Última actualización o 19 / Xuño/ 2011

O escritor e arqueólogo italiano Massimo Manfredi
Hai moitos anos, traballaba nun proxecto de web sobre un coñecido persoeiro da cultura. Durante unha das xuntanzas, solicitouse ao especialista unha biografía pensada “para todos os públicos”, para unha páxina. “E breve”, apuntou alguén. “Claro, algo así de divulgación”, dixo o especialista, “breve e tal”.
Tróuxonos 40 folios.
Durante moito tempo neste país desaprendimos o camiño de comunicar. O problema, nin sequera, era a presenza dos 40 folios. Era que estaban redactados para el, el e os seus amigos. A noción de público -que debe ser básica e estar presente para calquera investigador que aspira a comunicar os resultados do seu traballo- era accesoria. Os investigadores do noso país non precisan comunicar para avanzar na súa carreira científica. Construída máis en función de puntuacións curriculares e non do recoñecemento da sociedade ou da comunidade científica, é o cursus publicus dun funcionario de educación o que condiciona o que un investigador fai cos resultados do seu proxecto de investigación.
O resultado? A Historia galega e outras disciplinas académicas convertéronse nun auténtico peñazo nas dúas últimas décadas. A maior parte dos libros editados son adaptacións de teses de doutoramento -ou sexa, son teses de doutoramento ás que lles rebarban o apartado de metodoloxía e parte do apartado teórico-, o cal é un erro tremendo. Unha tese de doutoramento hai que reescribila completamente para a súa saída a un público xeral. O feito da (aparente) ausencia dun mercado para a divulgación científica fai que realmente non teñas que rendir contas para a excelencia do teu traballo.
Murguía non necesitaba escribir a Historia de Galicia para ter formalmente unha publicación que sumar ao seu curriculum para ascender profesionalmente. Cando este bravo homiño afrontou o seu proxecto tiña un obxectivo básico: construír unha narrativa para un país vello que, paradoxalmente, estaba nacendo. Que ten ideoloxía e tal? Home, claro. Murguía era fillo do seu tempo. Pero as sucesivas quintas que desde o XIX ata don Ramón Otero Pedrayo ou Emilio González López foron quen de construír unha intensa narrativa deste país. Aínda que hoxe non o saibamos, seguimos vendo a Historia de Galicia a través dos ollos desta xente. Pouco, case nada da inxente produción editorial arqueolóxica e histórica dos últimos vinte anos ten calado no imaxinario popular sobre a nosa Historia, que segue recollendo os tópicos, erros e tamén acertos transmitidos desde o XIX e a Xeración Nós. De quen é a culpa de que a transferencia social dos numerosos avances da arqueoloxía galega non teña funcionado? Da sociedade que non entende? Dos malvados medios que manipulan as palabras que eu quería dicir? Anda, ho. Esta cuestión debera ser motivo de reflexión entre arqueólogos e historiadores, pero ata agora non a teño escoitado case nunca en Galicia, e cando a teño visto en verbas dos profesionais, é para botarlle a culpa a outros.
O principal problema, ao meu ver, está na falta de cultura de divulgación. Poucos dos nosos investigadores visualizan produtos divulgativos de calidade do exterior, ou se os ven, dubidan por unha sorte de complexo de inferioridade que poidan ser aplicados en Galicia. A divulgación, e isto é o importante, non é acurtar. Nin sequera é cambiar unha complexa palabra esdrúxula por unha grave. Non é estar ou non nunha rede social. A divulgación é construír un discurso que permita unha abordaxe narrativa do problema, identificando feitos, personaxes, ideas clave. O problema é que unha significativa parte dos investigadores están convencidos de que xa saben comunicar e ¡calquera lle di o contrario!.
No valioso e moi recomendable novo ensaio de Valerio Massimo Manfredi -que aparte de novelista de éxito é un reputado arqueólogo en Italia-, La Tumba de Alejandro, o escritor conta, cara o final, unha anécdota que resume a diferencia.
Sobre a ubicación da Tumba de Alexandre sempre houbo unha gran polémica e especulación. Desde os partidarios -os máis- da súa sepultura na propia cidade de Alexandría ata aqueloutros defensores de teses máis excéntricas, como que está soterrado no exótico oase de Siwa. Manfredi conta como, estando na terraza dun hotel en Siwa cuns amigos, achegóuselles unha sedutora muller que, no transcurso da conversa, defendeu a tese do paradeiro de Alexandre nese mesmo lugar, no oase no mesmo do deserto. Manfredi foille desmontando os argumentos ata que “ela lle dixo que era demasiado frío e apegado a prexuízos académicos, e convidouno a ler a novela dun escritor italiano sobre a vida de Alexandre Magno que a emocionara por descubrir unha dimensión distinta que lle abriría a mente e suxeriría unha achega distinta ao problema”. Manfredi amosoulle un libro seu dicindo que el era ese escritor, “demostrándolle que dúas actitudes distintas poden convivir na mesma persoa”.
Dúas actitudes na mesma persoa. Ou métodos distintos en función dos obxectivos. Nin sequera é un Jekill e Hyde de especulador fronte a rigoroso científico. O problema é que moitos investigadores asumen que se es un Jekill divulgador xa non podes ser un Hyde investigador, ou algo así. Ao meu ver están moi trabucados.
Hai unha serie documental que me apaixona: The Time Team. Un equipo de arqueólogos británicos que levan, creo, 18 tempadas, escavando sitios arqueolóxicos por toda Bretaña. Cada lugar ábrese e investígase en só tres días. O produto audiovisual, creo que de 40 minutos, discorre de xeito frenético -como ten que ser para unha televisión xeneralista- ao redor dos sucedidos do proceso de investigación. Os arqueólogos meten a pata considerablemente, mandan unha hipótese tras doutra, cambian de evidencias en función dos novos achados ata que van obtendo o borrador xeral. O que nos conta a serie non é só se unha vila romana está construída sobre un castro ou non, senón como funciona o método científico. Non é preciso recorrer a técnicas Íker Jiménez para facer interesante a Historia ou a arqueoloxía: ela mesma, ela, os nosos referentes e cultura conteñen todas as sementes para cautivar. A divulgación do século XXI pasa por moverse con facilidade entre disciplinas, códigos, en hackear a ciencia ensinando o fermoso do método e o rigor preciso. Ninguén lle pide a un programa de TV que sexa un artigo de Science, pero a audiencia si pide seriedade no discurso.
A divulgación do século XXI non mira aos medios de comunicación con recelo, como se fosen uns patáns ou uns marcianos. Colaboran con eles dun xeito máis estreito, aprenden a comunicarse con eles, a sintetizar mensaxes para unha sociedade que consume información de xeito moi rápido e que ten criterio -si, ten criterio- para saber que é o que lle interesa ou o que non. A divulgación do século XXI sabe que é unha parte máis dun proceso, no que a publicación académica, densa e técnica, é outra parte imprescindible, por suposto, pero xa só unha parte máis dun proceso que involucra a todos moito máis.
Iso non quere dicir que o salto cualitativo non se estea a dar. Hai grandes profesionais da arqueoloxía deste país que están situando a divulgación e a transferencia de resultados á sociedade (no fondo trátase diso) na cerna da súa actividade profesional. Mañá, por exemplo, publicarei unha reportaxe que foi doadísima de facer porque o investigador responsable é un magnífico e apaixonado comunicador da arqueoloxía galega.
Ese camiño é clave para o futuro, para que a sociedade galega poida recuperar a súa propia Historia.

Lin o ensaio fará un par de meses.
Interesante. Un bo exemplo de como a divulgación histórica e arqueolóxica seria non ten por que pelexar coa amenidade. Incluso a descrición e análise das fontes antigas se fai desde un ángulo divulgativo moi asequible.
O tema o aborda sen que perdamos nunca o interés. Nin é un tocho aburrido e culterán, nin un texto facilón e amarelo, propio deses Indiana Jones de catro pesos que logo publican en determinadas revistas pseudocientíficas…
Non o lin nunha sentada. Pero si en dúas.
A verdade é que desque deixei ese oficio de arqueólogo, unha das cousas que me resultaron máis liberadoras foi esquecer esa linguaxe enrabichada e petulante dos informes e memorias.
Se alguén quere mergullarse nos arcanos dese barallete estúpido, que é o arcologués, debe saber algunhas cousas:
1º.- Búsquese sempre termos co acento tónico o máis lonxe posible do final da palabra. Non diga humano, diga “antrópico”, non diga problema, senón “problemática”, non diga resumo, diga “síntese”.
2º.- Na mesma liña, non perda ocasión de usar palabros de raigame grecolatina, ou que o parezan. Non diga forma, diga “morfoloxía”. Non diga muro, diga “estructura”. Non diga encher, diga “colmatar”. Non diga cervo, senón “cérvido”.
3º.- Se unha cousa se pode decir con dúas palabras, ache a maneira de decila en catro, en oito ou dezaseis. Se algo está no medio, dígase máis ben “localízase en posición central”. Se un cacharro é redondeado, diga “presenta un perfil globular”. Non diga “parecer”, diga “presentar unha semellanza formal”.
4º.- Oculte a súa ignorancia con etiquetas culteranas: se non sabe qué bicho é o representado nun gravado, diga “petroglifo zoomorfo”. Se aparece unha pedra tallada da que non sabe nada máis, chámelle “exemplar de industria lítica”.
5º.- Non teña medo e invente palabras. Se son o suficientemente pedantes, ninguén se tomará a molestia de comprobar que existen nun diccionario. Así, poderá decir “equitar” en vez de montar a cabalo, ou “artificialización” en vez de “transformación”.
6º.- Non perda de vista este obxectivo: encher papel.
Un exemplo:
Así o diría unha persoa normal:
A mámoa que hai no alto do monte da croa foi rebentada por escavadores furtivos, xa que ten un burato escavado nun costado. Xunto a mámoa hai unha laxe que ten gravadas varias cruces.
Así o diría o sonado arqueólogo Petulio Castronelo nun artigo “divulgativo” do “Boletín de Estudos arzuanos, Vol 1”:
No alto do monte da croa hai unha estructura megalítica que sufríu unha grave alteración antrópica, debida a unha remoción de terras sen o preceptivo coñecemento administrativo, dado que presenta un cono de violación en posición excéntrica. Nas inmediacións deste xacemento arqueolóxico hai un afloramento pétreo que serve de soporte a un petroglifo, o cal está constituído por un conxunto de varios cruciformes.
Bueno, Padín, son un simple afecionado a estes temas, pero recoñezo que a primeira vez que lín a palabra “apotropaico” case caio ao chan. A miña inquedanza medrou cando me topei con que no DRAE non aparecía (cousa que xa está enmendada: na versión on-line aparece a verba en cuestión, como “artículo nuevo. Avance de la vigésimo tercera edición”)
Pode estenderse esta anécdota a “psicopompo” e “promptema”, entre outras.
Conste que entendo perfectamente a necesidade da Arqueoloxía de empregar terminoloxía técnica. E que memorias, actas de congresos e demais cheguen a estar inzadas desa terminoloxía.
Pero penso que iso non xustifica a pouca disposición a facer divulgación. Que poder ser de calidade, e -á vez- chegar de xeito fácil ao cidadán.
O resultado: que para moita xente, “divulgación arqueolóxica” son os programas de Fríker Jiménez.
É que por desgraza, nestas terras, o Fríker ten gañado este terreo (porque ninguén cubriu ese espazo).
E eu insisto: podemos facer unha excelente divulgación científica a partir diso, da ciencia, os seus métodos e a súa filosofía; non é preciso recorrer á ultratumba e aos OVNI para fascinar. Pero non nos debemos enganar: a ciencia é algo importante de máis como para tratalo de xeito aséptico e en probeta. A ciencia tamén pode ser abordada desde unha perspectiva humana e persoal.
Padín, gran análise. Aínda me estou rindo. Xuro que teño lido uns cantos textos así.
O que comentas, co que concordo plenamente, lémbrame a “Storytelling” (na sua boa praxe).
Concho cantas veces diría eu iso! e cantas veces me teño que ter disculpado por intentar que as memorias non foran un tostonazo redomado…pero cantas veces me tiven que cortar, vaia tiven que cortar texto porque contaba cousas que seica non: sobre a “historia” do sitio en cuestión por exemplo, ou algunha lenda,ou algún texto recollido fozando polo arquivo.. ou eu que sei, pero como di o dito: allí onde fueres haz lo que vieres, e claro tostonazo que te criou! tereino en conta para as seguintes.
Agora en todo caso xa te temos a ti, que mantés a intriga das “Repúblicas de Homes Libres” moi ben. E que dicir de outras disciplinas? a peor non sei se non será sobre a informática, eses si que son crípticos! mi madriña! aínda ti tes posto aquí algún que custa seguir se non eres “iniciad@” vamos que hai para tod@s!
Por certo Manfredi como novelista, ejem… moito non me ghusta, conste que só lin unha novela del, pero frouxo frouxo, e un pouco tostón tamén.