O presente vídeo, baseado no traballo de documentación de Beatriz Vaquero Díaz, da Universidade de Vigo, permite acceder a un ritual feudal de apropiación do territorio na Galicia do século XV que presentaron Bea Comendador, Cristina Fernández e Alberto Pungín nestas xornadas sobre Castros de Interior que se están a celebrar en Xinzo. O escudeiro Álvaro de Nogueirol toma en nome do señor de Viana, Pedro Henríquez, posesión das Frieiras, en Ourense. As ilustracións son de Abraham Herrero. Tedes máis información no web do proxecto.
As tomas de posesión son actos cargados de simbolismo, actos que en certo xeito, aínda que sexan entre civís, teñen algo de sagrado. Este é un magnífico exemplo, case cinematográfico, destas tomas de posesión. (vía)

Bo documento e para alén, unha proba evidente da normalidade lingüística da sociedade galega da altura. Para alén do que viña de Castela ou estaba en latín o galego era aínda a lingua de uso xeral e maioritario en toda documentación nobiliar, xuristas, concellos, catedrais, mosteiros… Naquela época aínda non se consumara a “doma y castración”.
E pensar que aínda hai algúns (Galicia Pilingui…) que lle negan o carácter de lingua propia ao galego e pretenden facernos crer que o Castelán leva aquí toda a vida.
imaxino isto feito con algo de coidado en cine-vídeo, un bo actor, unha boa dirección… e váiseme a pinza, é unha secuencia de altura
este post, e os outros sobre o castrexo fora dos castros, a divulgación, etc, etc, etc, etc…
e reafírmome: cando as emocións (a emoción é un saber tamén) deste brainstorming apousen, hai que guionizar, poñer ao lombo unha canon 5D/7D, equipo de guerrilla competente e supermóbil e que cante a terra a súa memoria, como pedía Pondal
David, efectivamente, este ritual é pura cinematografía. Que cante a terra.
Non podiamos imaxinar o impacto que ía ter este vídeo de andar por casa que non pretendía ser máis do que un storyboard.
O noso non é facer cine-vídeo (nin pretendemos), pero para nós queda demostrada a importancia de desenvolver unha ídea e de potenciar a parte máis conceptual dos guións baseados en bos traballos de investigación.
Fronte aos tremendos orzamentos que se manexan as veces para facer “videos de contido histórico” (e sabemos do que falamos polo traballo que está a desenvolver Abraham Herrero), as veces un sinxelo guión cunha producción máis modesta pode transmitir mellor unha idea, ser máis efectivo na transmisión de coñecemento, do que unha superproducción en 3D con escaso contido.
A participación dun historiador ¿ten que rematar no proceso de investigación? ¿ou debe participar no proceso de creación dun guión?
Esta é unha boa reflexión… investigar novas formas de crear “discurso histórico”.
Sen dúbida eu téñoo claro, ten que participar no guión, eu creo que certas habilidades de divulgación deben ser hoxendía parte do perfil de formación dun investigador, tanto de humanidades como de ciencias. Os produtos de divulgación profesionais (ou non profesionais, pero ben traballados) son case sempre feitos por equipos: os historiadores deben ser parte deses equipos interdisciplinares.
O vídeo está moi ben, Bea, para ser feito con poucos recursos. A música está moi ben seleccionada, as ilustracións e o ritmo están tratados con moito gusto. Parabéns a ti e a todo o equipo! Son estas cousas as que axudan a que a xente se fascine coa Historia.
Graciñas Manuel.
Eu tamén o teño claro. O historiador, en realidade, de sempre escribe guións, porque a historia é un proceso de creación discursiva.
Pero hoxendía hai que “adaptar” o guión as novas linguaxes, porque todos debemos ser conscientes da inmensa responsabilidade social que pesa sobre os que producimos Historia (tanto historiadores como medios de comunicación) con respecto aos cidadáns que tamén teñen a responsabilidade de demandala.
Pero para que haxa un bo guión histórico, é imprescindible o desenvolvemento da investigación. Hai que saber comunicar, pero tamén hai que ter qué comunicar.
A ver cando montamos algo para sacar á palestra esto do “discurso histórico” que é un tema apaisoante.
Apertas