
Fotograma de Downton Abbey (2010)
Interesantísimo este texto de Blake Morrison en The Guardian: “The country house and the English novel“. O artigo analiza a fascinación da literatura inglesa polas grandes mansións rurais de Inglaterra como escenario de ficción e, sobre todo, detense en como a literatura contemporánea continúa a empregar estes escenarios a priori un tanto decimonónicos: desde Kazuo Ishiguro ata Ian McEwan (Expiación, logo magnificamente versionada para o cinema), Sarah Waters ou o último lanzamento neste sentido: The Stranger’s Child de Alan Hollinghurst. E non só na literatura, diría eu. A mansión como escenario é tamén sinónimo de éxito na televisión, e non temos máis que ver os resultados da magnífica Downton Abbey. Morrison incide tamén noutro aspecto: os novelistas que afrontan o pazo como lugar e as familias aristocráticas como persoeiros xa non pertencen nin a esa clase social nin habitaron esas casonas: son alleos aos que lles interesa a manor como espazo literario, mesmo ás veces para subverter as convencións do xénero. Para o autor, o que acontece é que poucos lugares ofrecen un espazo tan privilexiado para explorar as fronteiras entre clases sociais, entre familia / estraños, etc., etc.
Non podo menos que comparalo coas miñas lecturas destes días. Entre elas, o exhaustivo traballo de Dolores Vilavedra A narrativa galega na fin de século, que nos permite coñecer non só as presenzas, senón que a min me resulta especialmente útil para observar as ausencias temáticas na narrativa galega contemporánea. E non podo menos que abraiarme coa curiosa comparación con Inglaterra. Galicia tamén é un país cheo de mansións rurais, pero o pazo como espazo e como escenario principal está practicamente ausente da narrativa contemporánea, malia ser un territorio literario cunha potencialidade imaxinaria e fértil, e non só como novela de época, senón radicalmente contemporánea. Estou pensando no pazo como crepúsculo, prisión e miseria final de dinastías en descomposición funcionarial, e coñezo uns cantos casos desta década. As ausencias, na literatura galega, insisto, son tan importantes como as presenzas.
Será que aínda temos que escribir a novela urbana e esas cousas. Será que en Inglaterra xa non se preocupan de escribir literatura urbana, literatura rural ou literatura de ciencia ficción. Será que se preocupan, basicamente, de escribir literatura.

Si, somos unha nación como a inglesa chea de pazos rurais pero podo asegurarvos que calquer parecido con nos é mera coincidencia. Ali tamen ahi pazos similares os nosos pero tamen teñen o que nos non temos, unha chea de enormes pazos, que é, entre outras moitísimas cousas, as diferencias entre o noso agro e o deles. En canto a fascinación polas suas mansións, so decirvos unha cousa. Fumos, como é loxico, ben informados a pasar un mes a Inglaterra (non o Reino Unido) é alucinamos tanto coas suas mansions (National Trust) que cambiamos a viaxe e dedicámonos a visitalas e gozalas, deixando o resto (ciudades,vilas, catedrais,castelos,natureza,etc) como un complemento cando pechaban neses tolos horarios que teñen.
E por su posto con ganas de voltar.
Pena de cartiños…
Home, tanto baleiro non hai. Eu penso que o escritor “pacego” por antonomasia é Pedrayo, que retrata ben a decadencia fidalga, e fai do pazo un es-pazo (xogo de palabras cutre) protagonista e cargado de simbolismo. E logo, en castelán, estarían Pardo-Bazán ou Valle-Inclán. Na literatura actual é verdade que a cousa non atrae como tema, pero iso é quizais pola ignorancia xeral do público lector da nosa historia, mesmo que esa historia transcurra hai só 150 anos. E diso tampouco ten a culpa o público.
Hai baleiro, hai, un baleiro tremendo. Otero Pedrayo escribiu O señorito da Reboraina, a súa última novela pacega, en 1960: eu estoume referir á literatura contemporánea. Busque despois desa epoca a ver cantas novelas das consagradas empregan un pazo ou estas familias como espazo central. Nin sequera é unha cuestión de coñecemento da Historia, sospeito, ou de acceso á información. Os novelistas galegos saben como acceder a información ao respecto. Simplemente, non están interesados e teñen outras preferencias. A cuestión é saber por que.
Insisto no contido deste post: compáreo coas novelas ambientadas en manors escritas en Inglaterra nas últimas dúas décadas. Non se me vaia a vellas glorias. Iso é o mesmo que autoenganarse crendo que en Galicia hai moi bos escritores gastronómicos, asunto habitual nos discursos en eventos desta temática. Había, había. E o último morreu no 81. A pregunta importante é saber por que non os hai hoxe.
Pero se eu concordo co contido deste post de cabezallo a pé!
Razóns para estas ausencias hai moitas. Eu atreveríame a apuntar algunhas:
1º: O sistema literario galego é cativo para a enormidade de temas potenciais que pode abranguer.
2º: A maioría do público lector en galego pode caracterizarse dentro de dous segmentos: como militante na galegofonía, (con todos os matices que se queira ver nisto) ou como estudante de secundaria. Ningún destes grupos se identifica coas vivencias das familias fidalgas nos seus pazos.
3º: O esforzo que require este tema para un escritor (mergullarse nun mundo alleo, documentarse, asumir o risco dunha dobre crítica -literaria e histórica- e dunha temática a priori “impopular” entre o público potencial) non compensa o éxito que se pode acadar “innovando” con outros xéneros (novela negra, policial, ciencia ficción…).
4º: O escritor galego “profesional” fai unha edición da súa obra en galego e pretende vivir da traducción ao castelán, onde o público é maior, polo que tenderá a escoller temáticas máis exportables, e menos idiosincráticas.
E ocúrrenseme máis. Evidentemente, non comparto estes argumentos. Antes ben, hai que combatilos, porque aí radica grande parte dos males literarios deste paisiño.
Aí estamos. E volvemos ao que comentabamos o outro día, Padín. Facer grande ou pequeno o país. :-)
Homem é que depois de Otero Pedrayo…
Mas há algo em Cunqueiro, Torrente Ballester, Ferrin, Forcadela e até em Xoán Cabana…
Todo de acordo com O’Padin. E a cousa é que nem em política, nem em história, nem em território… e as ultimas décadas de literatura nacional são diga quem quiser pouco sólidas e muito dependentes de linhas “internacionais” filtradas por Madrid…
Certamente não miramos para Inglaterra, nem em paços, nem em narrativa nem em exploração do agro ou no desenho dos jardins… senão para Castela que mira a França…
E olha que há muito a espelharmos nesses países atlânticos, no passado e no presente… se até quando nós secamos secam eles também… ;)
Ollo, que unha cousa é facer referencias ou metelos nun relato e outra prantexar unha novela de situación con todos os persoeiros: niso o último foi Pedrayo (que eu lembre e saiba). Morrison explícao moi ben no artigo: en poucas situacións cribles podes poñer a tanta xente de clases sociais diferentes vivindo baixo o mesmo teito. Quen se deu conta do inmenso potencial desas situacións foi a Pardo Bazán no seu tempo cos Pazos de Ulloa, que é unha novela sen dúbida maxistral. Pero in illo tempore…
É que os escritores escriben mellor sobre as cousas que coñecen. E a Pardo-Bazán era condesa, e Pedrayo exercitaba as súas saudades nas alturas de Trasalba… Ata vai ser que nin sequera escribiron da fidalguía por interesarlles, senón por tela a man.
A verdade é que, tematicamente, a literatura galega ten temáticas sobredimensionadas mentres que amplísimos eidos quedan a monte. Se un historiador do futuro tivese que reconstruír este mundo a partir da nosa literatura, pensaría que o principal acontecemento da historia mundial foi a guerra civil española, e nela todos os galegos eramos republicanos cargados de principios, obrigados a fuxir ao monte ou ao exilio.
hai unha excelente novela do 1987 moi esquecida de Antonio Rodríguez Baixeras
“O rei dos ameneiros”, “historia da casa grande de Lagares, na Mariña luguesa, e as súas relacións sociais e económicas co medio rural e vilego, mesmo con outros lugares non galegos. O mesmo tempo, relátanse os tamén breves, aínda que decisivos, días dun tal Pulpeiro, comerciante, de ideoloxía e con afáns “rexeneracionistas retirado á aldea coa súa filla Rosa e que entra en contacto cos señores de Lagares, Dona Clara e o seu fillo Gonzalo, e mais con outros personaxes tamén significativos no relato: labregos, caseiros, administradores, banqueiros, burgueses liberais e conservadores ou, simplemente, tolos ou vadíos….” http://bit.ly/ljMQJ4
despois hai que ir aos relatos de Ferrín en Arraianos –«A Quinta Velha do Arranhão»– ou outros, excelentes todos
ou doutra maneira nos poemas poemas de “A experiencia inglesa” de Paulino Vázquez, un poeta dos grandes, con mundo, coma unha barragem ou unha presa sabia e teimuda oposta ás cousiñas de moda literaria
a frase, nin siquera é unha idea, que me ven á cabeza é que foron as Casas Grandes as que nos abandonaron a nós, e non nós ás Casas; e ese resentimento terá moi difícil cura por varias razóns: a máis importante é a linguaxe: as Casas Grandes abandonaron o idioma, e a responsabilidade de dar nome, hai centos de anos, e iso é unha creba, unha dor, case insoportable á hora de escribir, e para a historia de Galicia; Pedrayo, xa viu iso de lonxe pero aínda pertencía, aínda tiña a lembranza das historias vellas da avoa; e por outra parte nos bos escritores cúmprese ese dito de que é o tema quen te escolle; vou dicir un disparate que sinto certo dalgunha maneira: as Casas escolleron non estar nos nosos soños, o seu desprezo, a súa mediocridade… os señoritos da miña contorna nunca falaron galego, non eran nós, acórdame moi ben cando fun presentado polo meu avó a un deles no adro, case reverencialmente, tendo eu 5-6 anos, o home co parkinson vello viña de Madrí nas festas, coa cámara de fotos para levar testemuña do tipismo, o tipismo era eu da man do avó, ou o palio nas festas cos vellos das casas de labradores
cando os doidos de A Esmorga entran no pazo, non saben como contar o que viron, non teñen idioma para dicir o que uliron, tocaron, beberon; non só que non saiban as palabras, non dan lido a realidade: as relacións entre as cousas da xente da Casa
etc; “e o gran sillón, a colgadura inmovel/ do para sempre abandonado leito/a cinsa fría do fogar sen lume…” Haberá que ler este libro de María do Cebreiro antes de seguir “FOGAR IMPRONUNCIABLE. POESÍA E PANTASMA.” para situarnos. http://bit.ly/jYESan
apertas
perdón, os versos son de Rosalía http://bit.ly/jGzaW7 http://bit.ly/ll248L
O último é A Gente da Barreira, de Carvalho Calero… 1950, na sombra imitativa de Otero, claro…
saúde
David, gran comentario. O de María do Cebreiro teño ben gañas de lelo, eu tamén.
Ollo, que o dos pazos ten unha doble lectura. Desde a Maxina ou a filla espúrea, a primeira novela en galego, escrita nun pazo, ou unha significativa parte dos poemas de Rosalía, escritos á sombra dun carballo no pazo de Lestrove, que aínda existe, a cultura do país, sobre todo no XIX e algo do XX, tamén lle debe bastante a estas Casas e a esta fidalguía intermedia. Que houbo moito señoritingo, sen dúbida, ese é máis, como en todas partes. Pero pense en boa parte da obra de López Ferreiro, escrita no seu pazo da Ulla, os textos de Cornide, o monumental traballo arqueolóxico de Federico Maciñeira sobre Bares, Ortigueira e toda esa zona…ollo, que houbo de todo.
ben sei Manuel que as cousas teñen moitas caras,
falo así por esas emocións que conforman a maneira de ollar o mundo na infancia e para sempre: dos catro señores de pazo ou fillos deles que coñecín hai 40 anos só lembro a displicencia coa que ollaban para a xente, o castelán, a “educación” (iso fíxome desconfiar da educación para sempre), e iso de clases pasivas…
se a isto lle apegas o ser formado aos 14 na poesía de Cabanillas lumes no pazo / follas de fouciño / etc e así outros prebes pois tes os ingredientes do meu compango mental (repite moito este compango, está pasado de graxas saturadas, ou saturado de graxas pasadas)
fixéchesme lembrar este artigo e a historia apaixonante que se move entre augas aí http://bit.ly/jLJybS
iso si que si merecería ser escrito, pediría que se abstivesen escritores/as que non lle visen o cú á curuxa, e que non teñan a puxanza no idioma nas veas (estou canso de idiomas hormonados no gran xerais enfermos de sinonimias, e de idiomas google traductor (que aposto que hai máis dun))
boh xa me liei
Concordo 100%, grande aforismo:
…é que foron as Casas Grandes as que nos abandonaron a nós, e non nós ás Casas…