A bacanal contemporánea

Última actualización o 21 / Xuño/ 2011


O escritor Niccolò Ammaniti

Hai un xénero da narrativa e cinematografía italiana que ten entidade por si mesmo desde a noite dos tempos: o da festorra orxiástica de alta sociedade como sátira da corrupción e da amoralidade dos poderosos. Desde o Satiricón de Petronio, os relatos de Boccaccio ata as películas de Fellini como La Dolce Vita ou unha das miñas películas preferidas, Beleza Robada, de Bernaldo Bertolucci. Tres fotogramas de cadanseu filme:

Algo debe haber na cultura italiana que permite recrear de xeito maxistral o ambiente caótico e diverso dunha festa multitudinaria. Na súa última novela, Que comece a festa!, o novo escritor italiano Niccolò Ammaniti dálle unha viravolta máis a este xénero. A través da personaxe principal, un posible trasunto do propio autor, Federico Ciba, un guapo e televisivo escritor de éxito, Ammaniti lévanos por unha Roma que debece por corromperse na maior festa de todos os tempos: a organizada por un corrupto construtor que adquiriu en poxa unha propiedade pública do concello de Roma, o fastuoso parque de Villa Ada; o construtor esparexiu animais salvaxes por toda a vila, porque a cerna da festa será a caza de animais salvaxes nos antigos terreos do parque municipal aos tres xeitos: o británico, o indio e o africano.

Tal sorte de disparatados despropósitos artéllanse por Ammaniti nunha sátira que promove a risa a gargalladas. A sátira do mundo da cultura, e da súa confluencia co mundo da vida social do papel couché e os programas da telelixo; as envexas duns escritores cara os outros e a certeza de que un pode escribir unha novela que chegue ao máis profundo do corazón de miles e miles de lectores sendo, como persoa, un ente absolutamente miserable e mediocre.

Aínda que desde unha perspectiva xeral, a novela lese con gusto do principio ata o final, quedo sobre todo coa primeira parte, na que a sátira social é máis elevada e a agudeza do escritor crécese no retrato cotián das miserias da cultura e da alta sociedade italiana. Podería ter sido unha gran Fogueira das Vaidades, de seguir e rematar a novela sen comezar no delirio da segunda parte. Eis que me resulta máis difícil de comprender. Na segunda parte a novela pega un xiro considerable, entrando en irrupción unhas personaxes -non vou facer spoiler- que incrementan o delirio literario ata o máximo. Alguén ten dito por aí que é unha novela brutal, nese punto; non estou de acordo. Calquera telexornal ten unha dose maior de atrocidades, e en certo xeito, o tono tan surrealista distánciate do que ocorre alí. Se Ammaniti tivera deixado evolucionar a ese despropósito de festa dentro de condicións máis ou menos reais o pracer e o disfrute tivera sido moi superior, iso si que estou certo. En todo caso, é unha opinión persoal.

A literatura contemporánea atopa na súa propia sociedade -como todas as literaturas- un excelente caldo de cultivo para a súa propia escrita; é na sátira social onde todos nos aproximamos a estes libros. Todos somos un pouco os criticados e os criticantes, e a literatura cubre esa función, que sempre tivo nos seus mellores momentos, de facernos ver nun espello. Nunca saímos indiferentes desa visión.

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *