A reinvención de Microsoft en Windows 8

Hai uns anos, cando se presentaron as primeiras betas do Photosynth de Microsoft -o software do que xa temos falado aquí, do que unha das súas aplicacións consiste en construír modelos dixitais de espazos a partir do procesado masivo das imaxes subidas por miles de usuarios en redes sociais-, o xefe de produto foi convidado a explicalo no TED -o famoso congreso de creatividade que se celebra anualmente nos Estados Unidos, pero tamén no resto do mundo, incluída Galicia-. Creo lembrar que unha das primeiras cousas que dixo o rapaz foi: “Ei, si que é raro que conviden a un de Microsoft a estar aquí”. Hai tres ou catro anos, Microsoft era un Diplodocus do software, con filosofías e interfaces pensadas nos 90 que a penas evolucionaran.

Esa broma de Blaise Aguera, o xefe de investigación do Photosynth, inauguraba unha nova liña de Microsoft, que en certo xeito convive coa súa filosofía máis tradicional. Mentres as súas liñas de empresa ou de usuario final son máis tradicionais, algúns produtos exploraron un concepto algo máis ceibo e aberto da rede e das súas posibilidades -ás que Gates e Ballmer foron, certamente, moi renuentes. Esa filosofía plasmábase na apariencia das interfaces dos sistemas operativos, anticuados e certamente demasiado ‘mecánicos’ (aínda que efectivos).

Por iso hai que ollar con moita atención este avance da nova interface de Windows 8. Non sei en que medida se implementará en todas as versións do sistema operativo (parece basicamente pensada para superficies táctiles), pero demostra que Microsoft ten certas capacidades de reinventarse que non son doadas para unha macrocorporación: pensemos no tremendo caso de Nokia, atrapada en numerosos dilemas. O Windows 8 parece amosar unha interfaz baseada no contido, máis que concebida en abstracto, con interesantes achegas na solución gráfica, por exemplo, da multitarefa. Botádelle unha visual.

6 Comentarios

  1. Andrés López
    5 / Xuño/ 2011

    Home, reinvención, o que se di reinvención, non é. É, como sempre, copia doutros sistemas. Se co windows orixinal plaxiou a Mac, agora está plaxiando ao descarado a Android. Eses movementos de fiestras e opcións téñochos eu no meu Samsung Galaxy con Android. Tal cal… O que non din é as máquinas que van facer falla para mover todo. Imaxino que andaremos nos catro núcleos mínimo. Agardarei a cambiar de máquina para xubilar entón o meu windows xp

  2. Miguel
    5 / Xuño/ 2011

    Orixinal, orixinal non se pode dicir que sexa. Algo ten collido de Android, pero do que màis està manando è do WebOS de Palm, hoxe xa integrado en HP.
    Haberà que recoñecerlles certo valor, pero ata en iso estàn simplementesegindo os pasos marcados por Apple.

  3. 5 / Xuño/ 2011

    Eu non creo que sigan unicamente os pasos de Apple: na elaboración deste sistema están unha chea de achegas diferentes; moitas delas xa flotan na cultura común dos novos xeitos de deseñar aplicacións. Eu mesmo vexo inspiración desa aplicación fantástica que é o Flipboard. A cuestión é que -eu non son nada entusiasta de Microsoft- dan un salto en deseño moi grande e importante, que poucas compañías se atreveron a dar, e que racha -cando menos visualmente- con toda a súa herdanza anterior. Para unha corporación enorme como Microsoft este é un paso moi grande, enorme que compañías máis novas como Nokia ou, noutra liña, Adobe, non son capaces de dar de xeito tan radical.

    Pódenos gustar ou non, pero a comparación coas versións anteriores do seu produto -o software máis vendido do mundo- permítenos falar dunha reinvención a nivel visual. De onde proceda cada unha das cousas, xa é outra cuestión.

  4. Xoán Castro
    6 / Xuño/ 2011

    ¿Limitarse a copiar? Eu vexo este teaser de Windows8 moito máis inspirado en Zune e en Windows Phone 7 que en iOS ou Android. De feito, é o primeiro sistema operativo con ambicións “masivas” que rompe coa metáfora do escritorio que nos acompañan dende os primeiros MacOS e Windows.

    O gran desafío é como conectar a ambición de “ordenador de consumo” (típico nos tablets e smartphones) coa vocación creativa típica dos PC’s de toda a vida (ofimática, edición, deseño…). De momento a solución que se ve no vídeo do outro día é un pouco chapuceira (o salto entre a interface Metro de Windows8 e a Aero de Windows7) pero teñen ano e pico para pulilo.

    Pode que Ballmer sexa un dinosaurio, pero dende que colleu o mando, Microsoft puxo sobre a mesa conceptos tan atrevidos como Surface, Courier ou Project Natal que se materializaron en interfaces como as de Zune , Photosynth, Kinect, Windows Phone e agora Windows 8.

    Sinceramente, a día de hoxe vexo moitas máis innovación nesta nova xeración de deseñadores de Microsoft que no que sae dos laboratorios de Apple. Que a interface do iPhone foi unha revolución brutal, dende logo. Pero van máis de 4 anos dende aquela mítica keynote de Jobs e non lle vexo unha gran evolución dende aquela.

  5. Miguel
    6 / Xuño/ 2011

    Non che discuto que a estética e parte do modo de interacción poida vir derivada do Zune, aínda que eu principalmente vexo influencia de WebOS e de iOS, xa incluso no Zune. Pero aseguroche que o troco de paradigma, que básicamente se trata de levar o modo de uso dos móbiles e tablets a computadores de uso masivo, eso xa leva certo tempo facendoo Apple, acompañado de algunhas solucións en Linux que claramente están a ter menos difusión entre o público xeral.

  6. Xoán Castro
    6 / Xuño/ 2011

    E co iPhone, Apple integrou nun dispositivo móbil a experiencia multimedia e de navegación web de equipos ‘maiores’ algo que dunha forma arcaica xa facían Nokia (Symbian na serie N), Microsoft (UMPC’s, Windows Mobile) ou Palm dende había anos. ¿Significa iso que Apple se limitou a copiar a Nokia ou Microsoft? Non, pero soubo aprender dos erros dos demais e aportar as súas propias ideas orixinais.

    ¿Que problema hai en que Microsoft intente facer o mesmo? Windows Phone 7 pode estar claramente inspirada nas vantaxes de iOs, Android, WebOS, Meego ou o que sexa, pero tamén aporta ideas propias moi orixinais que melloran a experiencia de usuario. Se iso me beneficia como usuario á hora de ter máis opcións (e máis baratas) á hora de comprar un móbil ou un ordenador, por min perfecto.

    Por outra parte, dicir que a Microsft de Zune, Photosynth, Kinect ou WP7 é igual que a das eternas versións clónicas de Internet Explorer, Office ou Windows de finais de 90 e comezos do 2000 é negar unha realidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *