazas!